Non sabemos se aquel pícaro que viu fútbol no Roca por primeira vez contaba con ter unha traxectoria como a que tivo. Diego Vivero Pernas (02-05-1984, Cabreiros – Xermade) criouse na canteira do Rácing Vilalbés. Medrou dándolle patadas a un balón no Roca e madurou no Ventiño. A súa primeira camisola no fútbol sénior, xa foi a que o acompañou durante toda a súa carreira futbolísitca. O central pecha unha etapa de dezasete temporadas no CD Goiriz. Deixa o fútbol como xogador, pero non descarta outros camiños.

Futbolinlugo: Cando decidiches deixalo?

Diego Vivero: Xa tiña idea de que se o equipo se salvaba, deixaríao ao final da temporada. Sinto que sexa así. Ninguén o sabía e foi o que tocou. Creo que era o momento de deixalo.

Fil: Cales son os motivos?

DV: Os anos van pasando. Cada vez tes máis molestias e rendes menos. É o momento tamén para deixar paso a outros.

Fil: Con que sensación marchas?

DV: Moi boa. Practicamente toda a miña vida estiven ligado ao fútbol. Xoguei federado uns vinte e cinco anos. Case todos os mellores amigos que teño saqueinos do fútbol. No Goiriz quédome coas relacións que fixen. Cheguei sen coñecer a ninguén. Levo amigos que os poderei chamar para o que queira e eles a min. É unha das claves do Goiriz. Ninguén se quere ir. Cora fomenta moi bo ambiente. Se non o disfrutaramos, non xogariamos gran parte deles. Si que somos un equipo veterán. A medio prazo haberá que buscarlles reemprazo.

«Gustaríame adestrar a rapaces»

Fil: Punto final ou punto e á parte co balompé?

DV: Estarei vinculado sempre. Non sei en que papel. Como afeccionado seguro. Tanto o fútbol en directo como o profesional que o vexo pola televisión. Fixen os cursos de adestrador. Non era tanto polo interese de ser técnico. Tiña curiosidade por velo dende outro punto de vista. Estiven dous anos facendo os cursos todas as semanas. Quítache tempo, pero aprendín. Non sei se nalgún momento tirarei por ese camiño. Non o descarto. Si que me gustaría adestrar a rapaces. Non a curto prazo.

Fil: Cambia a visión que ten un do fútbol ao facer os cursos de adestrador?

DV: O papel de adestrador é o máis complicado do que parece. Nunca se acordan de ti, tes malas caras… O futbolista por natureza é egoísta na súa maioría. Non é facil ser adestrador. Unha cousa é facer o curso; e outra tamén é levar un vestiario.

Fil: Egoísta en que sentido?

DV: Dende o punto de vista de que non sempre antepon o mellor para o equipo. Todos pensamos que merecemos xogar máis. Pero ao final de vinte xogadores no once titular, só saen once.

«Manel é mellor xogador agora que hai 17 anos»

Fil: Lembras como ficharas polo Goiriz?

DV: Un antigo compañeiro que un día pola noite díxome que fora xogar. Fun alí con 18 anos. Eran todo homes. Era o pequeno de todos e agora era o contrario.

Fil: Pero o máis vello non eras…

DV: Cando eu cheguei Manel xa era un dos veteráns. Paréceme unha cousa incrible con esa idade. Estou convencido de que é mellor xogador agora que hai 17 anos. Seguirá mentres el queira. Fisicamente mantense. E destacado. Sigue tendo esa chispa de velocidade. É rarísimo nun xogador desa idade. E que velo e dis Como lle pode gañar a carreira a ese rapaz?. Non me atrevo a dicir cando será o seu final. Ímonos indo todos e el queda. É un exemplo.

Fil: Cada vez vemos máis veteráns e menos novos; como ves a situación do fútbol afeccionado na provincia?

DV: O futbol no interior vai ter un problema a medio e case a curto prazo. As carreiras deportivas alongáronse moito. Antes era raro que alguén pasara xogando dos 30 anos. Era a barreira. Agora con 30 estás no mellor. A xente cóidase máis e adestrase mellor. Fisicamente mellorou o fútbol e o ritmo de xogo. As arbitraxes tamén son diferentes. Non se ven aquelas patadas de hai vinte anos. Pero si que a medio prazo vai ser un problema. Lugo é unha provincia moi envellecida. Vai ser difícil manter este número de ligas. Creo que en dez anos haberá menos equipos e, en consecuencia, menos categorías. Por unha cuestion de número. Hai menos rapaces e moitos cando teñen vinte anos vanse. É difícil xuntar vinte xogadores que estean tan preto. E Goiriz é unha aldea que ten que afrontar uns gastos e encima tes que buscar xogadores. Non lle podes dar máis incentivo ca pasalo ben. Vexo o futuro moi negro.

«Se Cora non estivera probablemente non existira o equipo»

José Manuel Rey Cora é a alma máter do Goiriz. Presidente, adestrador, xardiñeiro,…

Fil: Que foi o que nunca che fixo cambiar de equipo?

DV: Estar cómodo. Ao final xa é o teu equipo. Nunca planifiquei cambiar de club. Xa son os teus e vou con eles ata onde poda. Tampouco me botaron nunca. Sobre todos custoume os últimos anos nos que tes máis molestias, tes que sacar tempo para ir adestrar,… O único que me facía seguir era o grupo.

Fil: Cal é a categoría do Goiriz?

DV: Se ti repasas a listaxe de equipos, a división do Goiriz debería ser a Terceira. A maioría das parroquias estan aí. Na Segunda xa ves equipos que teñen un concello detrás con campos municipais e que, incluso, che poñen o autobús e unha parte importante da subvención de deportes vai para eles. Nos últimos anos o Goiriz moveuse polas dúas. E agora uns anos en Segunda salvándonos sempre sen poder presumir moito. Pero é un logro estar aí.

Fil: Que parte de culpa ten Cora para que siga en pé o Goiriz?

DV: Se Cora non estivera probablemente non existira o Goiriz. Moitas veces non se ve. É moi dificil que alguén asuma ese traballo. Que moitas veces é para criticalo. Non é fácil atopar persoas que lle dediquen tantas horas. É non é só que non ganes nada, é que che custa cartos. Foi así sempre. Pero cada vez queda menos xente con ese espírito de facer algo polos demais. Desde fóra a xente non se dá conta. Cora no Goiriz é todo.

Fil: Que é o que levas nas lembranzas?

DV: O máis bonito son ascensos. Levo tres e outros tres descensos. É moi bonito. Algunha vitoria en Copa nas categorías inferiores. Esa sensación de xogar unha final nunha eliminatoria tamén é moi atractiva. Porque o ascenso case o podes ir vendo con antelación. A Copa chegas é cando pita o árbitro é o principio. O Goiriz nunca foi moi copeiro agás dous anos. Recordo unha tempada que perdemos en semifinais co Guitiriz xogando con 8 e caemos eliminados a penaltis. Pero realmente quédome máis co día a día. Non xogaba por eses momentos. Xogaba polo grupo e por competir.

Fil: Que lle dirías @s rapac@s novos que están empezando?

DV: Que pensen no fútbol como un pasatempo. É un erro pensar nel como un medio de vida. Chegan a profesionais 1 de cada 10.000 rapaces. Que pensen competir contra os mais e cun mesmo. O obxectivo é ser mellores sempre cando ti o desfrutes. Non deixarse enganar polos éxitos momentáneos.

DIEGO VIVERO EN CURTO…

Un campo da provincia: O Roca porque leva 80 anos habendo fútbol. Eu aínda era dos que ía ver o primeiro equipo do Racing ao Roca. Despois xoguei alí moitos anos. Un campo que me gusta moito. Dos antigos. A xente está moi pegada e créase un bo ambiente de fútbol. É algo sentimental. Levo 35 anos de socio do Racing; non son obxectivo.

Un xogador: Xoguei con moitos moi bos. No Goiriz tivemos a Marquiños que era capaz de decidir partidos el só. Botaba desaparecido todo o partido e marcaba tres goles que facía el. Marcaba a diferenza na categoría.

Un adestrador: Seguramente Cora que tamén somos amigos. Cando cheguei fomos compañeiros. Axudou a que me integrara. Despois foi o meu capitán. E logo o adestrador. Levámolo ben, aínda que ás veces non é fácil. Quédome tamén co que Quique Prado me ensinou.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*