#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Diego Rego (E.D. Lourenzá): «É o momento idóneo para sumalos tres puntos e gañar confianza»

Non comezaron as cousas da mellor maneira para o Lourenzá nesta temporada. Con catro encontros disputados ocupan o derradeiro posto da Segunda Autonómica – Grupo Norte, con só un punto, o acadado en Santa Cruz na primeira xornada ante o Roupar. A partir de ahí, tres derrotas ante Comercial, Folgueiro e a derradeira, e quizais máis dolorosa en Goiriz a pasada fin de semana.

Quixemos conversar con Diego Rego, adestrador do conxunto laurentino, e gran coñecedor do clube desde dentro, que nos fai unha radiografía da situación do equipo.

FUTBOLINLUGO: O de Goiriz non foi o voso mellor encontro. Caestes derrotados sen ofrecer unha boa imaxe.

DIEGO REGO: Non demos a imaxe agaradada. O certo é que nos pasaron por enriba. Gústame ser autocrítico e recoñecelos nosos erros. Non tivemos a actitude axeitada, xogando así perdermos ante calquer rival.



«O obxectivo é competir partido a partido e rematala formación de xogadores da canteira»

FIL: Foi distinta a derrota en Goiriz que na casa ante o Folgueiro?

DR: Bastante diferente. Ante o Folgueiro, aínda que  o resultado foi abultado, competimos o partido bastante ben ata a metade da segunda parte, incluso nos puxemos por diante, pero logo cometemos erros atrás que ante un xogador como Aurelio páganse. Tivo cinco ocasións e marcou catro goles.



Diego Rego, no centro da imaxe, no día da súa presentación como adestrador do Lourenzá. Foto: edlourenza.blogspot.com

FIL: Este ano afrontades unha temporada, a priori, diferente ás últimas, nas que estábades ata o final loitando polo ascenso. Que cambiou respecto da última campaña?

DR: O obxectivo segue sendo o mesmo. Competir partido a partido e rematar de formar xogadores da canteira para que teñan minutos no primeiro equipo. Non temos o mesmo potencial respecto do ano pasado, xa que perdemos algún xogador, pero non se sabe ata onde podemos chegar. Necesitamos gañar un partido para ter máis confianza e logo o equipo irá para arriba.

«Quero darlle o meu apoio aos chavales, que ninguén se desanime que o equipo vai ir para arriba»

FIL: Tedes un plantel moi novo, con ata oito xuvenís, que necesitarán un proceso de adaptación

DR: Si, temos moitos xuveniles de primeiro ano, pero traballando como o levamos facendo coa canteira nos últimos anos, é o futuro do equipo do pobo. É a política que ten o clube, a min gústame, gústanos a todos, e temos que pelexar. Está claro que fai uns anos saiu unha xeración de xogadores moi bos en Lourenzá como Recalde, Montxo, Omar, Dani Rego, Bruno, Garrafín, pero temos que ir renovando o plantel pouco a pouco para ter un equipo competitivo en segunda e se pode ser en primeira.

Desde aquí aproveito para darlles o meu apoio aos chavales, que sigan medrando, adestrando e competindo como o veñen facendo e con traballo e esforzo consíguense os obxectivos. Que non se desanime ninguén que o equipo vai ir para arriba co apoio da afección.

«Temos a mellor afección da categoría, debemos responderlle cunha victoria»

FIL: Imaxino que os veteráns terán que selos referentes dentro do campo para toda esta nova xeración de xogadores.

DR: Por suposto, e están facéndoo con creces. Levan anos tirando do carro, xente como Garrafín ou Recalde, e outros máis. Os chavales aportan outras cousas, ilusión, calidade, garra… Creo que é o ideal esa mezcla para que todos teñan onde aprender.

Recalde, un dos veteráns, segue aportando a súa calidade e experiencia

FIL: Este sábado recibides en Santa Cruz ao Abadín, en plena Festa da Faba. Pode ser unha boa oportunidade para remontar o voo?

DR: É o momento idóneo para sumalos tres primeiros puntos na casa, ademáis en festas. Ben seguro que teremos o apoio da nosa afección, que sen dúbida é a mellor da categoría. Debémonos a ela, polo que debemos responder con actitude e cunha victoria.

FIL: Como ves esta Segunda Autonómica? Quen cres que pode loitar polo ascenso?

DR: Do que vin ata o de agora o Folgueiro creo que está un punto por enriba do resto. Parece que Xermade e Guitiriz comezaron moi fortes, pero a temporada é moi longa. Por exemplo, o Guitiriz a pasada temporada tamén comezou moi ben e na segunda volta desinflouse. É importante ir de menos a máis e non ao revés, poder manter unha regularidade que sirva para alcanzalos obxectivos.

Diego Rego (E.D. Lourenzá): «É o momento idóneo para sumalos tres puntos e gañar confianza»

O partido da xornada . . .

Diego Rego (E.D. Lourenzá): «É o momento idóneo para sumalos tres puntos e gañar confianza»

O partido en imaxes: Iberia C.F. –

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *