Importa o lugar, pero aínda ten máis importancia a compañía, tanto na vida como no fútbol. Porque para moitos o fútbol é a vida ou a vida é o futbol, aínda que obviamente haxa sitio para outras cousas. Pero, polo menos, hai que deixarlle reservada ao balompé unhas horas a semana. Así o fai, Diego Quiroga, máis coñecido como Coe, actual xogador do Garabolos da Primeira Autonómica Local de Veteráns que disputan equipos da cidade de Lugo. A pesar de dedicar a maior parte da súa carreira deportiva ao fútbol sala (xogou entre outros no Muebles Caloto que chegou a estar na División de Honra do fútbol sala nacional), Coe recuncou no Garabolos para desfrutar do fútbol a carón dos amigos. O equipo é de nova creación despois de que neste curso deixase de competir en sénior.  Unha forma de seguir practicando o que a un máis lle gusta e un xeito de relacionarse coa xente de sempre. Así o conta Coe (o seu alcume dende novo), a quen non lle importou repetir a entrevista dúas veces. A ver se polo menos estamos á altura.

Futbolinlugo: Como saíu o de xogar este ano en veteráns?

Diego Quiroga “Coe”: Somos un grupo de amigos de toda a vida. Coñecémonos dende que somos pequenos e, despois da desaparición do conxunto de rexional, decidimos xuntarnos. Todos xogamos anterioremente ao fútbol ou o fútbol sala (como é o seu caso) polo que fixemos un equipo bastante xeitoso, para competir como é debido.

FIL: Cal é o voso obxectivo?

Coe: Aínda que sexa unha liga de afeccionados e a intentación principal sexa a de divertirse, sempre che gusta competir e tratar de facelo o mellor posible; e tamén, por suposto, quedar o máis arriba que se poida na clasificación.

Coe, de pé, o cuarto empezando por calquera dos lados, xunto cos seus compañeiros do SDC Garabolos

“Aos que nos gusta o fútbol dende sempre, queremos seguilo practicando”

FIL: Que representa para ti xogar no fútbol veterán?

Coe: O punto número un é a diversión. O dous é o de seguir xogando, aos que nos gusta ao fútbol dende sempre queremos seguilo practicando aínda que só sexa un día a semana. Por último, o compañeirismo, estar coas amizades de toda a vida.

FIL: Ademais tedes un cadro de xogadores formado por xente con nome no fútbol provincial…

Coe: Sivorí, Camacho, David Soya…, xente que xogou sempre ao fútbol campo. Xogadores de Rexional e de Preferente. Camacho chegou un pouco máis aló ca o resto (xogou no Lugo).

FIL: Xogades nunha liga local, asique coñecedesvos todos?

Coe: Sempre digo que é unha liga “familiar” porque a maior parte da xente que xoga coñécela do fútbol, do fútbol sala ou de vela xogar noutros equipos. É un pouco unha liga de amigos.

FIL: Cres que cada vez o potencial é maior na liga de veteráns?

Coe: Está medrando bastante, porque non é unha liga de veteráns como hai unhas temporadas no que os xogadores rondaban os cincuenta anos. Agora, a maioría estamos entre os 30 e os 35, polo que sube a competencia. Está igualada a cousa, hai bastante equilibrio. Pero iso tamén che axuda a competir porque na competitividade tamén vai a diversión.

FIL: Tanto é o afán que este domingo xogades ás dez da mañá…, non importa madrugar?

Coe: Fastidia ás veces por temas de traballo de toda a semana. Pero agora coa idade que temos… a non ser que che coincidia alguna cea de antes (risas), xa ceas e vas para a cama. Igual aínda madrugas menos ca traballando.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*