A Sarriana é un dos equipos que máis se está movendo estes días no mercado provincial. Omar Rodríguez converteuse na nova fichaxe do conxunto adestrado por Alberto López nesta etapa na Preferente. Aos seus 31 anos cambia o Municipal de Castro pola Ribela despois de pasar por clubs como o Valadouro, Vilalbés ou Residencia. No equipo de Sarria non continúan Macía, Ivo, Sito, Samos, Fran, Raúl, Marino e André.

Un dos dianteiros máis destacados da provincia no aspecto goleador tamén atopou o seu sitio, aínda que non cambia de categoría. Óscar López deixa o Portomarín e ficha no Guntín, recén ascendido á Segunda Rexional. O xogador foi un dos revulsivos na segunda volta para que o Portomarín conseguise a permanencia. O seu irmán Ivi López tamén deixa o club.

Na Terceira, un dos equipos máis preocupados pola comunicación, a Milagrosa, chegou a un principio de acordo para que Fernando Currás siga como xefe de prensa e coordinador de porteiros. Ademais, Currás podería compaxinar estas tarefas ca de adestrador de porteiros noutro equipo. Na mesma categoría o Río Sil anunciou que comezará o 30 de xullo a súa pretemporada. De momento, comezará os adestramentos con cinco caras novas: Malulo (parado por lesión), David Castro (parado por estudos), Adrián Ruiz, Ángel (Brollón) e Santi (ex capitán Ferreira). O equipo que continuará sendo adestrado por Juan Diéguez xa ten confirmados varios amigables de pretemporada fronte ao Bóveda, veteráns Monforte, Incio, Ferreira e Brollón.

Por outra banda, o Castroverde presentará varios cambios despois do seu descenso. O capitán Richard será o adestrador despois da saída de Diego Gigan (será o segundo de Labrada no Riotorto), e xunto con el, quedaranse nove xogadores dos históricos do equipo. O cadro de futbolistas completarano con rapaces novos que foron saíndo estes anos da escola de fútbol sala. Richard fará ficha tamén como xogador, xa que non se quere retirar de maneira repentina do fútbol despois de 22 anos.

No Chantada feminino, Víctor Losada será o adestrador e terá como axudante a Álex Varela. O monfortino Víctor afronta por primeira vez o reto de dirixir a un equipo, despois de ser axudante no fútbol base. No cadro chantadino destacamos tamén que os xogadores do primeiro equipo, Anthony e Povis serán os técnicos do xuvenil B. Ademais, o Carballedo CF anunciou a undécima incoporación, Lucía Míguez Conde.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*