Kubala seguirá de amarelo

Volve o clásico do verán en pleno mes de maio. Coas competicións sen rematar e co futuro máis incerto que nunca. Pero hai costumes que xamais cambiarán. E Galicia sempre foi terra de mercados. Así que, sen máis, inauguramos oficialmente o Diario dun mercado da campaña 20-21.

Unha temporada que será a enésima para Marcos, o incombustible capitán do Iberia. Como adiantou El Progreso hai uns días. Falando de defensas, xa comentamos no noso Twitter a renovación de Xusto no Silva coruñés da Terceira División. Nesa mesma categoría, sorprendeunos o noso compañeiro Manu Amor co adeus de Alberto López a Arzúa. Espectacular curso o que firmou o preparador lucense, que será unha das pezas máis codiciadas neste tempo de bailes. Sempre mantendo a distancia social. Bailar pegados xa non é bailar nesta nova normalidade.

Adrián Vázquez deixará Monterroso

Saltamos cara a zona sur, onde todo apunta a un fin de ciclo en Monterroso. O coordinador Adrián Vázquez deixaría Cerdeiriños na procura de novos retos. No entanto, por Chantada semella que os do Atlético apostan pola continuidade. O groso do bloque, así como o técnico Fran García, continuaría unha temporada más polo artificial do Sangoñedo.

Por último, semella que os capitalinos da EF Polvorín pretenden manter moitas das súas caras á fronte da base amarela. De feito, o staff técnico dos xuvenís será o mesmo que o desta campaña. Borja Cruz manterase no equipo B mentres que o eterno Kubala adestrará ao xuvenil A, un equipo que podería disputar a Liga Galega. Todo queda en mans da Real Federación Galega de fútbol e a decisión final que tome sobre os ascensos de categoría.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*