A case un mes para o comezo de liga en Terceira, o Racing Vilalbés segue a apuntalar a súa plantilla. O conxunto chairego asinou ao centrocampista Javi Sandá, procedente do Laracha. Tan só un chanzo máis abaixo, a Sarriana fíxose cos servizos dos irmáns Keko e Jacobo Vilariño, ámbolos dous saídos da canteira do C.D. Lugo e na derradeira temporada no Somozas. Keko conta con tres anos de experiencia en Segunda B. Fichaxes de luxo para o cadro sarriao, que non agocha as súas cartas e ten o ascenso como obxectivo primordial. O C.D. Foz chegou a un acordo con Manu Pardo, gardameta ata o de agora no Mondoñedo, que chega ao equipo adestrado por Gayol para cubrir a baixa de Trullo.

Na Primeira Galicia, o Castro refórzase con Martín Díaz «Chufi«, mediocentro procedente do Outeiro de Rei e formado nas categorías inferiores do Racing Vilalbés. O Xove Lago renova ao asturiano Pelayo, que cumplirá a segunda temporada no conxunto verde.

Novidades tamén no grupo Sur da Segunda Autonómica. O Portomarín incorpora a Iago Barrio, que chega do Monterroso e a Raúl Roa, do recén ascendido Guntín. Pola súa banda, ao Paradela chega un xogador do pobo: Kevin Rivera, con pasado no Calasancio e tamén no fútbol sala.

Xa na Terceira Autonómica, o Matela conta con novo adestrador. Trátase de Carlos, ex técnico do Fonsagrada. Un dos conxuntos que arranca esta vindeira temporada, o Carballedo, faino con forza. Anunciou a chegada de Raúl Fernández, logo do seu paso polo Relámpago Taboada, do dianteiro Cristian Cabo que a pasada campaña vestiu a camiseta do Chantada Atlético e de Brais Virule.

A S.D. Burela renova a Lara Pernas e segue a darlle continuidade ao proxecto da pasada temporada, que tan bos resultados acadou.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*