Na Preferente comezan a poñerse en serio e os lucenses da categoría son xa claros protagonistas do mercado. O Foz renovou a Jacob, Cayón, Eijo e Dani Chao. Ademais incorporou ao primeiro equipo aos xuvenís Jorge Méndez e Álex Carreiras. E confirmou as dúas primeiras incorporacións. Álex Paz, ex do Viveiro ou do Xove Lago, e Miguel Gomes, procedente do Burela, son novos habitantes do Martínez Otero.

Na Mariña Oriental, o Ribadeo reforozou a súa portería. O gardamallas de Navia, Carlos Carrera xogará no Pepe Barrera procedente do Sporting Pontenova. Pola contra, non seguirá Pablo Rivas. O central de San Cibrao xogará esta campaña tamén na Preferente Norte, pero no Laracha. Despois da chegada do adestrador Dani Fernández, na Sarriana comezaron as renovacións. Josito, Luisma, Héctor e Omar apostan un ano máis polo equipo da Ribela. Tamén fóra das fronteiras da provincia vai continuar o porteiro Álex López. O monfortino fichou no Sofán. Na pasada campaña debutou na Terceira co Somozas e regresou logo ao Arteixo.

Omar marcou 13 goles na liga na súa primeira campaña como xogador da SD Sarriana

Na Primeira Rexional, o Burela refórzase con dous xogadores procedentes do Xove Lago. Ángel e Diego Chao xa foron presentados na Marosa. O dianteiro viveirense xa sabe o que é facer un répoker durante unha tarde. Coa xa contada fichaxe de David Ben, o cadro burelao suma tres incorporacións que semella que aumentarán nas vindeiras horas.

Diego Chao (segundo esquerda) marcou 11 goles na liga este curso pasado. Foto: SD Burela

Na Segunda Rexional, o Xermade aposta pola continuidade. Daniel Loures «Rebolo» comezará a súa cuarta tempada adestrando ao equipo no que xa estivera un ano como xogador. Na zona sur, o Páramo contará co tándem Brais Vázquez e Ángel Merino para dirixir dende o banco. Brais adestrou a pasada campaña ao Monterroso B e Merino comezou o curso no San Lázaro e rematouno no Matela.

Na Terceira Rexional, o Cazás fixo números pero seguirá competindo no fútbol lucense. Bruno, por motivos laborais, e Diego Morado «Dimo» non continúan no conxunto do Catro Ventos. Deixa o verde, pero Dimo segue como presidente. Antonio López está confirmado como adestrador. Xa axudou ao equipo no final da pasada temporada. Ademais Óscar Barro «Oki» volve ao campo. Tras case dous cursos exercendo de preparador volverá vestir a camisola vermella e negra. O equipo xermadino recupera para a causa a outro Óscar Barro. O de Burgás regresa despois dunha lesión. Martín Pernas que estaba sen equipo e o porteiro Iván Corral procedente da SD Guitiriz tamén fichan no club.

Na Segunda Autonómica do fut fem, o Carballedo ficha a porteira Laly Pérez. A gardamallas ourensá xa participou co conxunto da Barrela nos torneos de fútbol-7 en Bandeira e Negreira. Ademais, a chantadina Laura Vázquez e a xogadora local Paula Bugueiro renovan un curso máis. No equipo veciño da SD Chantada tamén conintúan os movementos. Lorena Vázquez ficha no equipo do seu pobo. Eva, Iria, Natalia López, Rocío e Raquel renovan.

No tocante ao fútbol base, Fernando Currás deixa de ser adestrador da Milagrosa, onde tamén desempeñaba labores de comunicación. O colaborador de Futbolinlugo en diversas ocasións, xa confirmou hai uns días a súa nova función como adestrador de porteiros do CD As Pontes. Ademais, o Foz tamén comunicou os seus adestradores. Lillo encargarse dos infantís, Burunda continúa nos cadetes e Javi Chinchón preparará aos xuvenís.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*