*Pastoricense-Burela: Encontro para o espectador, no que o Burela deixou escapar a victoria. Os mariñáns adiantáronse nunha primeira metade con múltiples ocasións para ambos equipos. Os de Jaime Méndez fixeron o segundo ao comezo da reanudación e o Pastoricense reaccionou. Os de Fran Veiga recurtaron diferenzas nun saque de esquina e empataron no desconto, en inferioridade numérica.

*Chantada Atlético-Xove Lago: Máis aire para un Xove Lago que logrou o seu primeiro triunfo a domicilio. Segunda victoria consecutiva dos de José Manuel despois dun encontro igualado ante un rival directo. O Xove mandou na primeira metade e adiantouse cun tanto de Juanjo Coello. Na reanudación cambiou o decorado. Saúl Linares empatou e os locais marraron oportunidades para tumbar ao seu rival. Os mariñáns aproveitaron a ‘vida extra’ e Diego Chao, cun doblete, certificou o triunfo do Xove Lago.

*Riotorto-Friol: Duelo non apto para cardíacos e no que se rexistraron ata catro penas máximas. O Friol abriu a lata nun penalti sobre Rafa Casanova, que transformou o propio xogador. Pablo Ruiz empatou dende os once metros na última xogada da primeira metade. No descanso, cambios obligados de Rafa Casanova e Pájaro para que puidesen adestrar aos seus respectivos conxuntos. A segunda metade arrancou cun novo penalti, materializado por Felipe Varela para os locais. Adrián perdonou o empate de penalti e foi Marcos o que firmou o definitivo 2-2 en boca de gol. Os últimos minutos foron de infarto, a tumba aberta. Ocasións para ambos e un gol anulado a cada equipo por fóra de xogo. A mala noticia do partido foi a lesión de Juanmi no tabique nasal. O meta dos mariñáns xa foi operado satisfactoriamente.

*Taboada-Lemos: O conxunto de Martín Murado sumou un valioso punto ante o líder no Castro Seoane de Antas. O Taboada fíxose forte a balón parado ante un Lemos que se puido adiantar na primeira metade. Na reanudación, os monfortinos desperdiciaron ata tres oportunidades a pracer. Castañer foi expulsado no tramo final e os da Medela confiaron máis que nunca en sí mesmos. Meteron atrás aos de Edu Rodríguez e Moski tivo unha magnífica ocasión para firmar a victoria. Arturo gañoulle a partida e o ‘resultado gafas’ mantívose.

*Pol-Chantada: O conxunto de Juan Rodríguez xa está aí, en plena pelexa pola zona de ascenso. Adiantáronse pronto os do Sangoñedo ante un Pol que asumiu a iniciativa. Ferre sostivo a vantaxe do Chantada na primeira metade e os visitantes melloraron tralo descanso. O equipo da Vila do Asma puxo o 0-2 ao comezo da segunda parte e mesmo se permitiu o luxo de errar un penalti. Aínda así, quedou tempo para ver unha nova boa parada de Ferre.

*Atlético Escairón-Monterroso: Emoción no Saviñao nun duelo no que se asubiaron ata tres penas máximas. O Atlético Escairon tivo máis balón e marcou dous goles a balón parado no primeiro tempo. Na reanudación, o Monterroso firmou a machada e remontou na media hora final, chegándose a poñer 2-3. O último gol dos de Cerdeiriños chegou nun penalti de Barrio. Porén, aínda houbo tempo para un tanto máis de Asier. No desconto, e tamén dende os once metros. O que lle permitiu aos de Eskalza salvar un punto ao límite.

*Sporting Pontenova-Páramo: Gran posta en escena da Pontenova que non tivo premio. O Páramo cortou a súa mala xeira cunha remontada ao grande. Borja Rasilla empatou o tanto inicial dos locais xusto antes do descanso. E na segunda metade, quizais se viu a mellor imaxe dos das Rapadas nesta tempada. Dieguito e Robertito explotaron ambas bandas e así foron chegando os goles, obra dos dous irmáns. Todo isto en vinte minutos. Despois perdeuse ritmo cos cambios.

*San Ciprián-Residencia: Choque de poder a poder no que a Residencia asumiu a iniciativa. Foi o San Ciprián o que abriu a lata, cun penalti transformado por Borja Mella. Os capitalinos empataron nun tiro lonxano. Nunha falta lateral, na última xogada do primeiro tempo, fixo Dani Sante o 2-1. Adrián volveu igualar do mesmo xeito, nunha falta lateral, nada máis comezar a segunda metade. O final resultou trepidante. Os de Álvaro Meilán reclamaron un penalti e os mariñáns viron como o colexiado lles anulaba un tanto por fóra de xogo na última acción do encontro.

*Outeiro de Rei-Santaballés: O duelo entre aspirantes saldouse cunha victoria pola mínima para o Outeiro. Os de Cholas colócanse na segunda posición. A primeira metade resultou nivelada. Pereira tivo as mellores dos locais e o colexiado anulou un gol a Diego Seijas. Os chairegos xeraron perigo á contra. Na reanudación, o Outeiro fíxose coa posesión e Álvaro marcou o único tanto do encontro. O gol sacou todo o orgullo do Santaballés, que a base de fútbol directo encerrou ao seu rival en campo propio. Os de Moirón dispuxeron de varias oportunidades claras de gol porén os puntos quedaron no Municipal.

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*