O compromiso do noso fútbol coa causa social segue vixente. A Mariña está volcada co futuro de Alcoa e os seus equipos de fútbol tamén. Baixando cara a Terra Chá, o Xermade continúa dando recitais nas redes socias. E no campo tamén comeza a despuntar. Ademais, o Friol presome por todo o estado.

O fútbol mariñán con Alcoa

A incidencia da empresa Alcoa en toda a Mariña é innegable. Dáse a todos os niveis. Estes días o fútbol tampouco é alleo a moitas das reclamacións que fan os traballadores e veciños para que a empresa se manteña. Incluso varios dos xogadores e xente do balompé da provincia forma parte dos operarios de Alcoa. Equipos como o Xove xa apoiaron nas redes sociais a concentración da semana pasada. Esta fin de semana o Burela foi un dos que amosou o apoio no seu encontro de liga ante o Chantada. O partido rematou con empate a un gol. O Burela é 5º, un posto por detrás do seu rival.

Peregrinación con marca friolesa

Esta tempada está sendo toda unha experiencia para o Friol. A Reto Iberdrola, a segunda categoría do fut fem español nestes momentos, permítelle viaxar pola parte norte e centro do estado. Esta xornada visitaron a Cidade Deportiva do Wanda. Alí enfrontáronse ao Atlético de Madrid B (5-2). O cadro friolés enfrontou esta xornada con baixas. Laura Gallego, Andrea Mirón e Jessi están xogando o Mundial de fútbol praia coa selección española. O Friol é 12º clasificado, tres puntos de diferenza co descenso.

Dobre celebración

O Xermade festexa os goles no campo e tamén nas redes sociais. Esta pasada xornada o equipo levouse o derbi xermadino ante o Roupar. 3-1 foi o resultado final. Con goles para os locais de Borja Pereira, Tony e Hugo Corral. O resultado permítelle ao conxunto preparado por Rebolo entrar nos postos de ascenso directo. Pero nin Tony levanta pesas, nin Hugo é maquinista. Viva o humor.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*