A filosofía do Racing Villabés nos últimos anos está sendo clara: apostar pola xente da casa para formar un grupo sólido de xogadores que compitan cada domingo. Nos últimos anos, futbolistas como David Vérez ou Aitor Moreda tiveron un imporante papel na Terceira División despois de pasar toda a súa vida nas distintas categorías do conxunto chairego. Este ano, o clube volve apostar por dous rapaces recén saídos do xuvenil para afrontar a nova campaña. Eles son Anxo González (Vilalba, 2001) e David López (Lugo, 2001).

Os dous mozos soben ao primeiro equipo tras as súas destacadas actuacións no equipo xuvenil. Anxo leva desde pequeno no equipo da Madalena -cun parón no CD Lugo-, mentres que David chegou no seu primeiro ano de xuvenil procedente das EF Polvorín.

Xa no primeiro ano que coincidiron no campo (2017/2018) deron mostras da súa calidade na División de Honra e na Liga Galega, para despois distinguirse ambos como pezas fundamentais dos conxuntos que acadaron a permanencia na Liga Nacional (2018/2019 e 2019/2020) da man de Cholas e ascenderon de novo ao xuvenil «B» á Liga Galega (2018/2019) co preparador Iván Lamas.

Durante estes anos, tanto Anxo (mediocentro «todocamino») como David (quen xoga algo máis adiantado) foron habituais nos adestramentos do primeiro equipo. Porén, é certo que para asinar por un conxunto de Terceira División no seu primeiro ano sénior hai que demostrar moita actitude, pero tamén aptitude. Hoxe, falamos nunha entrevista dobre con dous dos futbolistas que están chamados a ser o futuro da provincia.

Futbolinlugo: Contabades con formar parte do primeiro equipo do Racing?

Anxo González: Simón falara conmigo o ano pasado, dicindo que me daría continuidade, non contaba ao 100% porque non fixen un bon ano comparado cos anteriores, pero si que contaba con poder quedarme.

David López: Eu tiña dúbidas, pero si contaba con facer a pretemporada e, dependendo do meu traballo, formar parte ou non do primeiro equipo.

David (de cara) e Anxo (7) celebrando un gol no seu primeiro ano xuntos.

FIL: Como vos sentides?

AG: Con moitas ganas e ilusión, traballo non vai faltar. A ver se temos algunha oportunidade e trataremos de dalo todo en cada adestramento.

DL: Eu estou moi motivado, creo que hai un moi bo grupo de traballo e a ver se aproveitamos as oportunidades que teñamos para demostrar que si que damos o nivel.

FIL: Cales son os obxectivos do Racing nesta 20/21?

AG: Competiremos todos os partidos ao máximo nivel e a ver que nos depara esta liga un tanto estraña para o que estamos afeitos.

DL: Aínda non se falou nada, eu penso que hai bon equipo, pero vai ser unha liga moi dura, con oito descensos e sen marxe de erro. A permanencia como mínimo e de aí para arriba.

Ambos xogadores coinciden en que buscarán oportunidades para demostrar do que son capaces.

FIL: E os obxectivos a nivel individual?

AG: Buscar as oportunidades para demostrar que podemos estar no primeiro equipo.

DL: Competir, que Simón saiba que somos dous máis, que imos dar guerra e pelexar polo posto, e sempre buscar o mellor para o equipo.

FIL: Hai diferenzas entre adestrar cos xuvenís e facelo cos homes máis curtidos da Terceira División?

AG: Eu deixeime ir coa cuarentena, pero está claro que vas cunha mentalidade diferente. Ao principio veste superado pola intensidade dos adestramentos de Terceira División, pero pouco a pouco vas tratando de igualar eso.

DL: Eu adestrei todo o verán para chegar o mellor posible, e iba convencido de que ía ser dos mellores a nivel físico, pero equivoqueime completamente porque todo o mundo chegou espectacular. Nos adestramentos todo o mundo da o 100%, van ao límite, todos queren xogar. O nivel é moi alto e a intensidade tamén, pero estou moi contento.

FIL: Como están sendo as primeiras sesións na era Covid?

AG: É algo complicado. A un xogador o que lle gusta é que haxa contacto, posesións… que sexa similar a un partido. Adestrar sen contacto, separados… fai os exercicios máis pesados, pero hai que seguir así mentres nos manden e currar o que se poda.

DL: Adestramos en dous grupos de 12 xogadores, todos sen contacto e agardando a que nos levanten a restricción.

Anxo González: «Destacaría o meu debut en Terceira na Malata.»

FIL: Podedes quedarvos cun mellor momento no fútbol base?

AG: Non sabería dicir un en concreto. Quizais o ano en División de Honra, cando sacamos o primeiro punto contra o Areosa. Tamén cando debutei na Malata en Terceira División, por suposto.

DL: Eu escollería unha remontada que fixemos en cadetes co Polvorín. Perderamos 5-1 no Milladoiro e remontamos 5-0 na Polvoreira, onde marquei dous goles. Ademáis tamén destaco o meu debut en Terceira División contra o Pontellas o ano pasado.

Anxo (esquerda) e David (dereita), xunto ao corpo técnico do Racing xuvenil.

FIL: E peor?

AG: A nivel individual, lémbrome de que o día que debutei cos infantís do Racing -sendo alevín de segundo ano- contra o Ribadeo. Estaba no primeiro pau nun córner en contra e marquei un gol en propia. Teño eso na mente gravado. A nivel grupal o descenso en xuvenís, un ascenso que nos quitou o Imperátor no último minuto en infantís…

DL: Teño varios, o descenso co xuvenil «B» do Racing á liga local, ademáis das promocións que perdimos co Polvorín en infantís e cadetes.

David López: «Estou moi agradecido a Francisco Caballero e a Simón Lamas.»

FIL: Tedes algún adestrador que vos marcase ao longo da vosa formación?

AG: Polos anos que me adestrou e as oportunidades que me deu, está claro que Simón Lamas. De todos xeitos, estou moi agradecido a todos, de todos aprendín algo sen dúbida.

DL: Estou agradecido a todos, no Polvorín en concreto a Francisco Caballero e no Racing a Simón -por suposto- pero tamén a Jandro, a Cholas… de todos aprendín un pouco.

Os futbolistas trasladan a súa boa relación a fóra do campo.

FIL: Hai xogadores na base con opción de subir ao primeiro equipo nos vindeiros anos?

AG: Si, xa se apostaba pola base pero ao estar Simón apóstase máis. Hai nivel de sobra na base para chegar ao primeiro equipo.

DL: Si, mentres Simón sexa o técnico si. Hai xogadores moi capacitados que dan o nivel perfectamente.

FIL: Que aspiracións tedes no mundo do fútbol?

AG: Eu vou a curto prazo: ter minutos e non virme abaixo se vexo que non me dan moito xogo, seguir traballando para pelexar polos minutos. É a única aspiración que teño a día de hoxe.

DL: Eu diría o mesmo. Sei que o primeiro ano de sénior nun clube coma este non será doado, pero tenterei facer ver ao corpo técnico que podo, e a partires de aí ir medrando pouco a pouco e a ver que depara o futuro.

Con isto, poñemos fin a esta entrevista e agradecemos a Anxo e a David a súa boa predisposición, ademáis de desexarlles a mellor sorte no futuro. Porén, como bon coñecedor do seu fútbol, podo afirmar que pouca sorte necesitarán para triunfar!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*