Poucos anos atrás, o Lemos viviu unha das situacións máis críticas da súa historia, tanto a nivel deportivo como económico. Cun enorme traballo da nova xunta directiva e tamén do corpo técnico, o conxunto monfortino trocou a súa filosofía e tras voltar á Preferente, afronta unha temporada ilusionante co gran obxectivo de manterse na categoría.

Un dos buques insignia do proxecto do Club Lemos é Adrián Armesto. O atacante está a ser un dos máis destacados do equipo adestrado por Edu Rodríguez. Falamos con él.

FUTBOLINLUGO: Como ves este primeiro tercio de temporada do Lemos?

ARMESTO: Comezamos a pretemporada con sensacións moi boas. Fomos quen de competirlle a equipos de Terceira División e acadamos un gran nivel de xogo. Na primeira xornada sacamos os tres puntos nun campo moi difícil como é o do Dubra, e despois entramos nesa racha negativa de varias derrotas consecutivas da que nos costou saír, pero estabamos seguros que o lograriamos. Ata o de agora estamos competindo ben e firmamos un aprobado no que vai de liga.

‘Se logramos mellorar en defensa teremos moito camiño andado para acadala permanencia’

FIL: Bastantes xogadores debutaron este ano en Preferente, polo que a falta de experiencia puido ser un dos factores polo que vos costou arrancar.

A: Non o creo. É certo que para moitos integrantes da plantilla este é o seu primeiro ano en Preferente, pero todos eles están a dar o nivel que esta categoría esixe, polo que non creo que influíse moito este aspecto.

FIL: Sodes o segundo equipo que máis goles encaixa da categoría. A permanencia pasa por mellorar en defensa?

A: Todos, desde o cadro de xogadores ata o corpo técnico, somos conscientes do que supón iso supón. E estamos traballando para tentar correxilo, comezando desde a liña de ataque ata o porteiro, xa que sabemos que a permanencia pasa principalmente por encaixar poucos goles. En ataque temos un gran potencial, polo que se logramos mellorar neste aspecto teremos moito andado.

‘A aposta pola xente da casa creo que é a liña a seguir’

FIL: Cada ano a permanencia en Preferente é unha batalla sen tregua. Cres que este ano será igual?

A: Tódolos anos recordo unha Preferente moi axustada. Lembro o meu último ano nesta categoría co Lemos  na cal marcamos o descenso  e logramos salvarnos con 54 puntos, e iso xa o di todo… Creo que este ano, pra non variar, estarán as cousas de novo moi reñidas.

FIL: O voso míster apostou por un modelo de equipo formado por xogadores da comarca. Á vista está que podedes competir en Preferente. Cal é o teito deste equipo?

A: Si, salvo dous ou tres xogadores todos somos da casa creo que esa é a liña a seguir para que o Lemos se faga forte  nesta categoría. Co tempo poderemos aspirar a metas máis ambiciosas, xa que, na nosa comarca hai xogadores dun gran nivel , que algúns están sen xogar por motivos laborais e outros están noutros equipos, pero co tempo creo que rematarán xogando no Lemos.

‘Cada temporada hai mellores xogadores e equipos na Preferente’

FIL: A afección da Pinguela volveu ilusionarse co equipo logo duns anos difíciles e é un dos campos cun mellor ambiente cada xornada. Imaxino que será o seu apoio será fundamental de cara ao obxectivo da permanencia.

A: É un auténtico pracer xogar os domingos na Pinguela con case todo o estadio cheo, chegando ás veces aos 800 afeccionados. A xente está moi ilusionada co equipo e acuden ver aos seus veciños, amigos, compañeiros de traballo, etc. Ao final coñecémonos todos no pobo e este é un dos principais motivos polos que se rexistran estas boas entradas. Agardemos responderlles con bo xogo e coa permanencia.

FIL: A nivel persoal, como te atopas nesta temporada do teu retorno á Preferente?

A: A verdade é que me atopo nun dos meus mellores momentos desde que xogo ao fútbol, non só polo meu estado a nivel deportivo, senón tamén polo meu estado anímico co equipo. Síntome moi querido polos compañeiros e polos afeccionados. Somos unha auténtica familia e hoxe en día iso é moi difícil de atopar nun vestiario. Non só nos xuntamos para adestrar e xogar, facemos vida entre nós como se fosemos irmans, ceamos moitas veces xuntos, facemos actividades, ímonos de vacacións, moitas cousas . . . Creo que iso é o máis fermoso que che pode dar este deporte.

FIL: Como ves a categoría a nivel global? Que foi o que máis te sorprendeu nesta temporada?

A: É unha categoría que che esixe estar sempre ao teu mellor nivel, xa que o marxe de erro é moi pequeno e non te podes despistar nin un só intre. Os niveis de adestramentos, partidos, intensidade de xogo son moi altos e iso gústame. Xa non é o meu primeiro ano na Preferente, pero o que máis me sorprende a medida que pasan os anos é o nivel dos xogadores. Case tódolos equipos ano tras ano forman mellores planteis e moitos xogadores con moita experiencia e gran nivel xogan nesta liga.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*