Despois do tremendo éxito da primeira edición, temos o pracer de anunciarvos que xa está en marcha o II Ranking de Pádel Futbolinlugo. Unha competición que responde á principal máxima coa que naceu esta web. Crear unha verdadeira comunidade futboleira, na que os estamentos e as categorías quedasen a un lado. Para así poder desfrutar todos xuntos.

A pasada final de consolación

Explicamos a iniciativa. Queremos crear unha nova Liga de Pádel cun mínimo de doce equipos (de dous ou tres integrantes en cada un). E todo elo nas novidosas instalacións de Lucus Pádel (seis modernas pistas no barrio das Gándaras da capital lucense). O funcionamento é moi sinxelo. Precisamos equipos de xente do balompé lucense. Xogador@s, adestrador@s, colexiad@s, delegad@s, directiv@s… Unidos en función do seu clube (pode haber varios equipos por clube), para competir os uns contra os outros na mesma categoría salvando as distancias entre a Terceira División e Terceira Galicia con catro palas e unha pelota de por medio. De xeito lúdico, como nos gusta. Tamén permitimos, como nos solicitastes o ano pasado, que este torneo sirva de excusa para reunir a vellos amigos ou compañeiros. Xuntarse xente de diferentes clubs que un día compartiron vestiario (o nome do equipo será o daquel no que coincidiron no seu día). E, como principal novidade este ano, permitimos conxuntos de fútbol sala. Sodes varios os que nos pedistes que fagamos unha web ou sección sobre este deporte. Algo que non plantexamos a día de hoxe. Pero si responder a ese agarimo e fidelidade, deixando que sexades un máis da nosa comunidade nesta iniciativa.

Garantimos un mínimo de quince partidos e fin de festa final, cun play off nun sábado ou domingo na primavera-verán. O mellor de todo é a flexibilidade horaria, xa que sabemos as dificultades de todos para conciliar a vida laboral e o ocio. Cada xornada terá dez días de marxe para disputarse, poñéndose os dous contricantes dacordo na data e horario a elixir. Vós elixides a hora do voso encontro (total disponibilidade agás a franxa de 20:00 a 21:30 horas de luns a venres). E non hai problema de aprazamento de partidos, en caso de lesión ou causa xustificada.

Os gañadores levaron cadansúa pala de agasallo

A composición deste Ranking, quedará en función do número de equipos inscritos. Cantos máis, mellor! Por iso, todos os que estedes interesados pregámosvos que nolo fagades saber nos próximos días. Deste xeito, podedes cubrir a seguinte folla de inscrición antes do próximo venres 28 de outubro, e enviárnola ao noso correo futbolinlugo@gmail.com ou ben entregala nas propias instalacións de Lucus Pádel. Nós xa facemos o resto. A idea é comenzar a competición na semana do 2 de novembro, compensando así a falta de fútbol cun dos deportes máis seguros da ‘nova normalidade’. O custe por persoa será de 25 € de inscrición máis 5 € cada encontro xogado e todos os participantes recibirán unha camiseta de recordo e agasallo. Ademais agora xa sabedes que os premios da fase final son máis que suculentos… E irán acompañados duns pinchos gratuitos o derradeiro día (se a pandemia o permite).

Agardamos contar con todos vós! E xa vos adiantamos que Futbolinlugo terá o seu equipiño outro ano máis (aínda que con cambios). Se vos gusta este deporte e queredes desfrutar dunhas instalacións de última xeración cos amigos, esta é a vosa Liga. Aquela na que o Polvorín pode perder co Matela e o Santaballés co Corgo. A maxia do noso fútbol nunha pista de pádel!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*