Se a “Candelaria” chora, media liga vai fóra; se a “Candelaria” ri, media liga está por vir. Tirando man do refraneiro popular e pasándolle un filtro futbolístico, as predicións dinnos que queda moito que dicir nos 13 partidos que restan na Segunda. Porque a Candelaria precisamente sorriu nunha finde na que se afasta do descenso. E a liga iguálase, sobre todo, no grupo norte. Contámolo nos Onces da 17ª xornada da Segunda Rexional.

Pasa unha semana e vira o aire. Nesta xornada vólvese apretar a clasificación do grupo norte. Porque o Alfoz mantense líder, pero perdeu despois de 15 xornadas. Superouno un Sporting Pontenova na Mina que vai á alza e está a 4 puntos do segundo. Non foi o mellor partido do cadro alfocense. O bo facer dos locais e as baixas notáronse. Desprazáronse con 13 xogadores. Agora a diferenza co Sanci volve ser de dous puntos. Os pupilos preparados por Carra venceron na Veiga ao Guitiriz. Reencontráronse co triunfo logo de catro encontros. E ollo que por detrás avisan o Cabreiros e o citado Sp. Pontenova. O conxunto xermadino é terceiro a tres puntos do Sanci. Os xogadores preparados por Abel Rochela non fallaron na súa visita ao Abadín. E iso que Meizoso tivo que vestir as luvas e poñerse de porteiro. Lino estaba sancionado. Ademais era o día no que Vicente e Seijo volvían a súa casa. E casualidade, destino ou simplemente cousas do fútbol os dous marcaron cadanseu gol que significou a vitoria do Cabreiros. Os locais seguen como pechacancelas do grupo.

Nun duelo directo por mirar cara arriba, o Cospeito e o Xermade igualaron a un gol na Fonte. Namentres o que continúa no seu bo momento é o Roupar. Venceu a un Meira que non tivo o seu mellor día na Lomba. Suma oito partidos sen perder. É o equipo máis en forma do grupo a pesar de ocupar a 10ª posición. Andy e Sebas puxéronlle o toque goleador. Tamén foi unha xornada importante para a Candelaria. Abre camiño cun rival directo. Superou ao Muimenta na Granda na fin de semana da súa patroa. Púxose cunha vantaxe de dous goles. Rocky non marcou, pero fixo dobrete en pases de gol. De pouco valeu para o resultado o tanto do Muimenta. Iso si, non todos os días marca o teu porteiro. Javier Noche pegoulle con todo dende o seu propio campo e o balón entrou na portería rival. Vitoria importante do Mondoñedo que marca distancias coa zona máis baixa da táboa. O gol de Vázquez serviu para derrotar a un frouxo Celta Barreiros ao que tampouco acompañou a sorte. Pedro e Damián retiráronse lesionados. Tiveron que acudir ao hospital. Pedro rompeu tres costela e Damián tivo que quedar unha noite ingresado. Cando Damián se lesionou o equipo xa estaba sen cambios. E foron expulsados por dobre cartón Ferro e Makina. O Mondoñedo tivo opcións para ampliar o marcador. De feito, René paroulle un penalti a Javi Celes. E noutro partido directo da xornada nin o Iberia nin o Goiriz foron quen de marcar. Quedan cunha diferenza de catro puntos. O cadro de Reinante en descenso directo e o equipo vilalbés marcando a salvación (sen ter en conta os arrastres). Máis aló do puramente deportivo os dous conxuntos deixáronnos unha das imaxes da xornada. Xuntos os dous capitáns. Marcos e Manel. Emblemas de cadanseu club e do noso fútbol.

No grupo sur, o San Lázaro continúa ao seu. Sumou a 14ª vitoria da temporada. Superou pola mínima ao Paradela na Ponte. Xustamente o único rival que foi quen de gañarlle nesta liga. Na 1ª volta no Gandarón o resultado fora tamén de 2-1, favorable ao equipo preparado por Rubén Bergantiños. A distancia co Ferreira mantense nos nove puntos. O equipo de Pantón gañou no Tras do Novo ante o Santa Comba. A nivel goleador chegoulles co dobrete de Rafa. Segue a 3 puntos do segundo o Portomarín. Na pasada finde venceu ao Quiroga no San Martiño. Acumula cinco encontros consecutivos sen perder. Hugo marcou dous dos tres goles dos seus. Outro que atravesa un bo momento é o Río Sil. Seis partidos seguidos sen coñecela derrota. A última vitoria produciuse con claridade ante o Bóveda. Isma anotou catro goles e Anás realizou un hat-trick regresando as posicións de ataque. Leva xogando parte da tempada como defensa.

Pero para goles os que se viron no Carboeiro. Dez en total; cinco para o Incio e outros cinco para o Páramo (hat-trick de Rober incluído). No tempo de lecer o Páramo gañaba por 1-3. O cadro amarelo chegou a remontar e colocouse 4-3 no segundo tempo. Con dobrete de Hugo e un gol de Orlando. Pero o rival fixo o mesmo. O Incio quedou cun menos pola expulsión de Vila. Nos últimos intres os locais conseguiron igualar cun gol de Diego. Na sétima posición colócase o Becerreá logo de superar ao Palas. Con protagonismo para os xuvenís, aínda que algúns como José Lexo xa están na dinámica do primeiro equipo. Damián e Cristian tamén tiveron o seu protagonismo. E Ily estreouse cos maiores. De feito, Damián e Lexo crearon a xogada do primeiro gol xa na segunda metade. O Palas logrou empatar. Pero nos intres finais o gol de Xairo significou que os tres puntos quedaran na casa. Nun duelo de equipos que queren marchar da zona baixa, o Corgo e o Oural empataron a un gol. Nesa mesma situación tamén anda metido o Brollón. Que conseguiu unha vitoria sobranceira. Ante un rival directo. Superou no Sangoñedo ao Chantada B que está en zona de descenso. A diferenza entre eles queda en 4 puntos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*