Comeza o ano e como apertivo ao día de Reis, varias categorías do noso fútbol xa se poñen a andar. Aquí unha pequena escolma dos encontros máis destacados:

TERCEIRA DIVISIÓN

 – Racing Vilalbés – U.D. Ourense (Domingo ás 16 horas na Madalena): o conxunto chairego, aínda co derbi ante o Polvorín por disputar, suma dous triunfos consecutivos e atópase nun bo momento de xogo. Recibe a outro conxunto en forma. Os ourensáns suman catro vitorias seguidas e achéganse á zona alta da clasificación logo dun mal comezo de campionato.

PREFERENTE NORTE

 – Viveiro C.F. – S.D. San Tirso (Sábado ás 16 horas en Cantarrana): logo de empatar co Ribadeo en liga e perder na Copa Deputación, o cadro viveirense tentará reencontrarse coa vitoria diante da súa afección para manter así as diferencias cos seus perseguidores. Non o terá doado ante un San Tirso que está a ser unha das revelacións da categoría.

– C.D. Foz – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 12 horas no Martínez Otero): encontro clave para os de Gayol. Reciben a un Montañeros que marca o descenso con tres puntos e un partido menos que os focenses, pero que con Moisés Pereiro no banco experimentou unha notable melloría. Os mariñáns, que non gañan desde o 27 de outubro, precisan dunha vitoria para fuxir do descenso directo.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – S.D. Pol – C.D. Guntín (Domingo ás 12 horas no Manuel Luna): o cadro local buscará resarcirse da última derrota no Acebreiro con tres puntos que os sigan situando na zona de privilexio. Enfronte un Guntín que xa foi quen de gañar nos campos do Riotorto ou Outeiro de Rei.

– E.D. Lourenzá – S.D. Santaballés (Domingo ás 16 horas en Santa Cruz): choque de rachas contrapostas. Os de Diego Rego suman once xornadas sen gañar e ocupan o último lugar. Os chairegos once xornadas sen perder e son segundos. Pero o cadro laurentino non se rinde e cada xornada ofrece unha mellor imaxe, polo que os de Dani Moirón non o terán doado.

– C.D. Castro – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): dous equipos que non atravesan o seu mellor momento. Os de Vitín, logo de catro xornadas sen gañar, precisan os tres puntos para non meterse na zona de perigo, mentres que os visitantes no caso de non acadar un triunfo verán de lonxe os postos de ascenso.

 

Comparte
                           

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*