Ás portas da primeira fin de semana de agosto non fallamos a nosa cita cos movementos que se seguen producindo na provincia. Os equipos de Segunda e Terceira tamén comezan os seus adestramentos e dánlle de comer ao #DiarioDunMercado.
Na Primeira Rexional, o Castro comezou agosto forte con anuncios. Xa superan ao número de orquestras que virán estes días de patronais á vila do Lea, e iso que non son poucas. A última comunicación é unha agardada pero non menos importante. Diego Pardeiro ‘Dumi’ seguirá exercendo de capitán dentro e fóra do campo.
O polivalente futbolista de Goá seguirá sendo o guía do Castro nos despachos. Tanto na súa faceta de director deportivo, como na de coordinador da escola de fútbol base.
Pola súa banda, o Sporting Pontenova confirmou que recupera a Gene, defensa que volve ao club logo de varios anos inactivo. Atopará como compañeiros aos canteiráns Borja Lombardero, David e Iván que renovan o compromiso co seu club.
Na Segunda Rexional, o Cabreiros inicia este venres a súa pretemporada. Na Acea seguirá aos mandos Abel Rochela que logo de fichar á Panorama para as festas da parroquia xermadesa, pode sorprender con calquera incorporación para o equipo. De inicio contará coas baixas de Vicente, Ángel, Álex, Isma e Carlos Fole (xa anunciado aquí como novo xogador do Racing Villalbés B).
Na mesma categoría e no mesmo grupo estará este curso o Castro B. O filial, recén ascendido, anunciou a continuidade do seu capitán e lateral Joel.
Na zona sur, Novelle e Antón seguirán xogando a próxima campaña no Chantada B. Pola súa banda, o Brollón pega con forza no mercado; para o campo e para o vestiario. Incorpora a Aarón Díaz coñecido como ‘DJ Vizcaíno’, procedente do Bóveda.
Precisamente o equipo preparado por Chura xoga este domingo un amigable diante do Rubián. O equipo de Terceira Rexional seguirá contando coa dirección técnica de Senén. O defensa Pablo será baixa. Mentres que incorporan ao defensa Toño procedente do Ferreira, ao mediocentro Brian do Sporting Lucense, ao atacante Iván do Lemos B e volve ao equipo Gerardo.
Con respecto ao fútbol base, o Quiroga e o Chantada Atlético terán equipo xuvenil dende xa. No caso do cadro quirogués volven formar equipos logo duns anos sen conseguir facelo; mentres que no Chantada Atlético é a primeira vez que terán un equipo en fase de formación.
Prevese que ambos conxuntos xoguen en Ourense. O conxunto chantadés estará adestrado por Iván Gayoso.