Volven os pesados de Futbolinlugo a pesar o verán polos campos da provincia! Nos próximos días comezaremos a nosa cuarta aventura estival na procura de todos os datos e fotos posibles da comunidade futboleira lucense. Unha temporada máis, esta casa e o Grupo El Progreso unen as súas forzas para sacar a Biblia do fútbol provincial, a cuarta Guía Futbolinlugo.
Unha Biblia que chegará con novidades importantes o próximo venres 16 de setembro, na fin de semana do inicio da Segunda Galicia. E tan só cinco días despois da apertura da Preferente e a Primeira Galicia.
A principal é o redeseño da mesma. Despois de tres edicións nunha liña continuista, rompemos os moldes con cambios significativos na forma, nas fichas dos xogadores e xogadoras e mesmo nos datos aportados. Como por exemplo, a inclusión dos corpos técnicos ao completo e non só dos adestradores principais.
A segunda e non menos importante é o aumento do cadro de redactores para a realización da mesma, duplicando o número de pasadas edicións. Ata trece caras diferentes para chegar a todos os recunchos da provincia, coa clara intención de dar un salto de calidade no produto.
Aos xa habituais Juanma Rodríguez, Manu Amor, Rachu Carballedo, Iván Calaza, Santi Real, Marcos Rodríguez ou Diego Díaz; súmanse a este consolidado proxecto xornalistas de renome e caras coñecidas para o mundo do noso fútbol.
Jorge Bergantiños (Terra de Goles), Eva Argiz (Nós Diario), Pablo Delgado, Carlos Julio González (Galicia en Goles), Álex Vasco (MuchaCalidad) e Miguel Piñeiro (El Progreso) únense a esta bendita perigrinaxe polos templos verdes da provincia.
Por tan só dous euros, os amantes do fútbol terán nas súas mans todos os datos imprescindibles para seguir a nova temporada dende Preferente á Terceira Galicia, sen olvidarnos de todas as categorías do fútbol feminino. Máis de dúas mil fotos a toda cor, a análise dos diversos conxuntos e mesmo os nosos colexiados ao longo de 96 páxinas que xa podes ir reservando no teu quiosco ou libraría habitual.