Este Xoves Santo non é un día calquera para o fútbol lucense, xa que se disputarán moitos dos encontros adiados por mor do temporal que chegou a Galicia no fin de semana do 26 de xaneiro. Os obxectivos de moitos equipos da provincia dependen de sacar unha vitoria que lles achegue a acadar o ascenso, a promoción ou a salvación. Dende a Terceira RFEF ata a Segunda Futgal haberá encontros tanto á mañá como á tarde.
A última bala do Rácing Vilalbés
O Rácing Vilalbés é un dos equipos que máis se xoga neste Xoves Santo. A partir das 18.00 horas mediranse á UD Ourense nun encontro que pode decidir a Terceira Futgal. Tras a vitoria da Sarriana no derbi e a dos ourensáns ante o Estradense, oito puntos separan a ambos equipos na loita polo ascenso directo que en caso de vitoria local deixaría o título a só un punto. Se os chairegos vencen, a distancia será de cinco puntos con doce por disputar.
No resto da Terceira Futgal, a Sarriana visita ao Valadares a partir das 18.30 horas coa intención de gañar e así pechar virtualmente a súa entrada na promoción de ascenso. O Polvorín podería ser o verdugo do descenso do Betanzos no seu encontro fora da casa ás 17.00 horas e o Viveiro tratará de conseguir a súa segunda vitoria consecutiva que lle permitiría coller aire na loita pola permanencia na Lomba ante o Arousa a partir das 19.00 horas.
A permanencia da Preferente en xogo
Na Preferente Futgal, os equipos lucenses necesitan bos resultados no Xoves Santo para achegarse á permanencia antes dunhas últimas datas repletas de duelos directos. O Ribadeo abre a xornada ás 12.00 horas ante O Val nun encontro onde o Pepe Barrera ten que ser decisivo para os mariñáns. Mentres, o Atlético Escairón visita Arzúa a mesma hora ante un equipo que se non gaña xa estará descendido matemáticamente. Os de Brais Prados poderían chegar a poñerse a cinco puntos da permanencia dependendo dos resultados.


Pola tarde xogará o terceiro en discordia da permanencia no fútbol lucense. O Lemos, catro puntos por enriba dos postos que levan á Primeira Futgal, recibirán na Pinguela ás 17.00 horas ao Sofán, cuarto clasificado, co obxectivo de coller distancia. Por último, o Pol visita ao Atlético Coruña Montañeros ás 12.00 horas nun encontro onde os coruñeses xa poderían acadar o ascenso matemático.
O Xoves Santo tamén chega a Primeira e Segunda
Este Xoves Santo tamén terá futbol tanto na Primeira Futgal como na Segunda Futgal Norte. No caso da Primeira Futgal, disputaranse cinco encontros correspondentes á xornada 19 de competición. As 12.00 horas será o turno de tres encontros: Rácing Vilalbés B-Residencia, Chantada Atlético-Lourenzá e Burela-Guntín. Un cuarto de hora máis tarde xogarase o Meira-Monterroso e as 17.00 horas o Xove Lago-Foz pechará a xornada. As 16.30 horas xogará no Grupo 6 a Milagrosa ante o Alertanavia
No caso da Segunda Futgal, no Grupo Norte haberá dous encontros. O primeiro xogarase ás 11.00 horas entre Guitiriz e A Piringalla. As 17.00 horas, disputarase o Cospeito-Celta Barreiros, que completa o Xoves Santo.
