Hai uns días, coñecíamos que a SCD Milagrosa realizará adestramentos de fútbol feminino coas portas abertas a calquera rapaza interesada no fútbol. O obxectivo, como di o slogan da súa campaña: escribir o futuro. Futbolinlugo quixo saber máis acerca desta iniciativa e falou coa coordinadora do fútbol feminino en Frigsa, Iria Rey.
Futbolinlugo: Ola Iria. En que consisten as xornadas de portas abertas?
Iria: Este ano o que buscamos é, xa que somos o único equipo de Lugo con base feminina, crear un conxunto feminino en cada categoría (biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete). Ademais haberá un filial, cuxa función será formar ás xogadoras que saen de cadetes antes de que comecen a xogar no equipo A, o equipo de competición. As portas abertas teñen lugar co obxectivo de captar rapazas. Eu mesma comprobei que moitas nenas da nosa provincia non saben que existe un clube con equipos exclusivamente femininos, polo que tamén tratamos de chegar a nenas ás que lles interese o fútbol. Queremos que as nenas poidan vir, probar…


Futbolinlugo: De onde surxe a idea?
Iria: A idea é parte da dirección e parte do meu cargo, lóxicamente. Falando decatámonos do que comentei antes, o descoñecemento do noso clube por parte dalgunhas nenas, polo que decidimos que había que tentar chegar a elas. Foi todo entre a directiva e nós, os encargados do fútbol feminino.

Futbolinlugo: Fundamentalmente, cal é o obxectivo?
Iria: A captación de nenas. Somos conscientes de que algún equipo da provincia conta con algunha nena nas súas filas, e ata infantís poden xogar cos rapaces, pero a partires de aí xa é a normativa a que o impide, polo que teñen que buscar unha alternativa para poder seguir medrando dentro da base. A Milagrosa busca marcar a diferencia frente ao resto dos equipos.
Futbolinlugo: En que datas poderán as pequenas (e non tan pequenas) asisitir aos adestramentos?
Iria: O día 7 de agosto comezarán os equipos sénior, tanto A como B, e a base terá distintas datas. A base de Fútbol-11 comezará o 16 de agosto, e a de Fútbol-8 o 4 de setembro. As xornadas estenderánse ao longo de toda a temporada, pero a idea é que as rapazas, unha vez que proben na pretemporada, decidan quedarse no equipo. Poderán asistir durante todo o ano, pero si é certo que nos momentos de competición é máis difícil incorporar a novas xogadoras. Serán elas as que decidan en todo momento.

Futbolinlugo: Agardades unha numerosa afluencia ás xornadas de portas abertas?
Iria: Esperamos que si, sobretodo na base. Agardamos xuntar unha boa cantidade de nenas, aínda que sexa tan solo para probar. Queremos que vexan por elas mesmas o que realmente é o fútbol feminino.
Futbolinlugo: Desde a SCD Milagrosa faránse máis campañas de este tipo?
Iria: Si, por suposto. Ao longo do ano faremos varias campañas, co obxectivo xeral de potenciar o fútbol feminino na provincia de Lugo para chegar ao nivel que ten por exemplo Coruña… Aínda que por poboación tamén é máis complicado. Queremos que as nenas disfruten con nós.
Futbolinlugo: Moitas gracias pola túa atención, Iria.
Iria: A vós.
Agradecemos a Iria a súa colaboración, así como á SCD Milagrosa por contar con proxectos coma este, na busca da integración do fútbol feminino na nosa provincia. Graciñas, sodes moi grandes!