A xornada de Preferente déixanos unha vitoria de seis puntos para a Sarriana. Ao triunfo dos de Brais Prados no campo do Sigüeiro hai que sumarlle as derrotas dos seus perseguidores, Noia e Betanzos. A diferencia co terceiro clasificado agora é de nove puntos. Importante vitoria tamén da Residencia na súa visita ao San Tirso. O Lemos sumou un punto na Pinguela fronte ao Victoria, mentres que Ribadeo e Portomarín caeron na casa e con polémica fronte ao Sofán e Ordes respectivamente.
A Sarriana gaña ao Sigüeiro e aproveita o tropezo dos rivais (0-2)
Encontro duro e con ritmo moi alto, tanto con balón como sen él. A primeira metade resultou moi igualada. A Sarriana desaproveitou dous man a man, un de Diego Rey que detivo o porteiro e outro de Herrero que saiu lixeiramente desviado.
A segunda metade comezou do mellor xeito para os de Brais Prados. Un balón á espalda da defensa recolleuno Diego Rey, que logo dunha xenialidade define á perfección dentro da área. O Sigüeiro arriscou máis e a Sarriana atopou espazos á contra. A falta de seis minutos para o final Julio Camba sentenciou ao rematar co pé un saque desde o curruncho. O cadro local tivo a ocasión máis clara nun testarazo que saiu a rentes do pao da portería de Javi Liz.
A Residencia avanza postos na clasificación tras vencer ao San Tirso (1-2)
Triunfo clave da Residencia na súa pelexa por non pasar apuros nas derradeiras xornadas. A primeira metade transcorreu con poucos achegamentos á área rival. O San Tirso propuxo un fútbol directo que era quen de contrarrestar a Resi, mentres que os lucenses querían ter o balón. No minuto 30 o cadro local adiantouse no marcador ao transformar Denis un penalti á saída dun córner.
Na segunda metade saiu moi ben o San Tirso que contou con varias ocasións claras para solventar o partido, pero aí ergueuse a figura do gardameta Diego para mantar á Residencia no encontro. No último tramo de partido os de Dani Galán comezaron a xerar perigo ata que nunha internada de Rois por banda este foi derribado na área e él mesmo transformou a pena máxima. No tempo de desconto, unha boa xogada de Iago Buján por banda esquerda rematou co centro deste e o testarazo de Txiki ao fondo da portería.
O Lemos iguala co Victoria nun enocntro de alternativas (2-2)
Primeira parte de claro dominio monfortino, pero que se viu alterado no minuto 6. O Victoria foi quen de adiantarse nunha rápida transición que culminou Sergio Rodríguez. O Lemos non se veu abaixo co marcador en contra e seguiu dominando o xogo. Antes de cumplirse os vinte minutos chegou a igualada obra de Diego Torres, e pouco despois o propio atacante lemista asistiu para que Youness culminara a remontada.
Na segunda metade o Victoria subiu liñas e incomodou ao Lemos, aínda que Arturo non pasou demasiados apuros, ata que no minuto 64 Pedro castigou un erro defensivo dos de Óscar Moure e voltou a igualar o marcador. Nos últimos intres o encontro rachouse e calquera dos dous conxuntos puideron acadar o triunfo.
O Ribadeo encaixa a cuarta derrota consecutiva como local nun polémico encontro diante do Sofán (0-2)
Non puido o Ribadeo darlle continuidade ao triunfo acadado o Xoves Santo no campo do Unión e cedeu no Pepe Barrera fronte a un Sofán que non perde desde o mes de xaneiro. O Ribadeo levou a iniciativa no comezo do encontro e non tardou en xerar ocasións para adiantarse no marcadro. Nun balón longo, Aitor desfíxose do seu marcador e superou ao gardameta cunha boa vaselina, pero o balón siu a rentes do pao. Pouco despois Xurde estrelou o esférico no longueiro cun potente disparo. O Sofán só inquedou a Carrera cun disparo lonxano de Eibe que o gardameta enviou a córner sen excesivos apuros. No saque desde o curruncho chegou a primeira acción polémica ao sinalar o colexiado penalti de Roi sobre Parafita. Eibe non errou desde os once metros adiantando aos de Pablo Torreira. Os mariñáns dominaron os seguintes minutos e Álex Meitín rematou un bo centro desde a banda dereita ao fondo da portería. O tanto foi anulado por fóra de xogo. A falta de dez minutos para o descanso, Roi viu o segundo cartón amarelo e o Ribadeo quedou en inferioridade.
Na segunda metade, Dani Moirón trocou de sistema coa entrada de Xaime ao terreo de xogo e a posterior de Criss e o Ribadeo optou por un fútbol máis directo. Costoulle xerar ocasións froito das imprecisións e dun Sofán ben situado defensivamente. Malia todo Xurde gozou dunha boa volea que marchou fóra por pouco e Álex Meitín foi derribado na área no que parecía un claro penalti. Co Ribadeo volcado na procura do empate, o Sofán aproveitou os espazos á contra e así chegou o tanto da sentencia obra de Montero.
O Portomarín perde no desconto fronte ao Ordes (1-2)
O encontro comezou con dominio visitante, aínda que sen xerar perigo diante dun Portomarín replegado e buscando saír con perigo á contra. O Ordes cometeu varios erros na saída de balón. Nun deles a piques estivo de aproveitalo o Portomarín, pero na seguinte xogada Javicho cun bo lanzamento desde a frontal adiantou ao cadro local. O propio Javicho puido ampliar diferencias cun disparo desde longa distancia que sorprendeu ao gardameta e saiu fóra por centímetros.
Na reanudación o encontro seguiu a mesma tónica. O Portomarín cometeu un erro defensivo que aproveitou Yago para empatar o encontro. O cadro local acusou o baixón físico e as lesións de Pardo e Hugo, pero o Ordes apenas xerou situacións de perigo ante a portería de Lisboa, ata que Jonny no minuto 92 deulle a volta ao marcador. O Portomarín protestou a acción ao considerar que o atacante estaba en posición antiregulamentaria.
Foto de portada: Mariluz Fagín