A sorte segue esquivando a un CD Lugo que non vai deixar de buscala. O cadro de Joaquín mereceu gañar de principio a fin ante un Bovedana que logrou o premio gordo. As albivermellas, moi asentadas durante a maior parte do partido, crearon ocasións ante un rival que abusou do xogo directo. A pólvora mollada do CD Lugo, nesta ocasión incluso a porta baleira, deixou con vida ao Bovedana. As zamoranas aproveitaron un barullo e varios rebotes nas postrimerías para asinar un inmerecido 0-1.
O PM Friol encadeou a súa terceira xornada sen perder cun claro triunfo ante o Victoria FC. O cadro de Covi Regueiro abriu a lata ao remate da primeira metade e sentenciou con dous goles consecutivos no tramo inicial da reanudación. Lynda Muriel prolongou a súa gran xeira anotadora con dous ‘chicharros’ máis.
Revés maiúsculo para o PM Friol B na primeira galicia
Un 10-0 non soe ter moito que contar. Partido para olvidar do PM Friol B na súa visita ao Tomiño. Os seis goles locais na primeira metade evitaron calquera opción de puntuar das de Geluco Villar, que tampouco deron coa tecla no segundo acto.
Traballados triunfos de San Roque e Antas na Segunda Galicia
Cuarto triunfo consecutivo dun San Roque que se sitúa a tres puntos do primeiro posto. O cadro de Quiroga realizou un gran exercicio de sufrimento e consistencia ante un combativo Xallas. As verdibrancas supliron a súa inferioridade física a través do balón e leváronse o gato á auga cun solitario tanto no primeiro cuarto de hora. Nun encontro de detalles, decidiu o tempraneiro lanzamento de Sofía tras un rexeite visitante.
O Antas tamén gañou pola mínima. Neste caso ao Cultural Maniños. A solidez defensiva das de Dani Abelairas deixou os tres primeiros puntos do curso na casa. Partido moi traballado das da Ulloa, que apenas concederon ocasións ao seu rival durante os noventa minutos. Nuria atopouse por dúas veces coa meta visitante. Foi a antesala dun gol que se fixo agardar ata o ecuador da segunda metade. Obra de María despois de anticiparse a unha defensora do Maniños, tras un balón filtrado de Elisa.
O Chantada caeu pola mínima ante o Arenteiro nun encontro con escasa produción ofensiva. As de Jorge González nunca se atoparon cómodas ante un rival que buscaba entrar por bandas. Despois de varios achegamentos, as do Espiñedo lograron o definitivo 1-0 sobre o minuto 20 cun lanzamento desde fóra da área. A partir de aí, o choque tivo pouca historia. O balón foi das do Carballiño e o Chantada careceu de recursos ofensivos.
A Milagrosa tomouse o seu partido ante o Pastoriza como unha aprendizaxe. Un rival que non era da súa liga e que amosou a súa enorme calidade para gañar sen atranco algún ás de Frigsa.
Un derbi emocionante, un cómodo triunfo e dous puntos que voaron na Terceira Galicia
O CD Lugo B levouse un derbi provincial moi disputado. As de Diego Rey adiantáronse nun bo inicio, porén unha combativa Comercial igualou nun córner antes do descanso. Volveron saír ben as albivermellas na reanudación e puxeron o 3-1 cun ‘dobrete’ de Xiana. Porén, as rapazas de Vicky subiron a intensidade ante un CD Lugo B que cometía máis perdas de balón. Diana marcou o seu segundo tanto e a Comercial quedou a un só gol dun empate que loitou con uñas e dentes. Aroa, que rematou de porteira pola lesión de Nei, destacou no equipo de Vicky.
O San Lázaro realizou unha gran posta en escena, ratificada co gol de Douaa. O conxunto de Luchi dispuxo de oportunidades suficientes para lograr un resultado máis avultado ante un Taragoña que lanzou moi ben o fóra de xogo. As visitantes tiveron o seu momento no último tramo da primeira metade. Non o aproveitaron; e as capitalinas, dominadoras durante a meirande parte do duelo, levaron os tres puntos con claridade.
Ademais, o Monte Forte bordou o fútbol na primeira parte. As de Cristian Penas crearon numerosas ocasións para situar un curto 2-0 ao tempo de lecer. No segundo acto, as monfortinas pegaron un baixón físico ante un Bandeira que rascou un punto con dous lanzamentos afastados. Por último, o Carballedo descansou esta xornada e recuperará a súa actividade este mércores 1 de novembro, na data intersemanal.
Resultados da xornada
CD Lugo 0-1 Bovedana
Victoria FC 0-4 PM Friol
Tomiño 10-0 PM Friol B
San Roque 1-0 Xallas
Antas 1-0 Cultural Maniños
Milagrosa 0-8 Pastoriza
Arenteiro 1-0 Chantada
Monte Forte 2-2 Bandeira
CD Lugo B 3-2 Comercial
San Lázaro 3-0 Taragoña
Descansa: Carballedo
jenny, #XogadoraTorredeNúñez do mes de outubro
Só hai unha xogadora ao longo e ancho da provincia que destacou en todos os partidos disputados no mes de outubro. Jenny, dianteira do Carballedo, é a indubidable gañadora do galardón #XogadoraTorredeNúñez do mes de outubro. A atacante impúxose por diante de competidoras en gran estado de forma como Xiana (CD Lugo B), Sofía (San Roque) ou Lynda Muriel (PM Friol). Todas elas con tres puntos por outras tantas semanas sobresaíndo cos seus equipos. Noraboa a Jenny, que recibirá nos próximos días o premio do referente cárnico galego.