Unha semana máis, coincidindo coa folga das futbolistas da Primeira División, as nosas guerreiras dignificaron o seu labor dentro do terreo de xogo. O PM Friol continúa a súa complicada e tediosa andaina no Reto Iberdrola, caendo esta vez na Reigosa ante o Athletic Club de Bilbao «B», un dos equipos punteiros da competición, por 0-3. Porén, as lucenses fixeron un choque máis digno do que reflicte o marcador final, contando con numerosas ocasións ao longo de todo o partido.
O filial friolense, pola súa banda, arrollou ao Atlántida Matamá (4-0) nos mellores noventa minutos do equipo no que vai de temporada, dominando de principio a fin o duelo. A SD Antas caeu 2-0 na casa da UD Mos, tras un partido igualado que se decantou con dúas dubidosas decisión arbitrais, pese a que as do Castro Seoane tan só contaban con once xogadoras para competir.
Na Segunda Galicia, o Carballedo reencontrouse coa victoria ao superar ao Carral por 2-1 cun gol nos últimos intres de Uxía, que foi un premio ao constante empuxe das locais, xa que o resultado máis xusto tería sido un 4 ou 5 goles a 1. A SG Comercial foi a cara triste da xornada, ao caer derrotadas por 0-9 ante o Sporting Cambre nun encontro no que non competiron en ningún momento. Porén, o CD Lugo compensou esta derrota endosando un 15-0 ao Betanzos «B», anotando oito goles Esther.
A SD Chantada venceu a domicilio (1-3) ao Brexo Lema, tras un choque moi parexo que chegou ao minuto 88 co 1-1. Finalmente, a efectividade visitante decantou a balanza! No Fútbol-7, a SCD Milagrosa superou por 6-1 ao Once Caballeros «B» e a SD Burela por 8-0 á Unión Campestre «B».