O Polvorín comezou a poñer ao día os encontros adiados ao longo da temporada por mor de diversos positivos en Covid-19, tanto propios como alleos. O primeiro deles foi o que enfrontou ao filial albivermello nas Eiroas ante o Bergantiños, correspondente á sexta xornada.
O conxunto adestrado por Álex Ortiz acadou un valioso empate (1-1) ante o líder da categoría, e único equipo invicto da Terceira xunto co Arenteiro. O encontro estivo marcado pola adversa climatoloxía, moita choiva e un forte vento, que dificultaron a labor dos xogadores no transcorrer dos noventa minutos. Malia todo, o ritmo de xogo foi alto e o Polvorín optou por ceder o balón ao seu rival e realizar unha presión alta para roubar o balón e tentar xerar así situacións de perigo. A seguridade defensiva de ámbolos conxuntos impediu que se visen moitas ocasións. A máis clara para os lucenses na primeira metade tívoa Antón Escobar, que logo dun roubo disparou desde fóra da área e o balón saiu a rentes da portería defendida por Brais Pereiro. A boa presión tras perda do Polvorín posibilitou que o filial do CD Lugo xogara moito tempo en campo contrario, aínda que sen inquietar a meta rival.
As chegadas máis perigosas do Bergantiños chegaron polo perfil esquerdo do seu ataque, con Cano xogando a pé cambiado e as perigosas incursións do lateral Aarón. Precisamente nunha delas Aarón disparou preto da escadra da portería de Julen, que volveu ao equipo titular no sitio de Ángel Fraga.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O gran susto da primeira metade protagonizouno o lucense Marcos ao chocar en carreira cunha portería de Fútbol-7 colocada moi preto dos límites do terreo de xogo. Por sorte, o golpe foi co ombreiro e o xogador do Polvorín puido seguir xogando.
Na segunda metade o Bergantiños, co vento a favor, optou por un fútbol máis vertical e logrou chegar con máis claridade á área lucense. No minuto 58, chegou o primeiro tanto do partido. Cano desfíxose da marca de Expo e desde o vértice da área conectou un potente disparo que sorprendeu a Julen. O tanto non afectou aos de Álex Ortiz que seguiron mesmo guión. A falta de vinte minutos para o final Iago Novo interceptou unha saída de balón do conxunto local e en combinación con Antón Escobar, o ex do Fabril batiu cun toque sutil a Brais na súa saída.
No último tramo de partido apenas houbo ocasións para desfacelo empate e o Polvorín é o segundo equipo, despois do Silva, que logrou puntuar no sempre difícil campo das Eiroas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
No conxunto lucense estreou convocatoria Carlos Torrado, a última incorporación procedente do Coruxo, aínda que non gozou de minutos. Tampouco o fixo no Bergantiños o monfortino Iago López, xa recuperado da lesión que o mantén sen xogar desde a cuarta xornada.
Os lucenses na Terceira
No outro encontro disputado, correspondente á quinta xornada ligueira, o Arzúa goleou por 6-1 ao Estudiantil no campo do Viso. Dos tres lucenses do Arzúa dous foron titulares: Álex Vázquez e Pedro Delgado. O primeiro sumou a súa oitava titularidade, mentres que o segundo voltou ao once de Javi Rey despois de cumprir tres encontros de sanción. Ámbolos dous xogaron os noventa minutos.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/10/IMG-20201002-WA0023-158x300.jpg)
Tamén tivo minutos Brais Prieto. O do Valadouro entrou no minuto 78 en sustitución de Dani Blanco no que foi a súa segunda participación na temporada e na Terceira.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)