O Polvorín fíxose co derbi lucense de Terceira e condena ao Racing Vilalbés a seguir sufrindo. Na Preferente o Viveiro sentenciou o descenso do Castro cunha goleada, mentras que a Sarriana empatou na Ribela ante o Noia logo de desaproveitar dous goles de ventaxa. O Ribadeo superou o trámite no campo do colista Estudiantil, e o Foz recuperou sensacións tras golear ao Agolada no Martínez Otero.
O derbi de Terceira rematou con triunfo do Polvorín na Madalena ante un Racing Vilalbés, que rachou a xeira de nove xornadas sen perder (0-1). O filial lucense deu un paso de xigante ao sumar 41 puntos, mentras que o conxunto chairego queda dous puntos por enriba do descenso directo. Quince lucenses, nove nas filas vilalbeses e seis nas luguesas, formaron parte do partido no céspede da Madalena. Logo dun primeiro tempo sen moitas ocasións, o Racing valeuse do balón parado para xerar perigo, pero non atinou entre os tres paos. Na segunda, Juan de Dora tivo unha boa opción, pero o seu lanzamento marchou ao longueiro. Pouco despois Brunet tamén disparou á madeira. O rexeite aproveitouno Antón Escobar para facer o único tanto do encontro. Décimosexto tanto para o ariete do Polvorín. Costoulle ao conxunto local chegar á porta de Cacharrón, pero nos minutos finais puxo en apretos aos de Durán. José Varela e máis tarde Edrosa, ao que o liña lle anulou un gol, tiveron as máis claras. O de Pastoriza, que entrara na segunda metade tivo que abandonalo encontro por unha lesión no ombreiro. Cuadrado puido sentenciar pero Javi Pita estivo acertado no man a man. Moi preto do final, Make atopouse de novo coa madeira logo dun centro de José Varela, no que foi a derradeira ocasión.
O Viveiro retornou á senda da vitoria ao grande, goleando a un Castro que certificou o seu descenso a Primeira Autonómica (6-0). O ex xogador do conxunto chairego, Tichu, abriu a lata ao aproveitar un balón solto dentro da área. O gol serviulle aos de Chusky para xerar fútbol e tentar certifícalo triunfo, pero o Castro, moi ordeado, aguantaba as acometidas viveirenses. Alberto Rey, cun lanzamento ao longueiro, tivo a oportunidade de empatalo encontro. Pero nada máis comezala segunda metade, Álex Meitín, de cabeza, fixo o segundo e pouco despois Roi, que voltaba ao equipo titular logo da superala lesión, sentenciou o partido. Xa coa vista posta no derbi mariñán da vindeira xornada, o adestrador viveirense meteu xogadores de refresco e as rotacións déronlle bo resultado. Rolle, que empezara no banco culminou a goleada con dous tantos, logo de que o capitán Álex Meitín fixese o cuarto.
A Sarriana empatou na Ribela ante un rival directo, o Noia (2-2). Nun dos encontros máis completos dos de Alberto López, o desconto resultou fatídico. Desde o primeiro minuto ata o derradeiro, a Sarriana foi o equipo que levou o timón do partido. Cun ritmo alto de xogo, sucedéronse as ocasións ata que Omar fixo o primeiro aos dezaseis minutos superando a Pajarillo, que resultou lesinonado nesa acción. Do Noia en ataque tan só rescatamos un testarazo de Quintairos que detivo sen problemas Javi López. Na segunda metade, o mesmo guión. A Sarriana ampliou diferencias nunha xogada de estratexia na que Luisma aproveitou unha prolongación de Diego Núñez. Cando parecía sentenciado o encontro, Nando de penalti no 93, e de falta no 94 enmudeceu unha Ribela que presentou un ambiente espectacular.
O Ribadeo venceu no campo do Estudiantil, pechacancelas da categoría (0-2). Fácil vitoria dos de Rafa Casanova, que malia as numerosas baixas, solventaron o encontro nos compases iniciais. Aitor no primeiro minuto de partido, e Vizoso cando aínda o reloxo non chegara ao vinte de xogo fixeron os tantos dos ribadenses. O marcador non se moveu, aínda que o Ribadeo contou con numerosas ocasións de amplialas diferencias, nun encontro que controlou de comezo a fin. O Estudiantil tan só chegou á meta defendida por Javi Prieto nunha ocasión, pero o remate do atacante marchou ao pao. Tiveron minutos no conxunto mariñán os xuvenís Iván, Álex e David.
O Foz voltou á senda do triunfo e fíxoo cunha goleada ante o Agolada (4-0). Co descenso directo moi lonxe, os de Gayol pelexarán neste tramo final de liga por evitar saír dos postos que den lugar á perda de categoría por arrastres. Os mariñáns fixéronse co balón e co dominio do partido, deixando ao rival sen argumentos. Ibán Gayol impuxo a súa lei, e un centro seu foi rematado por Xenxo para facelo primeiro. Pouco máis tarde, un maxistral lanzamento de falta do propio Gayol puxo terra de por medio. Na segunda metade, o conxunto visitante deu un paso adiante, pero as chegadas a área focense non remataron de ser claras. O fillo do adestrador local acadou o doblete a falta de vinte minutos para o final e xa moi preto do final, Asier non errou desde os once metros, logo dun penalti cometido sobre Xenxo.