O gran derbi polo ascenso tivo un claro dominador: o Polvorín. O cadro de José Durán deu un paso de xigante na procura do seu obxectivo tras superar con claridade ao Ribadeo no Ángel Carro. Jhon Cuadretti abriu a lata nada máis comezar cun gol de auténtico crack. Escriche e Javi Rey sentenciaron na última media hora ao cadro de Fiz Rodríguez. Nos mariñáns tivo uns minutos o meta suplente Javi Prieto. Por sorte para os mariñáns, o As Pontes non pasou do empate ante o Ordes. E o outro aspirante lucense, perdeu. O Castro desperdiciou boas oportunidades e cedeu ante unha xenialidade de Julián López. A batalla pola terceira praza segue moi aberta.
No extremo contrario da clasificación, o Atlético Escairón logrou un triunfo de prestixio no feudo do Betanzos. O cadro de Charly realizou un dos mellores encontros da tempada e superou ao Betanzos de Manu Cedrón. Sobresaiu Kike, autor dos dous goles da escadra do Saviñao. E no derbi entre a Residencia e o Viveiro, táboas. O conxunto de Chusky empatou no tempo de desconto e colleitou un punto moi valioso na súa loita pola permanencia. Quinta xornada consecutiva na que os da Cheda se deixan puntos na prologanción. Ademais, o Outeiro encaixou a décima derrota consecutiva ante un Dumbría que segue en descenso pero conta cos mesmos puntos que o Viveiro. Un tanto na segunda metade fulminou aos de Juan Peón, que dispuxeron de oportunidades para poder empatar. Por último, o Rácing Villalbés caeu pola mínima na Illa. O Céltiga marcou ao comezo da segunda metade e deixou así aos visitantes a dous puntos do play off de ascenso. Javi Pita volveu xogar na meta do cadro chairego.

