Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 5)

Por fin chegou o primeiro triunfo do Polvorín en Terceira División. Houbo que agardar ata a xornada 5, a primeira na que o filial do C.D. Lugo xogou como local malia a facelo en Friol, para sumar tres puntos. Venceu 1-0 ao Porriño Industrial con gol de Antón Escobar no minuto 86. Triunfo moi traballado, pero que fixo xustiza ao visto no terreo de xogo, xa que os lucenses contaron con claras ocasións por medio de Cuadrado, Javi Rey e Rayco.

Pola contra, o Racing Vilalbés sumou a segunda derrota consecutiva tras caer na Madalena 0-2 ante o Arenteiro. Mal encontro dos de Juan Peón que practicamente non inquedou a portería visitante. Nos do Carballiño foi titular na medular o lucense Ross.

Na Preferente, a Sarriana segue a contar os seus encontros por victorias, e xa van cinco. Desta vez, na Ribela ante o Agolada (2-1) con dous tantos obra de Diego Núñez, o segunda xa na prolongación do primeiro tempo. Os de Alberto López puideron amplialas diferencias por medio de Omar ou Quiroga. No último tramo de encontro os visitantes reduciron as diferencias e tentaron ata o final a igualada.

Tamén segue invicto o Ribadeo, pero non puido pasar do empate (2-2) no Pepe Barrera ante o Xallas. O encontro comezou vertixinoso e xa no primeiro minuto, o ex ribadense Iván González adiantou aos de Santa Comba logo dunha contra. Dous minutos despois os mariñáns igualaron por medio de Poratti. A partir de ahí o colexiado convertiuse no actor principal do encontro. Ao fío do cuarto de hora, nunha xogada intrascendente expulsou a Criss, para logo recuar e expulsar a Pablo Rivas, que viu a acción a trinta metros! Con dez, os de Rafa, que tamén foi expulsado, non pasaron apuros en defensa ata a segunda metade. Entre o pao e Viusky salvaron dúas claras ocasións do Xallas. Adrián Barrera adiantou ao Ribadeo, que só cedeu o empate xa co tempo case que cumprido de penalti.

No derbi mariñán disputado en Cantarrana o Viveiro derrotou ao Foz por tres tantos a un. Comezo tolo, cos locales con dous goles no marcador no minuto oito de partido, tralos tantos de Aitor e Xaime. Asier recurtou diferencias tan só un minuto despois pero a expulsión de Iban Gayol por doble cartón amarelo antes do minuto 20 foi moito castigo para os focenses. O terceiro tanto, obra de Marino a falta dun cuarto de hora, rematou coas esperanzas dos de Gayol. O Viveiro suma o segundo triunfo consecutivo.

A peor parte foi para o Castro, que caeu goleado na Ponte dos Brozos ante o Arteixo por 6-0. Tres goles en cada periodo encaixaron os de Edrosa que realizaron un moi mal encontro. Os chairegos non puideron aínda acadalo triunfo nesta temporada.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 405

Deja un comentario