#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés vence ao Guijuelo nun encontro épico

Volveu á senda da vitoria o Racing Vilalbés na Segunda RFEF. Nun encontro accidentado e con dous expulsados, os chairegos venceron ao Guijuelo na Madalena. Na Preferente só o Castro foi quen de gañar, e fíxoo no Arturo Pereiro diante do Sigüeiro. O Ribadeo caeu con claridade na súa visita ao Boiro, mentres que Lemos e Residencia caeron no seu feudo diante de Cidade de Ribeira e Sofán, respectivamente.

Non se disputou xornada este fin de semana na Terceira RFEF por mor dos compromisos da Selección Galega na fase de clasificación para a Copa das Rexións UEFA.

O Racing Vilalbés volveu a gañar nun encontro épico diante do Guijuelo (2-1)

Os chairegos sumaron tres puntos de ouro fronte ao sempre difícil Guijuelo nun encontro no que amosaron unha gran capacidade de sacrificio e a súa gran solidariedade en defensa. Vérez ao borde do descanso e Javi Varela con media hora por diante viron o cartón vermello e os de Simón Lamas mantiveron o marcador con nove xogadores.



O Racing comezou moi ben e puido marcar nunha boa ocasión de Cristian a pase de Javi Rey. Pouco despois Álex Pérez, en xogada individual batiu ao porteiro rival de tiro cruzado. O Guijuelo reaccionou e Garban puido marcar no un contra un ante un Álex Santomé que realizou unha parada de mérito. Nunha conexión dentro da área chegou o empate, obra de Juan Antonio. Os chairegos reaccionaron ao momento e un centro de Luis Castro desde a esquerda foi rematado cara a súa propia portería por Adrián Pica. Preto do intermedio, Vérez viu o cartón vermello directo ao interpretar o colexiado agresión sobre un defensor rival.

No segundo tempo o Guijuelo gozou dunha boa ocasión nunha contra levada por Dieng , pero o seu disparo saiu fóra. Se con dez ía ser complexo manter o marcador, o Racing quedou con nove por expulsión, moi rigurosa de Javi Varela por man dentro da área. O Guijuelo desaproveitou a pena máxima ao lanzar alto Toti e os de Simón Lamas puxeron o traxe de guerra e resistiron sen grandes apuros. Incluso estrelaron un balón no pao que puido significar a sentencia.

O Castro volve a mirar cara arriba tras vencer ao Sigüeiro nun gran encontro (3-1)



Os chairegos realizaron un gran encontro, un dos mellores no Arturo Pereiro nesta campaña. Os de Rafa Casanova foron superiores ao Sigüeiro ao longo dos noventa minutos e contaron con dúas ocasións claras para adiantarse no marcador. Malia todo quen o fixo foi o cadro visitante cun tanto de Parcero no minuto 40. Reaccionou rápido o Castro e igualou antes do descanso por medio de Marino.

As boas sensacións do primeiro tempo, refrendounas o Castro no segundo, diante dun Sigüeiro que apenas tiña presencia en campo contrario. Aos dez minutos Marino deulle a volta ao marcador co segundo tanto na súa conta particular. Os visitantes só inquedaron ao Castro nunha chegada que resolveu ben Josema. No desconto, Fito sentenciou a pase de Hugo Buíde.

Cuarta derrota consecutiva a domicilio do Ribadeo, desta volta en Boiro (3-0)

O Ribadeo afrontou unha saída difícil ao campo de Barraña e non foi quen de facerlle fronte a un Boiro tamén necesitado de puntos. O encontro foi de dominio local, aínda que o primeiro gol dos barbanzáns non chegou ata o minuto 36, obra de Mario Regueiro a pase de Pablo Vidal desde o perfil esquerdo. O Ribadeo non era quen de chegar con perigo á área rival e non foi quen de xerar perigo na primeira metade.

Despois do intermedio o encontro seguiu o mesmo guión. O Boiro levou a iniciativo e puxo terra de por medio cun bo chut desde o borde da área. O cadro local baixou revolucións ao encontro e os de Dani Moirón só chegaron á portería rival nunha ocasión con certo perigo. Co tempo cumprido David Noya, fixo o terceiro, segundo na súa conta particular, tras unha gran xogada individual na que deixou atrás a varios defensores.



O Lemos asiste na Pinguela ao show de Berto Romero ‘Abi’ (0-4)

Uns primeiros compases de dominio alterno deron paso a unha fase de dominio visitante, que aínda sen xerar demasiado perigo, os ribeirenses deron mostra da súa verticalidade. O Lemos non estivo atinado na saída de balón e non era quen de conectar cos xogadores de ataque. En dous erros dos monfortinos Abi logrou dous tantos que poñían ao Cidade de Ribeira en clara vantaxe no marcador.

Juanlu Bernal realizou un triple troco no intermedio. Alami, Dani Arias e Nahuel recambiaron a Miguel, Varela e Aissa na procura de darlle a volta ao marcador, pero non foi posible, malia que os monfortinos saíron mellor de vestiarios. Abi non deixou lugar á sorpresa e en dous minutos anotou dous novos tantos. Un encontro para esquecer do Lemos diante dun rival moi perigoso con espazos.

Unha Residencia sen puntería colleita unha derrota abultado diante do Sofán (0-4)

O conxunto lucense contou con boas ocasións na primeira metade. Rois estreolou o balón no pao ao pouco de comezar o encontro. O Sofán na súa primeira chegada levou o gato á auga. Nun erro defensivo Luca batiu a Marcos. Os de Dani Galán contaron con dúas grandes ocasións para marcar por medio de Yeray e Gonzalo, pero non era o día. Antes do intermedio, noutro erro da zaga lucense chegou o segundo dos visitantes. O autor do tanto foi Marcos Montero. Pereira e Artai voltaron a contar con dúas boas opcións de gol quen non foron quen de aprovetiar.

O segundo tempo resultou diferente. O Sofán non tardou en sentenciar por medio de Taibo e a Residencia non tivo claridade de ideas e apenas xerou ocasións de gol. Preto do final Braian acadou o cuarto e definitivo tanto.

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés vence ao Guijuelo nun encontro épico

Dani Renda: «Intento moitas veces o gol

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés vence ao Guijuelo nun encontro épico

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 15

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *