#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trio de Ases O Cantón. O Polvorín gaña e achégase a postos de play off

Xornada de derbi en Segunda RFEF. Na Madalena o Racing Vilalbés igualou co Ourense CF nun encontro con polémica arbitral. En Terceira RFEF, o Polvorín venceu ao Pontevedra B e sitúase a un punto dos postos de play off. Sarriana e Viveiro sumaron un punto a domicilio na súas visitas ao campo do Betanzos e Paiosaco, respectivamente. Na Preferente, o derbi provincial entre Residencia e Lemos rematou en empate. O Castro gañou no Arturo Pereiro ao San Tirso, mentres que o Ribadeo empatou co Noia no Pepe Barrera.

O Racing Vilalbés realizou un bo encontro e tivo que conformarse co empate fronte ao Ourense CF (1-1)

Probablemente o mellor encontro do Racing na Madalena en Segunda RFEF. Comezou moi entonado o conxunto de Simón Lamas, dominando o balón e xerando ocasións de gol ata que ao cuarto de hora de xogo, nun saque desde o curruncho, Quico cun bo testarazo adiantou ao Racing. O conxunto ourensán co marcador en contra logrou ter máis posesión, pero sen inquietar a portería de Álex Santomé.

O segundo tempo comezou dun xeito semellante ao primeiro. Cun Racing Vilalbés moi metido no partido e amosándose superior a un Ourense CF que chegaba no terceiro posto da táboa clasificatoria. Uzal e Jose Varela contaron con dúas claras ocasións para marcar. No mellor momento dos chairegos chegou a acción polémica do encontro. O colexiado sinalou un penalti moi discutible de Quico e Alberto Gil estableceu a igualada. No último tramo do partido, os visitantes foron mellores e Álex Santomé salvou o segundo tanto ourensanista cunha boa intervención.



Un solitario tanto de Rubal fronte ao Pontevedra B sitúa ao Polvorín a un punto do play off (1-0)

Primeira metade con ocasións para os dous conxuntos. O filial albivermello chegou a área rival con perigo pola banda de Aaron. Ademáis, os de Roberto Fernández puideron marcar en accións a balón parado, así como nunha boa ocasión de Edu Taboada. O Pontevedra B fixo intervir a Brais nunha soa ocasión.

No segundo tempo o Polvorín mellorou cun triple cambio. Roberto deulle entrada a Alesito, Rubal e Maceiras e o equipo deu un paso adiante na procura da vitoria. Edu Taboada foi o primeiro que contou cunha boa opción de marcar. Quen si o fixo foi Rubal, tras unha boa xogada de Mario e Aaron.



A Sarriana colleitou un valioso empate no campo do Betanzos (1-1)

Comezou mellor o conxunto local sendo quen de xerar ocasións de gol, a máis clara nas botas de Juan de Dora. O seu disparo bateu en Edgar e obrigou a intervir con acerto a Javi Liz. A Sarriana respostou cun centro chut de Tijan que non entrou por pouco. Os de Jorge Cuesta tentaron ter o control do balón fronte ao fútbol directo dos betanceiros. Pedro López tivo que deixar o terreo de xogo lesionado e Ale ocupou o seu lugar.

No segundo tempo a Sarriana logrou adiantarse por medio de Cuadrado, que aproveitou un bo pase de Sane ao espazo. O ariete lucense driblou ao gardameta e definiu a pracer. Diego Rey contou con dúas ocasións para poñer terra de por medio a pases de Herrero e Sane. O Betanzos reaccionou e contou con dúas boas opcións de gol que non lograron concretar. O empate chegou no minuto 94. Unha falta lateral sacada rasa chegou ao segundo pao e Martín rematou en prancha ao fondo da portería.

O Viveiro segue invicto a domicilio tras empatar na Porta Santa ante o Paiosaco (1-1)

Encontro dominado polo Paiosaco aínda que sen profundidade nos seus ataques. As ocasións máis claras da primeira parte foron para o Viveiro á contra con Rolle como protagonista. A primeira a centro de Nacho e a segunda cunha boa volea que rozou o pao.

Tras o descanso o encontro seguiu un guión semellante. O Paiosaco buscou gañar profundidade con Bilal no lateral pero o Viveiro ben situado en bloque baixo apenas concedeu ocasións. O primeiro tanto do encontro chegou no minuto 80 e foi para os mariñáns. Nun córner botado por Manu rematouno ao fondo da portería Samu no primeiro pao. O técnico local moveu o banquiño e nos últimos minutos o Paiosaco foi mellor. Co tempo cumprido un centro de Bilal rematouno Popi establecendo a igualada.

O Ribadeo sumou un punto diante do poderoso Noia no Pepe Barrera (1-1)

Encontro de poder a poder entre o Ribadeo e un Noia que chegaba líder. Os pupilos de Iván Carril protagonizaron a primeira ocasión clara. O disparo de Hugo detívoo ben Carrera. O conxunto local tratou de xerar ocasións cun Asier moi participativo e con Álex Meitín caído á banda esquerda. Iván Rodríguez, cun potente lanzamento desde fóra da área, tivo a primeira para os de Dani Moirón. No ecuador do primeiro tempo adiantouse o Ribadeo logo dunha clara man do defensor visitante Xabi. Santi non errou desde os once metros. O Noia colleu o dominio do balón, pero o Ribadeo ben situado en defensa apenas sufriu ata a última acción do primeiro tempo. Brian rematou só dentro da área, pero lixeiramente desviado.

O segundo tempo comezou da peor maneira para o Ribadeo. Aos dous minutos de xogo un lanzamento de falta sacado por Anxo rematouno Piñeiro ao pao. O rexeite aproveitouno Queiruga para empatar o encontro. O Noia non se conformou co empate e buscou o segundo tanto con certo perigo. Carrera resultou providencial en dúas accións de mérito. Primeiro ao deter un lanzamento de falta de novo lanzado por Anxo e posteriormente ao desviar un remate de Piñeiro tras unha gran xogada de Nando. O Ribadeo non dixera aínda a última palabra e nos últimos intres contou cunha doble ocasión para acadar a vitoria. Primeiro Asier obrigou a unha gran intervención de Cristopher que desviou o balón a córner. No saque desde o curruncho o testarazo de Álex Meitín saiu fóra por escasos centímetros.

O Castro vence ao San Tirso e sitúase na zona noble (2-0)

Segunda vitoria consecutiva do Castro, desta volta no Arturo Pereiro diante do San Tirso no que probablemente foi o mellor encontro dos de Rafa Casanova no que vai de temporada. O primeiro tanto non tardou en chegar e levou a sinatura de Fito aos sete minutos. Os chairegos contaron con varias ocasións para ampliar a diferencia antes do descanso. O San Tirso non inquedou ao gardameta Josema en ningún momento.

Na segunda metade o conxunto visitante tivo máis o balón, pero o Castro xerou varias ocasións de perigo á contra. A falta de vinte minutos para o final, nunha rápida transición Marco, de vaselina, sentenciou o encontro.

Residencia e Lemos igualan no derbi provincial da Cheda (1-1)

Primeira parte de dominio local. Dani Renda contou coa primeira ocasión para a Resi cun lanzamento de falta que se estrela no longueiro e o balón cae sobre a liña. No minuto 23 un gran lanzamento de Rois desde a frontal cólase pola escadra da portería defendida por Losada, adiantando así aos de Dani Galán.

Na segunda metade foi o Lemos quen tivo o dominio do encontro. Un mal despexe dos locales aproveitao Armesto para lograr o empate cun bo tiro cruzado. Pouco máis tarde Armesto contou con outra boa ocasión que detivo ben colocado Diego. A Resi non xerou perigo ata o desconto. O lanzamento de Edrosa detívoo ben Losada.

Trio de Ases O Cantón. O Polvorín gaña e achégase a postos de play off

O partido en imaxes: San Lázaro-Arenteiro

Trio de Ases O Cantón. O Polvorín gaña e achégase a postos de play off

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 7

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *