Foto de portada: Mariluz Fagín
Tres equipos en cada grupo da Terceira Rexional suman seis puntos. O Fonsagrada e o Antas son os líderes. No grupo norte tocoulle descansar a Comercial; no sur non tivo partido a Milagrosa.
O Fonsagrada, a SD Viveiro e o Friol B contan os dous partidos xogados no grupo norte por vitoria. Lidera a táboa clasificatoria o conxunto fonsagradino por maior diferenza de goles. Os pupilos adestrados por Nico Longhini derrotaron na súa casa ao Rioaveso. Lingas igualou o gol inicial de Silbán, pero na segunda metade os locais conseguiron poñerse de novo por diante. Na segunda posición situáse a SD Viveiro. Segunda vitoria nunha tempada de estrea. Venceu con claridade no Marcos Gómez á SD Nuevo Nausti. Tamén ten seis puntos o filial do Friol. Derrotou na Reigosa a un Cazás que recurtou diferenzas na segunda metade pero non foi quen de equilibrar o partido.
O Matela comezou con bo pé a competición. Descansou na primeira xornada e venceu nesta ao Catro Roldas. Iso que comezou perdendo co gol visitante de Chuchi. Pero na segunda metade remontou o resultado. No Catro Roldas tivo minutos o atacante Soto. Chega tras a súa saída do Páramo. Segunda etapa no cadro amarelo e estreouse ante o conxunto no que militou o curso pasado. O Lugo Unión conseguiu os primeiros tres puntos do curso. Venceu pola mínima ao Celeiro nun partido de cinco goles. Encontro con alternativas no marcador. Resolveuse nos últimos intres cun gol de Iago García. Anotou un dobrete.
Na zona sur, o Antas manda na clasificación. Logrou o segundo triunfo ante o Rubián a domicilio. Tivo que remontar o gol inicial de Rodri. Aí colaborou Luis con dous pases de gol, Marcos con dous goles e Xanzy coas súas paradas. Na segunda posición está o Taboada B. Superou ao Monterroso B no duelo de filiais. Con dúas vitorias no que vai de liga tamén está o Sporting Lucense. A última foi ante o Castroverde. Venceu a domicilio pola mínima. Para o Castroverde era o primeiro encontro despois de descansar na primeira xornada.
O Sober mantense invicto. Despois do empate da primeira xornada, conseguiu o triunfo ante o Carballedo no Catro Ventos. Un choque no que houbo seis goles. O Sober igualou por dúas veces un resultado en contra. Despois remontouno. Os locais quedaron cun menos. Martín e Luis anotaron cadanseu dobrete. O Relámpago e o Lemos B igualaron a un gol. O filial marcou de penalti ao inicio. O conxunto de Taboada tivo moito dominio. Non aproveitou dous penaltis. Ivi fixo o seu tamén baixo paus.