Tres adestradores non continúan en 4 xornadas da Segunda

Tres adestradores que comezaron a tempada 25/26 nos seus respectivos equipos da Segunda Futgal xa non continúan. Tres adestradores que estaban presentes na 7ª edición da Guía ‘Fútbol en Lugo’ xa non adestran aos seus conxuntos. Primeiro foi Quiroga no Matela, co posterior regreso de Cuchi. Esta semana seguíronlle Merino no Sporting Pontenova e Javi Ruiz no San Ciprián.

As circunstancias das saídas son distintas. A de Javi do Sanci quizais sexa a de maior entendemento entre as partes. Decidiu dar un paso ao lado dun club ao que seguirá ligado dunha ou doutra maneira. Polo momento non ten substituto. Félix, actual preparador dos xuvenís dirixirá tamén esta finde ao primeiro equipo. A cita é das sinaladas no calendario: derbi ante a Candelaria.

As desavenencias entre Ángel Merino e o Sporting Pontenova romperon a relación. Lucas Cabana, que foi segundo de Merino e adestrador criado na Mina, colle os mandos do conxunto da súa vila. Por certo, Merino atopou acubillo rápido noutro club. Pasa a formar parte da estructura do Castro.

Todo isto aconteceu en catro xornadas de liga, nas que de momento só o San Roque gaña todo. Contámolo nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.

Folgueiro e Riotorto comparten liderado

O Folgueiro acumula tres vitorias seguidas tras superar con claridade ao Casás (5-0). Aínda que o resultado é enganoso para o visto no campo, o certo é que os locais foron superiores e levaron o peso do partido. Ao inicio da segunda metade xa lograban este resultado e o encontro fíxose moi costa arriba para un Casás, que iso si, nunca deixou de competir.

O Riotorto superou, non sen dificultades, a un combativo Xermade (2-0). Osky deulle vantaxe aos seus antes do descanso. Os visitantes gozaron de oportunidades antes e despois, pero o que acabou chegando foi o tanto de Manu Carreira nunha falta lateral.

O Cabreiros tamén é das 3 vitorias

Cun punto menos ca o Folgueiro e o Riotorto, atópase o Cabreiros que leva tres triunfos no curso. O último logrouno ante un Goiriz que comezara moi ben a tempada (3-2).

O cadro preparado por Saúl Méndez sobrepúxose ás baixas coas que contaba na previa e ás que tivo no propio partido. Aos vinte minutos, tivo que trocar a Alberte Ledo, un dos xogadores referencia que estará uns días afastado dos terreos de xogo.

Antes do final do primeiro tempo cada equipo conseguiu un gol a balón parado. Riobó para o Cabreiros e Xoel para o Goiriz.

O gardamallas Samuel Prieto entrou como xogador no Cabreiros no segundo tempo. Por medio de Cristian vólvense poñer por diante, nuns minutos nos que trataron de darlle a iniciativa ao rival e ser ordeados. Xa no tramo final, Muñiz igualou para o Goiriz. Porén, pouco despois, nunha saída rápida, Jordano logrou o gol da vitoria.

Celta Barreiros e Candelaria suman 7

O Celta Barreiros impúxose ao Meira (5-1). No primeiro tempo Alexander puxo por diante aos seus. Ao inicio do segundo acto, Brais Pin deulle esperanzas ao cadro meirego co tanto do empate.

Non obstante, os locais apertaron máis. Rocky anotou un dobrete para darlle poñer a vantaxe do lado dos seus. Na recta final, o dobrete de Javi Andina redondeou o resultado.

A Candelaria chega con mellores sensacións ao derbi que os seus veciños do Sanci. Vai chegar logo de gañarlle a todo un Pastoricense na Rúa por 2-1. Os pupilos preparados por Jaime Pérez anotaron os dous tantos no primeiro tempo. Apertaron os locais moito na segunda parte, pero só lograron o tanto de Borja Corbelle superado o minuto 80 de partido.

O Guitiriz e o Alfoz empatan a todo

Dous equipos invictos que suman seis puntos, logo de gañar un partido e igualar tres. O último entre eles (1-1). Nun encontro igualado, o Alfoz tivo máis sensación de dominar na maior parte do primeiro tempo.

Os goles non chegaron ata o tramo final. Nun penalti que o colexiado sinala sobre o xuvenil Juan, un dos grandes destacados do encontro, o Guitiriz ponse por diante. Os visitantes trataron de ir a polo empate e conseguírono co tanto de Dani Jiménez.

O Sp. Pontenova gaña na saída do adestrador Merino

Ángel Merino marchou con vitoria do Sporting Pontenova ao vencer 2-0 ao Castroverde. Houbo ocasións para os dous equipos no primeiro tempo. Iso si, a máis clara para os locais que desperdiciaron un penalti tras unha parada do gardamllas visitante Iago. Aínda así, puxéronse por diante xusto antes do descanso grazas a Jaimuki.

Non deixou de intentalo o Castroverde nun segundo tempo no que protestou o segundo tanto local, ao considerar que había man no inicio da xogada. Carlos logrou un gran gol que, a pesar das opcións visitantes, practicamente sentenciou o partido.

Javi Fernández Ruiz deixa ao Sanci logo de levar nesta etapa dende o verán de 2024

O Matela logra os seus primeiros 3 puntos logo do ascenso

O Matela fixo valer a súa condición de local en San Lourenzo de Aguiar para superar a un Sanci que está nun momento baixo (2-1). A media hora de xogo, Alejandro puxo por diante aos seus ao aproveitar un rexeite do porteiro visitante que acababa de parar un penalti.

No segundo tempo, os locais conseguiron o segundo por medio de Pablo Cabanas. Aos poucos minutos, recurtaron diferenzas os pupilos preparados por Javi Ruiz por medio de Dani GP. Non sería suficiente para levar algo positivo cara a Mariña.

Unha docena de puntos para o San Roque

Os pupilos adestrados por Piru continúan sendo o único equipo que gaña todo na Segunda lucense. Lograron o cuarto triunfo do curso na casa do sempre complicado Friol (1-3). Aínda que os locais comezaron marcando por medio do defensa Brais a saída dun córner, os visitantes remontaron rápido. Nuns cinco minutos, o xuvenil Vidal e Yelko lograron os goles. 

O Friol tivo a oportunidade de igualar o encontro no segundo tempo. Gozou de varias ocasións que non materializou. Ao contraataque, Jul anotou o terceiro para xa sentenciar o partido. 

Becerreá e Monterroso B seguen ao líder

Na segunda posición establécese o Becerreá que non perde no que vai de liga. Conseguiu a terceira vitoria da temporada ante un San Lázaro (0-2) que polo momento non puntuou. Xairo marcou moi rápido para o Becerreá. Cuarto gol no que vai de temporada para o dianteiro, futbolista All Star Futbolinlugo 2022 en Carballedo

Non se foron do encontro os locais, pero recibiron outro duro golpe nada máis comezar o segundo acto. Jesús anotou o segundo gol e púxolles o partido costa arriba. Intentárono os locais pero non tiveron o acerto necesario. 

O filial do Monterroso suma os seus tres partidos por vitorias. Acumula nove puntos ao ter pendente de xogar co Ferreira, encontro que se desputará a última fin de semana do ano (27/12). Cinco goles a favor e un en contra son os números que presenta o cadro dirixido por Óscar Pampín e Raúl Antas. Na última xornada venceron pola mínima ao Paradela no Gandarón (0-1)

A cita comezou da mellor maneira para o Monterroso B. Adiantouse nos primeiros intres de xogo por medio de Yoni Mejuto. O dianteiro puido marcar o segundo para os seus, pero o gardamallas local Eros detivo un penalti lanzado por el.

Estivo mellor o Paradela no segundo tempo e fixo sufrir no terreo de xogo ao rival. Non obstante, non foi capaz de igualar o resultado. O equipo preparado por Santi López queda con tres puntos na clasificación. 

Oito goles no Castro Seoane

O Antas suma oito puntos e mantense sen perder, despois de igualar co Portomarín (4-4) no encontro máis goleador da finde. Comezaron moito mellor os visitantes xerando moito perigo a balón parado, pero quen tomou vantaxe de dous goles foi o Antas. Méndez e Portu, de penalti, marcaron. 

Pouco despois, Juanillo recurtou diferencias para os seus a saída dun córner. Na tolemia de partido Álex marcou o terceiro local a falta dez minutos para o descanso. Antes do tempo de lecer, Juanillo, tamén de penalti, e Arturo lograron a igualada para o Portomarín. 

Nunha segunda parte máis igualada, o Antas volveu poñerse por diante. Portu marcou un gran gol de vaselina e suma catro tantos no que vai de liga. Dez minutos máis tarde, Carlos empatou para o Portomarín nunha acción a balón parado. 

O Lemos B golea

O filial do Lemos impúxose no Luis Bodegas ante o Palas (5-1) e acumula sete puntos. Comezaron ben os locais con goles de Vilariño e David Díaz. O Palas logrou recurtar diferencias por medio do capitán Julián, que marcou de penalti. Con todo, antes do descanso Piki logrou o terceiro na conta local. 

No primeiro tramo do segundo tempo dominou o Palas, pero non foi capaz de achegarse máis no marcador. Nunha acción na que o conxunto visitante pediu man, os locais lograron o cuarto. David Díaz anotou o seu dobrete e deixaba o partido practicamente sentenciado. Pupi aínda redondeou o resultado co quinto gol. 

O Santa Comba suma seis

A entidade presidida por Iván Noé quere volver situarse na parte alta da clasificación. Venceu ao Chantada B (2-0) no Tras do Novo e acumula 7 puntos de 12 posibles

O filial chantadés tivo opcións para adiantarse no marcador no primeiro tempo. No segundo acto, a entrada de Núñez espabilou máis aos locais que se puxeron por diante por medio de Jorge e xeraron máis perigo ao contragolpe. Ao redor do minuto 70 conseguiron o segundo gol. 

Empate de recén ascendidos

O Sober e a Sarriana B igualaron no primeiro encontro do curso en Centeás (2-2). O duelo aprazado entre o Sober e o Palas polo lume xogarase o 7 de decembro.

O punto séntalle mellor aos locais, xa que foron por baixo todo o partido. O filial de Sarria tomou vantaxe cedo con dous goles. O Sober marcou un gol, pero desaproveitou a oportunidade de empatar no primeiro tempo ao fallar un penalti.

No segundo acto, intentárono máis os pupilos preparados por Ibán Lagoa. A Sarriana B non sentenciou á contra e os locais rescataron un punto nos últimos intres cun gol de David Piñeiro.

Primeiro triunfo do curso para o Ferreira

O Ferreira sumou de tres por primeira vez na tempada ao superar pola mínima O Páramo (1-0) no seu primeiro encontro no Baliño. O gol de Rafa a media hora de xogo resultou ser decisivo.

Puideron ampliar vantaxe os locais, sobre todo, cun penalti que detivo o gardamallas visitante Marcos. Deixaron con vida a un Páramo que intentou máis a búsqueda do gol contra o final, pero non tivo a sorte de cara.

Tres adestradores non continúan en 4 xornadas da Segunda

A esférica volve a rodar para os

Tres adestradores non continúan en 4 xornadas da Segunda

Só catro equipos acadan o pleno ao

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *