Dun tempo para aquí, vemos que o noso fútbol vai collendo certos hábitos do profesionalismo. Resulta moi raro ver a un adestrador aguantar máis de dous tres anos no mesmo banco. Porén agora, os cambios durante a propia tempada están á orde do día.
Esta campaña, todos os técnicos que comezaron nos equipos lucenses xa fixeron as maletas nestes últimos meses. O primeiro deles foi Óscar Moure, en novembro, que dimitiu despois de que o Lemos gañase ao Victoria a domicilio (0-2). O seu substituto Juanlu Bernal non mellorou a situación dos monfortinos, que se atopan inmersos de cheo na loita por non descender.
A finais de xaneiro, viviamos outro adeus: o de Dani Moirón en Ribadeo. O preparador mariñán decidía poñer fin á irregular traxectoria dos do Pepe Barrera logo dun gran traballo a nivel de club nos últimos anos. Pichi colleu o testigo, regresando aos bancos despois dun longo tempo fóra deles. Con el, chegou unha mellora a nivel defensivo. Reducindo os goles encaixados polo Ribadeo.
E esta pasada semana, a falta dunha variación; tivemos dúas. O Castro prescindiu do incombustible Rafa Casanova despois dunha mala xeira de resultados e baixas. O artífice do ascenso dos do Arturo Pereiro deixou o seu lugar a Fernando Corredoira, antigo adestrador do Chantada Atlético. E que seguirá a compaxinar a súa tarefa coa que ostenta na estrutura da EF Polvorín.
Por último, contamos cunha despedida dos doces. Dani Galán deixou a Residencia co seu terceiro triunfo consecutivo e fóra de descenso. Todo para emprender unha nova aventura nunha categoría superior, a Terceira RFEF. O Polvorín agarda manterse da man do xa extécnico do xuvenil de Honra do CD Lugo. Mentres tanto, na Cheda buscaron solucións dentro do propio corpo técnico. Nando púxose á frente, escoltado polo eterno Antonio Gómez, Raposo e o preparador físico Lillo.