A semana pasada producíase un dos movementos da tempada. Vicente González Vilariño ‘Tichu’ (16/06/1987) deixaba o seu Outeiro de Rei natal para regresar ao Ribadeo. Unha vez pasado o seu debut, falamos co talentoso centrocampista e analizamos estes últimos días tan intensos na súa vida futbolística.
Unha fichaxe bomba! «Bomba, bomba non sei. Hai tantas fichaxes sorprendentes… Pero a min fíxome moita ilusión».
Sorprendido pola titularidade nada máis chegar? «Non contaba ser titular. Levaba ano e medio competindo nunha categoría inferior. Espera comezar desde o banco para coller ritmo. Pero sempre estou preparado para axudar no que poida».
A volta ao Pepe Barrera. «Contento por volver alí e por estar con compañeiros cos que xa estiven e coñezo. Xa sabedes como son, competitivo ao máximo. E estou triste pola derrota. Non fixen un bo partido en liñas xerais. Seguirémonos preparando para coller ritmo e sensacións».


Unha posición ‘diferente’. «Xoguei de ‘nove’. Facía tempo que non o facía aí, aínda que non é un posto descoñecido para min. Non estiven moi ben, algo perdido, e téñome que adaptar ao que quere o míster. Pouco a pouco e espero cumprir as altas expectativas que puxeron en min».
A chegada ao Ribadeo? «Dani (Moirón) levaba tempo falando comigo. Ata hai pouco as circunstancias persoais eran outras e agora cambiaron. Son competitivo ao máximo e por unha vez decidín ser egoísta. Quédame pouco no fútbol e decidín subir unha categoría para competir a máis nivel».
Un adeus complicado ao Outeiro de Rei. «No Outeiro non tiñamos un obxectivo claro esta tempada. É o equipo do meu pobo e foi difícil. Teño amigos alí. Creo que o entenderon e xa vían que eu estaba mal. Creo que foi a mellor decisión para min e para o resto. Así non teñen que aturar o meu forte carácter no campo».

Obxectivo prinicipal desta nova etapa? «Axudar ao equipo no que pida o adestrador e manter esa ilusión do Ribadeo de poder regresar a Terceira División. Está todo moi igualado e nunca é fácil un ascenso. Por moito bo equipo que teñas, nunca é fácil. Sempre hai que aspirar ao máximo e me poño os obxectivos altos nesta ilusionante etapa».
