A 25ª Sesión Plenario trae primeiro cruce dos cuartos de final. Xogan o delegado do Burela Manu Martínez e o xogador do Meira Xosé Lourido. A balanza desequilibrouse na cuarta rolda de preguntas.
As quendas de penaltis están sendo protagonistas nas últimas semanas no noso fútbol. Á hora da verdade hai que botar man dos lanzamentos dende os once metros para resolver a igualdade. Aí a sorte xoga un factor diferencial.
Con esa dinámica naceu esta temporada Sesión Plenario, no que tamén a fortuna pode decantar unha eliminatoria. Dependendo da temática da pregunta pode ser máis ou menos asequible para o concursante que está xogando.
Nesta última entrega seguimos coñecendo canto saben de si os nosos participantes. Buscámoslle a retranca aos temas de actualidade e preguntamos polo santo do Racing Villalbés e por un partido con seca de goles na Fonte.
Hai que saber sempre de que cor viste o equipo rival, por iso falamos das indumentarias do Rioaveso Machinango e do Páramo.
Dous dos equipos recén ascendidos á Primeira, o Guitiriz e a Milagrosa, levaban un tempo sen estar pola categoría. Relacionamos o seu último ano en Primeira cun feito importante do fútbol internacional para comprobar cal fora esa tempada.
Nos últimos días, ademais do ascenso do Racing Villalbés a unha categoría estatal, produciuse tamén o do CD Lugo feminino. O cadro albivermello xogará o vindeiro curso en Primeira Nacional. O equipo chairego e o lucense teñen algo en común, na súa penúltima eliminatoria de ascenso eliminaron a un equipo de Arousa.
Primeiro concursante nas semifinais:
O resultado entre Manu Martínez e Xosé Lourido deixa xa ao primeiro clasificado para as semifinais. Nas próximas semanas coñeceremos aos outros tres integrantes que buscarán un oco na final. Os outros emparellamentos de cuartos son os formados por: Juan Rodríguez e Tucho; David Rodríguez e Isaac Rouco e Oskarinho e Esteban Carracedo.
Os cruces dos cuartos final tamén foron formados por sorteo. Non obstante, as eliminatorias non seguirán a orde do cadro e iranse xogando en función da dispoñibilidade dos participantes.
Á diferenza da primeira rolda, pero ao igual ca nos oitavos, a quenda de xogo vén dada polo propio sorteo. Comezan a responder de primeiros os concursantes cuxa papeleta saíu de primeira.
Esta sección conta co apoio imprescindible de Plenario Veiga. O xerente de Discoteca Hermo e Bar Tibor (patrocionadores principais deste espazo) tamén colabora no concurso para avaliar as respostas dos participantes.
O redactor Iván Calaza foi o encargado de presentar esta vixésimo quinta Sesión Plenario que contou coa presenza do colaborador Plenario Veiga.
O futuro de Xosé Lourido:
Xosé Lourido é un dos futbolistas máis icónicos da provincia. A súa entrega e o seu compromiso co noso balompé fixérono sempre un deses imprescindibles que o dá todo polos seus.
Logo de media vida no Riotorto, fichou despois da pandemia no club da súa vila, o Meira FC. Hai unhas semanas conseguiu co equipo celeste un ascenso á Primeira Rexional.
Polo momento, non aclara que vai facer a medio prazo. O que semella ter claro é que lle gustaría seguir como adestrador dos xuvenís do cadro meirego, un grupo que comezou a competir este curso que remata.
«Por agora vamos descansar e xa se verá, se nón, como di Plenario teño a residencia ao lado para ir (risas)», comentou.