#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Senén López, SD Rubián: «A afección fixo posibles moitos resultados»

A SD Rubián xa é novo equipo da Segunda Galicia. Nunca é doado ascender, moito menos facelo con dúas xornadas de marxe. Pero os de Senén López, logo de catro temporadas na Terceira Autonómica, veñen de acadar un salto de categoría que os sitúa de novo entre os equipos punteiros da súa comarca.

Hoxe conversamos coa cabeza visible do proxecto: o adestrador, Senén López, vén de acadar un éxito histórico para un club que levaba anos detrás do ascenso.

Futbolinlugo: Un ano histórico.

Senén López: Si, despois de tanto tempo detrás, acadamos o ascenso.



Fil: Era o obxectivo o ascenso no mes de agosto?

SL: Sí, non conseguilo tería sido un fracaso absoluto. Co equipo que fixemos, se non se ascendía era un fracaso de todos. Incorporamos 3-4 fichaxes moi bos que nos facían falta con respecto ao ano pasado e nos axudaron moito.

Fil: Semella que unha das chaves foi a solidez defensiva. 14 goles encaixados en 20 partidos.



SL: Sen dúbida. Creo que todo o mundo coincidiría en que temos o mellor porteiro da categoría, Casillas, e despois a defensa estivo sempre moi ben. A excepción de momentos puntuais, como o día do Sober, que encaixamos tres goles en quince minutos, sempre estivemos moi sólidos. Somos un muro.

Fil: Os 14 tantos anotados por Iván López tamén xogaron un papel importante.

SL: É o noso 10. É un xogador especial, ten algo distinto, é diferencial e desequilibrante, pelexa todos os balóns… é a maxia do Rubián.

Fil: Como describirías ao Rubián de Senén López?

SL: Un grupo moi unido, solidario, 11 xogadores que sempre defenden e todos os futbolistas comprometidos e axudando en cada partido e adestramento.



Fil: A dinámica de adestramentos foi, por tanto, moi positiva.

SL: Si, os mércores con choiva e frío sempre 15, 16, 17 xogadores… os venres todos sempre, sen excepción. Aí é onde está o ascenso do Rubián, no grupo. Con moita xente adestrando podes facer bos adestramentos, todo o mundo estaba enchufado e competía polo posto… é moi importante.

Fil: Que obxectivos vos marcades para o que queda de temporada?

SL: Avanzar na Copa. Imos intentar eliminar ao Paradela diante da nosa xente, loitaremos ese partido a morte. Son os vixentes campións, pero usaremos as nosas armas na nosa casa.

Fil: Está preparado o cadro de xogadores para competir na Segunda Galicia?

SL: Si, si. Completamente. Están preparadísimos todos os xogadores para competir na Segunda o próximo ano.

«Iván lópez é a maxia do Rubián; e casillas , o mellor porteiro da categoría»

Fil: Continuará Senén á fronte do proxecto?

SL: Non falamos nada aínda coa directiva, pero en principio si.

Fil: Está a pasar por unha crise o fútbol da comarca?

SL: Non sei no caso doutros clubes, no caso do Rubián non. Tivemos 23 fichas de calidade, unha afección comprometida e sempre apoiando. Seguramente inflúa a inercia dos resultados, pero tivemos ao equipo enchufado todo o ano.

A afección fixo posible moitos resultados. Remontamos contra o Santa Comba na casa e no tempo de desconto gracias aos folgos da xente: iamos perdendo e anotamos dous goles. De feito este domingo haberá uns pinchos para toda a afección que veña polo Poste, porque equipo e afección estamos moi unidos.

rubián

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *