A SD Antas asina unhas agridoces táboas co líder

Se ás celestes, recén ascendidas, lles preguntaran antes do partido se se conformaban co empate ante as líderes, o Atlético San Pedro; probablemente terían «asinado». O conxunto oleirense chegaba ao Castro Seoane con pleno de vitorias no que vai de competición, pero atopouse cunha SD Antas que non semella ser ‘novel’ nesta Primeira Futgal.

Malia que o partido rematou sen goles, a intensidade vivida sobre o verde do Castro Seoane foi altísima e cunha SD Antas máis dominadora que as visitantes exceptuando os últimos minutos do encontro.

O Atlético San Pedro amosaba a súa calidade, con xogadoras moi perigosas e que en calquera achegamento a área resultaba perigoso, pero a liña defensiva do conxunto dirixido por Óscar Méndez axiña tomou nota e, tras un primeiro cuarto de hora de máis dúbidas, axustouse á perfección para conseguir desbotar case por completo o perigo creado polas oleirenses.

Porén, tamén atopou un muro a SD Antas na portería do Atlético San Pedro. A gardameta visitante firmou un partido estelar para impedir que as celestes sacaran algo máis que un punto no Castro Seoane que, visto o que ocorreu sobre o verde, agora sabe a pouco.

A Milagrosa reencóntrase coa vitoria

Se ben comezaran as lucenses a Liga con dúas vitorias, as tres xornadas seguintes firmaran tres abultadas derrotas, polo que volver a reatoparse coa súa mellor versión comezaba a facerse necesidade para as de Héctor Expósito.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Bergantiños B. Foto cedida

Un bo partido coral, comandado pola sempre sobresaínte Irene, deu de novo os tres puntos á Milagrosa fronte ao Bergantiños B. Irene firmou un ‘hat-trick’ con goles no 27′, 37′ e 45′ para deixar o partido sentenciado xa antes de chegar ao tempo de lecer.

Malia que o Bergantiños B recurtara distancias no 29′ co gol de Carmen, non puideron facer nada ante unha Milagrosa que volveu a atoparse co seu mellor xogo para pórse xa con 9 puntos na táboa.

O San Lázaro segue coa súa boa xeira

Outra xornada e outro magnífico partido con goleada para o San Lázaro. As dirixidas por Rubén Candal dominaron a posesión e o partido desde o inicio, deixando sen opción algunha ao Brexo Lema.

As xogadoras do San Lázaro celebran os tres puntos tras o partido. Foto cedida

As celestes deron unha clase de como mover o balón en ataque e como solucionar rápidamente en defensa. Con ambos ingredientes, o resultado só podía ser un: a goleada. Paola foi a encargada de abrir o luminoso no 23 (1-0). O Brexo Lema puxo o segundo, en propia porta, para o San Lázaro. O 3-0 chegou das botas de Iria L. no 33′ e xa no 75′, outra habitual do gol, Kathy, asinou o definitivo 4-0.

Tres puntos máis para o San Lázaro que, como a Milagrosa, suma un total de 9 no que vai de competición e colócase na 7ª posición da táboa.

O Carballedo sae perdendo nun partido con dúas caras

Malia que o conxunto dirixido por Roberto ‘Sementa’ dominou con claridade a primeira hora do encontro, poñéndose por diante cun tempraneiro gol de Ari no minuto 2′, as tornas mudaron por completo cando Dana puxo o 1-1 para o Bandeira no 40′.

Xogadoras e adestrador do Carballedo antes do partido ante o Bandeira no Catro Ventos. Foto cedida

A partires de aí, as rosas semellaron saír do partido malia seguir sobre o verde do Catro Ventos. O nerviosismo e a imprecisión asolou ás locais e axiña chegou o 1-2, no 45′, xusto antes de chegar ao descanso, cando Dana anotaba de novo para deixar ao Bandeira xa por diante no partido.

Malia que o Carballedo intentou cambiar o devir do partido no descanso para tratar de volver a coller as rendas, non foi posible. As de’Sementa’ non se atopaban co gol e nunha contra o Bandeira puxo o definitivo 1-3 por medio das botas de Sofía (m. 60′).

Con esa diferenza no marcador, o Carballedo baixou os brazos. Só un magnífico partido da incombustible Chusa evitou que o mal fora maior.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *