Residencia, Valadouro e Matela descenden finalmente de categoría

O Estudiantil confirmou na súa páxina de Facebook que non renuncia a competir na Preferente Norte, polo que remata coas esperanzas que tiñan os equipos lucenses de non baixar de división. A xunta directiva, presidida por Arturo Fandiño, decidiu por maioría absoluta renunciar as pretensións iniciais de saír en Terceira Rexional e optou por continuar na categoría na que levan xogando os últimos anos.

O cadro da Estrada segue pendente de que se resolva o seu contencioso no xulgado no que reclama a súa presenza na Terceira División. Os tres puntos a favor dun encontro co Arzúa na temporada 16/17 daríanlle o ascenso. Ao inico do verán, en vistas de que a decisión xudicial podería seguir retrasándose, o Estudiantil afirmou que de non poder competir na Terceira, sairía co seu equipo sénior na Terceira Rexional. Esta posibilidade afectaba directamente ao fútbol lucense, xa que o primeiro equipo que ocuparía a súa praza en Preferente sería a Residencia. O equipo da capital da provincia rematara fóra dos postos de descenso no ano do seu regreso á división, pero viuse afectado polos arrastres.

O Matela descendeu por arrastres, despois do seu ascenso na tempada anterior conseguido en Goiriz

Ante a circunstancia de que a Residencia continuase en Preferente, outros dous equipos da provincia saían beneficiados. Por un lado o Valadouro, que tamén descendía por arrastres á Segunda Rexional e permanecería en Primeira; e polo outro o Matela, que continuaría na Segunda. Non obstante, as opcións desbaratanse deste xeito para os tres conxuntos.

Os clubs estaban agardando á Asemblea da Real Federación Galega de Fútbol, que se vai celebrar o 30 de xullo, para confirmar cal sería o seu futuro inmediato. Nas reunións previas que a Federación mantivo na Delegación de Lugo daban un tanto por cento moi alto de posibilidades de que o Estudiantil saise en Terceira Autonómica. Por outra banda, a decisión permite que a Terceira Rexional lucense quede organizada como estaba nun principio. Se non hai novidades de última hora, a SD Viveiro non sacará equipo sénior, polo que o grupo norte e o grupo sur quedarían parellos con cadanseus doce equipos.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario