Nas últimas semanas, cometimos un erro á hora de falar dos arrastres en ambos grupos da Segunda Galicia. Prodúcense baixadas en cascada a partir do segundo descenso dun equipo que caia para o mesmo grupo. É dicir, se dos equipos que baixan de Primeira, só un deles cae para a 2ª norte, aquí non habería arrastres. Daríase tan só un arrastre no caso de que dous equipos de Primeira baixen para o mesmo grupo da Segunda.
En base a este procedemento e con respecto a situación clasificatoria actual de Primeira, tan só se produciría un arrastre como máximo en cada grupo da 2ª. Isto significa que a 13ª posición na Segunda si asegura a permanencia, a diferenza do que comentabamos este días que poñíamos o listón no 12º posto.
Pedimos desculpas a todos os integrantes dos clubs que se viran agraviados polas nosas explicacións inexactas. Con todo, si insistimos no que vimos apuntando con respecto ás outras situacións. O descenso directo dun equipo de superior categoría implica un arrastre na división inmediatamente inferior. Aínda que esta regra, non se cumpre este curso na 1ª Galicia ao ampliar a categoría a 108 equipos.
Sen ter en conta o que pase cos equipos galegos da 2ª RFEF, vai haber arrastres seguro na Preferente. Os equipos que descenden directos dende a 3ª RFEF arrastran naqueles grupos onde vaian encadrados.


No caso de que haxa descensos galegos en 2ª RFEF e ningún galego suba a esta categoría mediante a promoción, os arrastres xa se producirían en 3ª RFEF e, por conseguinte, no resto de divisións.
Que posición asegura a salvación en 3ª RFEF?
Ante a posibilidade de que baixen dous equipos galegos da 2ª RFEF, a permanencia segura na 3ª RFEF estaría na 13ª posición. Este sería o peor dos escenarios. Non obstante, a 2ª Federación acabará unha semana antes (primeira finde de maio) e os equipos da Terceira terán uns días para comprobar o que se xogan na última xornada.
Lucenses en perigo (15 puntos en xogo): Polvorín (12º, tres puntos máis que o 14º) e Viveiro (13º, un punto máis que o 14º).


Que posición asegura a salvación na Preferente?
Os tres equipos que descenden directamente de 3ª RFEF, provocan arrastres na Preferente. Pero faltará saber en que grupos da Preferente se encadran eses conxuntos.
Poñéndonos no mellor dos casos, habería tres arrastres para toda a Preferente. Como máximo, a un grupo afectaríanlle dous. No caso de que ese fose a situación do norte, a salvación segura estaría no 13º posto.
No peor dos escenarios, dous descensos galegos de 2ª RFEF e ningún ascenso galego na promoción á 2ª RFEF, podería haber ata tres arrastres nun dos grupos da Preferente. Nese hipotético caso, a salvación segura sería o 12º posto.
Lucenses en perigo (quince puntos en xogo): Lemos (11º, empatado a puntos co 12º), Castro (13º, a dous puntos do 12º), Ribadeo (14º, a dous puntos do 12º) e Residencia (16º, a sete puntos do 12º e a cinco do 13ª).

Que posición asegura a salvación na Primeira Galicia?
O novo formato de máis equipos na 1ª, posibilita que os nove clubs (seis por descenso directo e tres por arrastre) que baixan fixo da Preferente non impliquen ningún arrastre.
Só habería arrastres na Primeira no caso dun ou máis descensos galegos da 2ª RFEF. Nese caso, é difícil predecir se lle afectaría a un conxunto do actual grupo de Lugo. Habería que ver en cal Primeira encaixan a ese suposto arrastre.
O esperable é que no grupo de Lugo só descenderan os clubs que están en descenso directo. Como moito, para salvagardar distintas hipóteses, imos poñer a salvación segura na 14ª posición.
Lucenses en perigo (quedan 15 puntos en xogo): Lourenzá (12º, sete puntos por riba do 15º), Xove Lago (13º, cinco puntos por riba do 15º), Meira (14º, tres puntos por riba do 15º), Riotorto (15º, a tres puntos do 14º), Milagrosa (16ª, a cinco puntos do 15º e a oito do 14º), Guitiriz (17º, a cinco puntos do 15º e a oito do 14º) e Portomarín (18º, a dez do 15º e a trece do 14º).
Que posición asegura a salvación na Segunda Galicia?
En relación ao que comentamos da Primeira, facemos a estimación de que o predecible é que só descendan os clubs que están en descenso directo. Colocamos a hipótese de que puidera haber un arrastre do 13º clasificado na Primeira.
A conclusión á que chegamos é que, como máximo, só habería dous arrastres da Primeira á Segunda. En principio, repartiríanse para cadanseu grupo, polo que o 13º estaría salvado.
Haberá que esperar a coñecer que equipos baixan de Primeira para determinar en que grupo da Segunda se encadrarían. Na clasificación actual, por exemplo, un suposto descenso do Portomarín non supón un arrastre na Segunda sur. Habería arrastre neste grupo no caso de que outro dos equipos que descendan dende a Primeira, caian para este grupo.
Destacamos que no caso de que non haxa descensos galegos da 2ª RFEF, na Segunda Galicia lucense só habería un arrastre.
Equipos en perigo na 2ª norte (doce puntos en xogo): Cospeito (12º, oito puntos por riba do 14º), Muimenta (13º, catro puntos por riba do 14º), Mondoñedo (14º, empatado co 15º e a catro puntos do 14º), Abadín (15º, empatado co 14º e a catro puntos do 14º) e o Roupar (16º, a un punto do 14º e a cinco puntos do 14º).
Equipos en perigo na 2ª sur (doce puntos en xogo): Chantada B (13º, con dous puntos máis que o 14º), Lemos B (14º, a dous puntos do 13º), Carballedo (15º, a oito puntos do 13º). No caso de haber un arrastre, o Sporting Lucense xa estaría descendido matematicamente.
Todos os datos amosados son suposicións baseadas na composición que rexerá o próximo curso. Hai que estar moi atentos as posibles modificacións á hora de encadrar os equipos nos grupos, ao aterse a Federación aos “criterios xeográficos” na Preferente e na Primeira.
Nos próximos días tentaremos tamén aclarar a situación na que se atopa o fútbol feminino lucense a causa dos arrastres.