#Fútbol afeccionado

Ramiro Bao (SD Esteirana): «Sempre tes a espiña cravada de a onde poderías chegar»

Non é a primeira vez que marchamos fóra dos marcos da provincia. Volvemos traspasar as fronteiras lucenses para contar a historia dun dos nosos. Viaxamos virtualmente a terras onde se respira fútbol do bo. Lugar de praias, carrilanas e concertos de balde. Cuna dun dos mellores xogadores galegos da historia, don José Luis Vara Olveira. Un pichichi sen ser dianteiro. Persoa que lle dá nome ao estadio onde Ramiro Bao Vázquez (05-04-1991, Lugo, mediocentro) quere colgar as botas. A situación persoal levouno á SD Esteirana (na parroquia de Esteiro en Muros). Unha carreira deportiva á que chamou o Real Madrid. A mala sorte impediu que aquel pícaro, que comezou xogando ao fútbol na Comercial (despois base do CD Lugo, Vilalbés, Riotorto, Arzúa, Goiriz e Esteirana), puidese cumprir o soño de seu avó. Rescatámolo na súa estadía semanal na provincia e falamos de fútbol baixo unha mirada madura. Unha homenaxe interior ao seu avó.

Futbolinlugo: O Real Madrid chamou a Ramiro Bao?

Ramiro Bao: Chamaron a meu pai. Eu daquela estaba no xuvenil do CD Lugo que adestraba Manolo Mandiá. Mandárannos un ollador do Real Madrid para vernos a meu irmán Álex, a Make e a min. Nun primeiro momento pensamos “haberá moitos máis como a min”. Pero a cousa foise poñendo seria. Púxose en contacto tamén o director deportivo do CD Lugo, Carlos Mouriz. O Real Madrid quería saber datos meus coa idea de levarme para alí. Estaba todo máis ou menos falado. A temporada remataba e tiñamos o último partido na fin de semana. No adestramento do xoves eu xa non me sentía ben. Notábame pesado. Cando a sesión estaba acabando, nunha posesión dentro da área quedoume a perna enganchada e xiroume o xeonllo de todo.

Fil: E aí rematou un soño?



RB: O venres Manolo Mandiá falou co Real Madrid. Estabamos pendentes das probas médicas que diagnosticaron que tiña o menisco roto. Eles quedaron en seguir pendentes, pero pasou. Dunha que xa non me din recuperado. Doutra que daquela no Real Madrid Castilla era segundo adestrador con Míchel con Juan Carlos Mandiá. Fora quen seguira un pouco o tema. Despois Juan Carlos marchou adestrar para o Hércules e aí xa se desfixeron as relacións todas.

«Necesitas ese contacto que eu tiven e moita xente non pode ter»



Fil: De non haber esa conexión Mandiá, esa posibilidade nunca se produciría?

RB: Anos atrás meu avó era o presidente dun equipo lucense que lle chamaban a Oje. Pedíralle a Juan Carlos Mandiá que viñera xogar unha fase de ascenso con eles. Despois tivo a oportunidade de dalo salto ao Real Madrid. Nese aspecto tamén me quixeron axudar. Eu non me considerei un enchufado, nin moito menos. Paréceme raro que o Xuvenil do Real Madrid te queira levar para aló sen dar un nivel. Eu dábao, pero precisas desa axuda. Seguramente haxa en Galicia varios rapaces que por calidade valen para estar no Real Madrid. Pero necesitas ese contacto e ese empuxonciño que eu tiven e moita xente non pode ter.

Fil: Por que se complicou tanto esa lesión?

RB: Eu creo que me forzaron moito para comezar a pretemporada co Lugo. Tiña o xeonllo desfeito e tívenme que volver operar. Cando tiven a primeira operación de xeonllo sentínme moi apoiado. Déronme moita caña para volver. E moi rápido. Despois tivéronme que volver operar. Aí si que xa o apoio perdeuse. Foi morrendo así a cousa. Pedín a carta de liberdade e marchei para o Racing Vilalbés. Nunca volvín recuperala confianza. Xa non lle pegas ao balón igual porque tampouco nunca cheguei a estar ben. A cabeza condiciónate moito.

«Meu avó aínda chora acordándose da historia»



Fil: Con que te quedas de toda esa situación?

RB: Eu dende aquela nunca puiden volver a xogar ben nunca máis. Sempre tes a espiña cravada de a onde poderías chegar. O mellor ía xogar un ano a Madrid e volvía ao seguinte. Pero quedoume iso de non saber que pasaría. Na casa é un tema que temos medio tabú. Meu avó aínda chora acordándose da historia. Eu paseino mal. Tiven depresión. Unha época complicada. Adestras catro días a semana e xogas a finde polo que vives a vida en función do fútbol. De repente sácanche iso… É un tema que só coñece xente próxima porque se o vas contando por aí tamén habería algún que dixera “pero para onde ía ir este fantasma”.

Fil: Saíu algo positivo dese momento vivido?

RB: A raíz diso coñecín a moitos amigos. Fixen moitas amizades polos outros vestiraios polos que pasei. Se non fora así, non coñecería a miña parella actual. Tes que sacar proveito.

Fil: E como estás agora fisicamente?

RB: Levo un tempo parado porque me tiven que operar das costas. Xa me vexo lonxe de competir. Podo xogar unha parte. Heino tratar de traballar. De darlle caña a perna, pero a miña idea xa é ir encamiñado á formación. Porque nunca me afixen a deixar o fútbol. Por iso cando alguén me chama, vólvome animar a ir aínda que vaia arrastro.

Fil: Como se presentou a opción de traspasar fronteiras esta temporada?

RB: A miña moza é de Esteiro. E pasando as vacacións alí xurdiu o tema. Hai unha afección de fútbol tremenda. Hai moitísima tradición de fútbol. Por exemplo, fan unha liga entre os barrios do pobo segundo onde nacera cada un. Máis ca nada son amigos que adestran. E que dan un nivel moi alto. Supoño que deixarei o fútbol alí. Non me planteo xogar noutro equipo. O obxectivo este curso é manterse. Empezouse moi mal. E para min hai un auténtico equipazo. Moi compensado. Rótase moitísimo.

Fil: Serás adestrador?

RB: A miña ilusión é sacar o carné. O fútbol encántame. Gustaríame centrarme máis no fútbol base. Quero orientar á xente a que non aposte todo a unha carta. Cando che cortan así de repente non sabes moi ben cara onde tirar. E ao final non se reduce todo ao fútbol. Teste que seguir encauzando por outro lado. Parece que para estas cousas non te preparan.

«O Goiriz é como unha familia»

Ramiro tampouco atopou continuidade no Goiriz por mor do seu estado físico. A pesar da súa escasa participación si foi protagonista dos Sobranceiros Futbolinlugo

Fil: Estás pendente do fútbol de Lugo?

RB: Si, sobre todo do Goiriz que foi onde estiven o curso pasado. É como unha familia. Acóllente dende o primeiro momento. De feito, o bloque mantense dende hai unha pila de tempo.

«Meu irmán deixouno nunha época na que vía que chegara ao seu tope»

Fil: As lesións truncaron “Os Bao”. Que tal teu irmán?

RB: Meu irmán tivo que deixalo por completo por mor dunha hernia. Pero levouno doutra maneira. Deixouno nunha época na que vía que chegara ao seu tope. Non lle quedou esa espiña de dicir “ata onde puiden chegar”. Aínda que estaba fisicamente moi ben, era o capitán do Somozas en 2ªB.

Fil: Familia futboleira, tan importante foi teu avó?

RB: El xogou ao fútbol, meu pai tamén. Con meu avó quedoume esa espiña de non dedicarlle un éxito profesional. Levábanos adestrar todos os días, apoiábanos,…daquela non o ves así. Agora analízalo desde outra perspectiva e dáste conta de que esta persoa dedicounos moito tempo; chovera ou nevara estaba alí. É unha cousa de agradecer. Isto vai dedicado para el. Non todo o mundo tivo a sorte que tivemos meu irmán máis eu.

Ramiro Bao (SD Esteirana): «Sempre tes a espiña cravada de a onde poderías chegar»

Un novo Paradela regresa á Segunda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *