#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Racing Vilalbés e Viveiro deixan deberes para a última xornada

Máxima emoción na Terceira RFEF. A penúltima xornada, xa disputa en horario unificado, deixa aos nosos dous representantes cos deberes por facer para o derradeiro encontro. O Racing Vilalbés empatou no campo do líder, o Fabril, pero non certificou a súa presenza no play off de ascenso. O Viveiro perdeu en Cantarrana fronte ao Silva e terá que sacar os tres puntos no campo do Arteixo para evitar problemas cos arrastres. Un derrota deixaría aos mariñáns moi preto do descenso.

Na Preferente o gran encontro da Ribela entre a Sarriana e o Betanzos rematou con triunfo visitante. A Residencia venceu no derbi provincial diante do Lemos e o Ribadeo acadou un importante triunfo no campo do Ordes. O Portomarín plantoulle cara ao Boiro pero rematou perdendo no Chao da Poza.

Un bo Racing Vilalbés iguala co Fabril, pero non certifica a súa presencia no play off (0-0)

O cadro chairego saiu moi ben ao encontro. A presión alta dos de Simón Lamas dificultou a saída de balón do Fabril e propiciaba que se xogase maioritariamente en campo contrario. Rares puxo a proba a Hugo Ríos nunha boa ocasión e o Racing protestou un posible penalti a Álex Pérez que o colexiado non sinalou. O Fabril igualou as forzas no último cuarto de hora do primeiro acto e contou cunha gran ocasión nun disparo de falta de Diego Gómez que se estrelou na cruceta da portería defendida por Álex Santomé.



No segundo tempo os de Óscar Gilsanz comezou mellor pero non era quen de sobrepasar o entramado defensido dos chairegos. O Racing Vilalbés medrou co paso dos minutos e Santi Gegunde contou cunha clara ocasión para poñerse por diante. Nos úiltimos compases ámbolos dous conxuntos chegaron con claridade as áreas pero o marcador non se moveu.

O Racing Vilalbés non puido certificar o pase ao play off de ascenso debido ao triunfo do Gran Peña no último suspiro fronte ao Alondras. Na última xornada recibirá na Madalena ao Arousa, conxunto que se xogará o primeiro posto. Os de Simón Lamas dependen de si mesmos para acceder á promoción. Unha vitoria, ou cando menos o mesmo resultado que o Gran Peña, sería suficiente.

O Viveiro perde en Cantarrana co Silva e xogarase a permanencia no campo do Arteixo (1-2)



Seis meses máis tarde perdeu o Viveiro en Cantarrana, e fíxoo no momento decisivo da temporada e diante dun rival directo pola permanencia. O Silva dominou a primeira media hora de xogo e foi quen de adiantarse no marcador cun gol de Álex Lorenzo cun bo tiro cruzado. Co marcador en contra o Viveiro convertiuse en dominador do encontro e contou con ocasións claras nas botas de Lucas Fanego, Sane ou Josemi. A falta de cinco minutos para o descanso Rolle igualou o marcador cun disparo ante o que nada pode facer o gardameta Adrián. Xusto antes do intermedio o colexiado non sinalou penalti nunha acción entre o veterán Antonio e viveirense Anthony que os celestes reclamaron insistentemente. Josemi puido marcar, pero non atinou no remate logo dun bo centro de Sane.

A segunda metade resultou igualada e con escasas ocasións de gol. De novo, Álex Lorenzo resultou decisivo e anotou o segundo gol do cadro coruñés, a falta de dez minutos para o final. O Viveiro contou cunha boa ocasión para empatar nas botas de Sergio Otero. A precipitación dos de Alberto López nos últimos intres contrastou co orde defensivo do Silva, que apenas concedeu ocasións.

A Sarriana perde na Ribela cun Betanzos que se achega a seis puntos (0-2)

Encontro duro, de alta intensidade no que a presión alta do Betanzos dificultou o xogo dunha Sarriana á que lle costou ter a posesión de balón e chegar con perigo á portería do ex racinguista Javi Rumbo. A primeira metade transcurriu sen apenas ocasións de gol.

No segundo tempo, aproveitando o cansancio betanceiro a Sarriana era quen atopar máis espazos na poboada defensa rival, pero nunha rápida contra Juan de Dora aproveitou un centro medido para poñer por diante aos de Noé. Tan só dous minutos máis tarde Iago Blanco, nun balón que quedou morto na área, empurrou o balón ao fondo da portería.



A Residencia gaña no derbi ao Lemos e xa é oitava (2-0)

Primeira metade igualada, sen moito ritmo e sen apenas ocasións de gol. O Lemos tivo máis o balón, pero sen inquedar a portería de Diego, salvo nun remate de Mauro que saiu fóra por pouco.

Na segunda metade o cadro monfortino presionou máis alto e Nacho contou cunha boa ocasión de gol. Resultou clave a entrada de Poratti na Residencia, que fabricou o primeiro tanto do encontro, obra de Esteban. Os monfortinos viñéronse abaixo co gol en contra e a Residencia controlou o último tramo do choque. Poratti estrelou un balón no pao antes de que chegara a sentencia, obra de Lucas, logo dun bo pase de Poratti que superou a defensa monfortina.

O Ribadeo gaña no campo dun Ordes ao que supera na clasificación (0-2)

Non puido comezar mellor o encontro para o Ribadeo. Aos dous minutos Aitor adiantou no marcador aos de Dani Moiirón. A primeira metade transcurriu sen demasiadas ocasións, cun Ribadeo ben situado sobre o céspede de Vista Alegre, fronte a un Ordes que non xeraba perigo ante a portería de Carrera. O xogo detívose durante quince minutos por golpe na cabeza do xogador local Gabi, que tivo que ser evacuado en ambulancia.

Na segunda metade o Ribadeo cedeulle o balón ao Ordes e buscou saír con perigo á contra. No minuto 70, nun roubo de balón de Álex Meitín, o propio atacante sentenciou o encontro cun bo disparo desde fóra da área. O conxunto local tentou recurtar diferencias con máis corazón que cabeza e o Ribadeo non sufriu para manter unha vitoria vital na pelexa por escapar dos postos de perigo.

O Portomarín cae derrotado diante do poderoso Boiro (2-4)

Boa primeira metade do conxunto local, sen conceder apenas ocasións ao rival e buscando xerar perigo a balón parado. Fer puxo a proba ao gardameta Mario e a cinco minuto para o descanso un bo centro de Nel rematouno Pardo ao fondo da portería. Pero o Portomarín non puido chegar ao descanso por diante. Pedro Beda amosou a súa calidade no remate e batiu a Lisboa.

A segunda metade comezou con gol visitante na primeira xogada, obra de Viturro. Só dous minutos máis tarde Barrio viu o segundo cartón amarelo e o encontro fíxoselle moi costa arriba ao Portomarín. O ex compostelanista Saro sentenciou o choque e Adrián Pereira puxo o cuarto no marcador a sete minutos para o final. Xa co tempo cumprido un penalti cometido sobre Troulo transformouno Javicho.

Racing Vilalbés e Viveiro deixan deberes para a última xornada

Varias sorpresas na rolda previa da Copa

Racing Vilalbés e Viveiro deixan deberes para a última xornada

A estudo unha reformulación das ligas e

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *