Dicir «Peñarol» no mundo do balompé é falar de toda unha institución neste deporte. A todos se nos vén a cabeza o Atlético Peñarol, un equipo mítico de máis de 120 anos de historia da cidade de Montevideo, en Uruguay; un club recoñecido a nivel mundial e que tivo protagonismo galego, en canto a xogadores e directivos. Emigrantes desta terra que fixeron carreira no fútbol uruguaio. Non obstante, na cidade de Lugo hai quen fala doutro Peñarol, un conxunto con menos anos de historia, con menos afección, pero coa mesma ilusión ou máis por xogar ao balón.
O Peñarol Club de fútbol compite na liga local de veteráns do concello de Lugo. A diferenza do que se poida pensar, o nome non ten ninguna relación con Uruguay nin nada polo estilo. Naceu dunha fusión entre o Pías e o Tirimol, aló polos anos 70. Aínda así, as cores características (amarela e negra) son as mesmas que as que usa o histórico equipo do outro lado do Atlántico.
Nestes momentos Antonio Rodríguez Fernández é o seu presidente. Aínda que, como adoita acontecer nos nosos equipos, é o encargado do material, é capitán…un pouco de todo; máis ca presidente podemos designalo como home de club. Algo que acredita os anos que leva traballando a prol do Peñarol: «Levo toda a vida, desde os quince anos e teño 55«, apunta Antonio.
O Peñarol lucense fundouse nos anos 70 no Ceao, aínda que sen federar. «Se naquel momento nos chegamos a federar teríamos dereito sobre o campo Mundial 82 (o campo do Ceao)», afirma o presidente. O equipo estivo varios anos na liga de inverno, na da Terra Chá, na do centro…Sempre representando o fútbol veterán, aínda que tamén chegaron a ter no seu momento un equipo en Rexional, concretamente na Segunda, baixo o nome de Peñarol de Pías.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/11/xogador_peñarol1-300x274.jpg)
Despois de varios anos xogando na liga pirata de veteráns, agora forman parte da Real Federación Galega de Fútbol e disputan a primeira división de veteráns galega, concretamente encadrados na liga local de Lugo.»Na liga pirata xogabamos en lameiros, agora gozamos dos campos naturais de Laxosa e da Ponte, ademais do resto de artificiais do concello. Costeamos nós os gastos, temos aí una axuda concedida da Deputación que aínda non cobramos que non é moito pero…axúdanos parapagar practicamente a arbitraxe de toda a temporada», afirma Antonio Rodríguez.
O conxunto aurinegro finalizou terceiro a liga local da campaña pasada, pero nesta temporada aínda non sumaron ningún punto e van últimos clasificados. A poucas semanas do inicio deste curso, varios dos xogadores decidiron abandonar o equipo, polo que Antonio tivo que reconfigurar o cadro de xogadores. «Houbo que botar man da xente coa que xogamos xuntos cando tiñan trinta e pico e agora teñen corenta anos». Non obstante, non hai presión polos resultados segundo afirma o presidente: «Pasámolo ben, imos tomar unhas cervexas e facer dúas ou tres comidas ó ano que é o obxectivo. Esta temporada trátase de xogar e non perder a praza porque queren reducir o número de equipos na liga. O curso pasado entre xogar liga e copa acabamos en xuño».
Tampouco se complican á hora de xogar, o sistema de xogo téñeno claro porque xa non son épocas para andar vacilando nin estudando ó rival. «Somos catro amigos, patadón por riba e tente tieso», conclúe Antonio Rodríguez.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)