Tres meses e medio despois o PM Friol volveu gañar un partido. Non o facía desde a primeira semana de decembro ante o Viaxes Interrías. Nesta ocasión, as de Covi Regueiro estreáronse a domicilio. Superaron pola mínima ao Bizkerre, cun solitario gol de Lynda ao bordo do descanso. O equipo lucense asinou un encontro serio e logrou tres puntos de ouro, que lle permiten soñar cunha permanencia que parecía imposible hai escasas semanas. Oito puntos de diferenza ten o club perruqueiro con respecto á tranquilidade.
Un só punto e cero goles, escaso botín para os lucenses da Primeira
O CD Lugo caeu ao terceiro posto despois de non pasar do empate ante o Victoria FC B. O cadro de Joaquín mereceu gañar de xeito cómodo nun deses días nos que a pelota se negou a entrar. A primeira metade resultou igualada e as albivermellas apenas xeraron en ataque por mor da precipitación con balón. O conto cambiou despois do paso por vestiarios. Mandou o Lugo, que se topou ata tres veces cos paus e outras tantas coa meta local. As capitalinas roubaron rápido e chegaron con asiduidade e perigo á portaría rival. Iso si, o 0-0 non se moveu durante os noventa minutos.
O Antas colleitou unha derrota agridoce na súa visita ao Narón. As de Dani Abelairas realizaron un bo partido a pesares das numerosas baixas de xogadoras importantes. A falta de gol en área rival privou ás da Ulloa de sumar na súa visita a Ferrolterra. A mellor noticia foi a dun novo debut dunha xogadora da base do Castro Seoane. Lorena xa sabe o que é xogar co primeiro equipo.
Os Santos non baixan o pistón e o Monte Forte métese de cheo na pelexa polo ascenso
O San Lázaro non solta a segunda posición. E mantena con man de ferro. Nesta última data, as de Luchi superaron por completo a un Arzúa que deixou moitos espazos. As da Ponte gustáronse, moi cómodas con balón e sen ter que realizar grandes intervencións en defensa. Os dous goles das da Terra do Queixo chegaron en sendos erros lucenses; froito da relaxación de contar cunha cómoda vantaxe no marcador. Jenny, Aroa e Ana finalizaron o partido con sendos ‘dobretes’.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Outro equipo capitalino en zona de play off é o San Roque. As de Quiroga tamén gañaron esta xornada. E fixérono ante un Cruces moi físico e mellorado con respecto á primeira volta. As visitantes dificultaron o xogo combinativo verdibranco. Porén a vitoria non correu perigo. O San Roque encarrilou o triunfo con dous goles no ecuador do primeiro acto e pechou a goleada con dous tantos consecutivos no ecuador da segunda metade.
Na batalla por entrar nesas eliminatorias de ascenso, atópanse Chantada e Monte Forte. Ambos equipos enfrontáronse no único derbi da xornada. Un duelo de rivalidade, cheo de goles e oportunidades; e no que os tres puntos quedaron na casa. O Monte Forte exhibiu unha gran pegada ante un Chantada que marcou os tres tantos a balón parado. Henar, cun hat trick, liderou a ofensiva das de Perry. E deixou ao seu equipo a un só punto da zona de promoción de ascenso. Terceira vitoria consecutiva das do Luis Bodegas.
Por outra banda, a Milagrosa quedou coa sensación de que a súa goleada puido ser aínda maior. As de Héctor Expósito marcharon ao descanso cunha mínima renda despois de ter múltiples ocasións. Porén un gol de Ainara no primeiro minuto da reanudación, rompeu o partido definitivamente. Ainara rematou a hora e media de rigor cun hat trick no peto.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/10/SANLAZAROFEM_JENNY.jpeg)
Ademais, a Comercial tivo a raia a un dos ‘galos’ da categoría durante a primeira metade. As de Vivian Dors adiantáronse cun tanto de Nati de penalti. O Touro remontou xusto antes do descanso con dous goles de Irene León. Na segunda metade, as de Xanzy mataron o encontro ante unha Comercial á que lle faltou algo máis de actitude.
Tampouco foi un bo domingo para o Carballedo. As de Sementa e Adrián Rodríguez chegaron en cadro ao seu duelo co Bandeira, con só doce xogadoras e algunha delas participando en posicións nas que non estaban acostumadas. Competiron o mellor posible pero regresaron de baleiro de Silleda. Cuarta derrota seguida das do Catro Ventos.
Por último, o líder sumou de tres unha xornada máis. O cadro de Geluco Villar venceu pola mínima ante un Santiso que non se rendeu ata o pitido final. O PM Friol B volveu tirar de xogadoras infantís así como do olfacto goleador de Nuria Meijide. Un tanto da viguesa preto do tempo de lecer decantou o choque a favor do equipo amarelo.
Resultados da xornada
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/01/SCDMILAGROSAFEM_AINARA-1-2.jpg)
Bizkerre 0-1 PM Friol
Victoria FC B 0-0 CD Lugo
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Narón O Freixo 2-0 Antas
EF Silleda 0-5 Milagrosa
Monte Forte 5-3 Chantada
San Lázaro 8-2 Arzúa
Bandeira 3-0 Carballedo
PM Friol B 1-0 Santiso
Comercial 1-4 Touro
San Roque 4-1 Cruces
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/AINHOA-PLAZA-17-1.jpg)