A Milagrosa colleitou o primeiro triunfo da presente campaña nunha primeira metade na que tirou de efectividade ante un Os Miúdos inoperante en ataque. Martínez fixo un ‘dobrete’ para poñer unha vantaxe de dous goles ao tempo de lecer, que ben puideron ser tres de non ter fallado as capitalinas un penalti. Na reanudación, tocou conservar o botín. O rival apretou na procura do empate ante unha Milagrosa que pechou a vitoria cun notable esforzo defensivo.
O Antas tamén logrou os primeiros puntos do curso nun duelo no que non amosou o ritmo nin a actitude dos últimos partidos. Iria abriu a lata ao pouco do inicio tras un saque de banda rápido de Nuria. Minutos despois, Paula Méndez aproveitou unha falta na frontal para anotar o segundo gol da tarde. A partir de aí, as de Dani Abelairas buscaron a sentenza. Porén a falta de contundencia cerca da área contraria, impediu que o electrónico se movese de novo.
O San Roque asinou a segunda vitoria da campaña tras superar con claridade ao Cultural Maniños. Noe fixo o único tanto das de Quiroga nunha primeira metade na que as verdibrancas foron de menos a máis. Despois do paso polos vestiarios, as lucenses melloraron as súas prestacións e remataron goleando. Noe rematou o partido cun ‘dobrete’.
Pola súa parte, o Chantada tamén puntuou. As rapazas de Jorge González arañaron un valioso empate do campo do EFF Rosalía. As ourensás tiveron o dominio de balón ante un cadro vermello moi ordeado e perigoso ás contras. O Chantada adiantouse por dúas veces; pero o EFF Rosalía, que creou máis oportunidades que as nosas, neutralizou ambas vantaxes.
Jenny lidera unha xornada de goleadas lucenses na Terceira
O CD Lugo B segue con pleno de puntos na Terceira Galicia. As de Diego Rey golearon ao O Pino nun partido que controlaron en todo momento. E que redondearon con cinco tantos nos últimos vinte minutos, tres deles obra de Candela Otero. O cadro santiagués apenas realizaron dous disparos afastados en todo o encontro. As albivermellas aínda non recibiron gol algún no que vai de competición.
Falando de goles temos que falar de Jenny. A dianteira do Carballedo repetiu os algarismos da pasada data, facendo outros seis ao Curtis. Merecen mención especial o cuarto e sexto tantos (reviravolta na frontal con posterior balón á escadra e un gol desde a liña do saque de curruncho). No tocante ao partido, dominio absoluto e incontestable das de Sementa, que realizaron á perfección todo o adestrado durante a semana.
Non foron seis, pero si catro, os que fixo Douaa para o San Lázaro. A xogadora de Luchi estreouse ao grande no apartado goleador nun duelo no que as da Ponte foron moi superiores e verticais, sendo moi agresivas na presión en campo rival. O Arenteiro B apenas xerou unha ou dúas ocasións durante os noventa minutos. Sara tamén inaugurou a súa conta goleadora.
Por último, toca falar do derbi lucense da xornada. O Monte Forte levou os tres puntos ante unha Comercial que tivo o seu pequeno momento na segunda metade. As de Cristian Penas perdoaron moitas ocasións de gol na primeira metade ante un rival moi descolocado no terreo de xogo. Adiantáronse as monfortinas nada máis comezar a reanudación pero a Comercial empataba minutos máis tarde (aínda que a acta arbitral indique que o segundo gol local foi anterior ao único tanto das visitantes).
O tanto do cadro capitalino xerou uns momentos de nervos no Monte Forte, que a Comercial non foi quen de aproveitar. No tramo final do encontro, o conxunto do Luis Bodegas lanzouse a pola vitoria e quedou cos tres puntos grazas a un balón parado e un contragolpe.
Xornada sen vitorias na Terceira RFEF
O PM Friol empatou a domicilio nun dos seus mellores encontros no que a elaboración de xogo se refire. No entanto, cometeu importantes erros defensivos na primeira metade. Os cales propiciaron o 3-1 ao remate do primeiro acto. Na segunda parte, as de Covi Regueiro atoparon premio ao seu fútbol combinativo. E salvaron un punto cos goles de Ana Castro e Ángela Lozano na última media hora.
Ademais, o CD Lugo non logra poñer fin a súa mala xeira. O cadro de Joaquín Blanco amosou problemas para xerar oportunidades na primeira parte, en gran parte pola imprecisión no último terzo de campo. E pagou moi caro dous erros defensivos. As albivermellas cambiaron de cara na reanudación, pisando máis área rival. Por desgraza, na primeira chegada do Real Sporting B; as do Principado mataron o encontro. Aínda así, o CD Lugo desperdiciou tres boas oportunidades diante da porteira rival. Excesivo castigo para as de Joaquín Blanco.
O PM Friol B presentouse con só 10 xogadoras na primeira
Non imos profundar moito na clara derrota do PM Friol B no feudo do Victoria CF B. O cadro de Geluco Villar acabou con calquera opción de puntuar incluso antes do asubío inicial, xusto no momento en que se presentou ao partido con só dez xogadoras. Un feito demasiado preocupante a estas alturas de tempada. Comezan a aparecer as pantasmas da pasada campaña…
Resultados da xornada
CD Lugo 0-4 Real Sporting B
Mos 3-3 PM Friol
Victoria CF B 6-0 PM Friol B
San Roque 4-1 Cultural Maniños
Santiso 0-2 Antas
Milagrosa 2-0 ED Os Miúdos
EFF Rosalía 2-2 Chantada
Monte Forte 3-1 Comercial
CD Lugo B 7-0 O Pino
Carballedo 8-1 Curtis
San Lázaro 6-0 Arenteiro B