Xa levamos varias semanas falando da triste realidade do PM Friol. Tanto na nosa páxina web, a través da sección #ConFdeFutbolista, como en múltiples fíos do noso Twitter.
Unha vez afondada a crise do cadro da Reigosa, chamounos a atención un pequeno gran detalle: a enorme cantidade de xogadoras que escaparon tempada tras tempada durante o último lustro. Ou as moitas que queren ou quixeron fuxir esta campaña.
Así que tentamos indagar aínda máis no porqué, nas causas desta problemática. Chegados a este punto, gustaríanos salientar a dificultade desta investigación. Por dous motivos. O primeiro deles resulta obvio: o delicado da información que estamos a manexar. O segundo, algo realmente incrible neste S. XXI no que vivimos: o medo a falar e a posibles represalias. Por iso, centramos o noso relato en antigas integrantes do club. Que xa non pertencen ao mesmo.
Un notable número de futbolistas mostráronse agradecidas polo feito de contactar con elas e quererlles dar voz. Porén preferiron non facelo pensando en posibles consecuencias negativas cara a súa persoa. Outras querían pero os seus axentes ou clubs non lles deixaron. E á outra parte da película, o propio PM Friol, tamén lle brindamos a oportunidade de expresarse e aportar as súas necesarias explicacións. Neste caso, obtivemos o silencio por resposta.
Como diciamos, o medo é un dos motores principais atopados nesta investigación. De feito, varias das nosas catro protagonistas preferiron manter o seu discurso baixo o anonimato. Así que non daremos os nomes das nosas fontes. Só queremos dar información e que ninguén se vexa salpicado! Non hai problema algún. A liberdade de expresión desde o respecto é unha das nosas máximas.
Referirémonos a elas como: unha antiga xogadora, actualmente lesionada; como unha exxogadora durante varias campañas na última década, unha dianteira dun equipo de fóra de Galicia. e unha exxogadora das categorías inferiores do PM Friol en dinámica do primeiro equipo.
Entramos en materia! E ímolo facer moi sinxelo. Despois de conversar coas nosas fontes, chegamos ás seguintes conclusións. Todas elas detalladas cos argumentos das implicadas. Nós nin opinamos nin xulgamos, simplemente ordeamos os pensamentos e vivencias que nos comentaron.
1. ‘AMEAZAS’
Os primeiros argumentos expostos veñen dados pola experiencia vivida polas futbolistas. Explican algunhas das circunstancias que se deron nas súas campañas no PM Friol.
A antiga futbolista da base revela unha situación que moitos xa temían nos ambientes futbolísticos. «Houbo moitas ameazas, nunca se podía dicir ou dar información fóra do equipo, do que pasaba dentro», sinala esta xogadora.
A nosa futbolista lesionada inclúe a figura dos proxenitores neste argumentario. «Dicíanlle a pais de xogadoras que non lles deixasen andar ás súas fillas con determinadas compañeiras por ser unha mala influencia, contando mentiras e inventando cousas polo simple feito de que querían deixar o club. Pensaban que querían levar xogadoras e non era verdade», xustifica.
2. ‘A CONSTANTE DAS MULTAS E FALTAS DE PAGOS’
«Se tiñas unha multa… ao final tiñas un soldo pero pouco che quedaba del», explica unha das nosas fontes anónimas. Outra das xogadoras, a que estivo varias campañas pola Reigosa, explica que esta problemática aumentaba cando se acercaba a Copa Deputación. «Ninguén quería xogar a Copa, a tempada xa estaba case rematada. Pero Geluco xogábase moito diñeiro (uns 5000€ para o campión e 3000€ para o perdedor). El obrigábanos a ‘medio-xogar’, xa que nos multaba con 100€ se non iamos por Regulamento de Réxime Interno, apelaba. Dicía que era a maneira que tiña de asegurarse que iamos xogar a Copa. A xente remata moi cansada desta ditadura, con moita crispación», destaca.
A xogadora da base en dinámica do primeiro equipo cre que o PM Friol é dos clubs que «peor xestión teñen». «Sempre había moitos ‘chanchullos’ coas fichas e o diñeiro, moitas cousas que non cadraban. Por testemuños doutras xogadoras, dicían que cobraban tal cantidade e ao final non era todo o que tiñan que cobrar«.
A punta de fóra de Galicia comenta que «cando as cousas ían ben, con Geluco ía ben». Pero «ao final a min e a outras non nos deron diñeiro por non ter cumprido. Era mentira, cumprimos ata o final do contrato. Con el non tiven tantos problemas aparte do diñeiro«, menciona a dianteira de fóra dos nosos marcos.
3. IRREGULARIDADES VARIAS
Unha das palabras máis repetidas nas conversas mantidas durante a última semana foi: ‘gasolina’. «Pagaba a gasolina moi mal, poñía quilómetros de menos para darlles menos ás xogadoras. A min nunca me pagou un céntimo de gasolina, meu pai puxo todo do seu peto», sinala a exxogadora da base.
No entanto, a exxogadora de varias campañas desliza que os pagos non se correspondían co que se lles facía asinar. Comenta que ten asinado polas matrículas dos coches de seu pai e súa nai. «Cada día levaba os dous coches a adestrar, algo imposible. Nunca soubemos a onde ía o diñeiro restante. E creo que é unha práctica que segue facendo a día de hoxe«.
O tema do carburante non era a única irregularidade que estas futbolistas lembran. Esta última exxogadora asegura que «nunca pasei un recoñecemento médico co Friol». «El sempre dicía que tiña un amigo médico e que o asinaba el para aforrarnos ir a Lugo», afirma.
4. Ausencia de diálogo e un trato complicado
Ante todas estas situacións que se foron dando, semella que había unha postura clara das xogadoras para tratar de falar e remediar ‘os conflitos’. Non obstante, o diálogo entre club e xogadoras era escaso e o trato complicado. A futbolista actualmente lesionada, explica esta problemática de xeito moi claro.
«Van de que son un equipo humilde e para ser humilde hai que saber tratar ás persoas. Eles non o saben facer. Intentouse falar con eles moitas veces e solucionar as cousas dialogando. O problema está en cando unha persoa ten tanto ego, que pensa que todo o fai ben e o resto é o que fai todo mal. Chegar a un acordo con eles era imposible«.
A exxogadora da base da Reigosa vai aínda máis aló: «O trato coas xogadoras é moi malo, demóstrase desde sempre. Sempre aparecen reportaxes deles. Teñen moi mala fama en Galicia e por fóra. Agora demóstrase que as xogadoras galegas non van ao seu club e teñen que contratar xente de fóra», recalca esta amante do balón e do deporte.
5. Ansiedade e desgaste mental
Todo o comentado anteriormente derivou en consecuencias sufridas polas propias xogadoras.
«Hai unha ou dúas persoas, non direi nomes, que tiveron un ataque de ansiedade. A Covi non lle entraba na cabeza… Se se cambiese de adestradora, todo irá ben. Tivemos moitos problemas pero fomos mentalmente fortes. Se non fose por iso, agora estaría nunha depresión. O meu fútbol foi para abaixo pero eu mentalmente cara arriba», sincérase a nosa dianteira en cuestión.
Pola súa parte, a xogadora lesionada ofrécenos o seu testemuño: «O meu último ano no Friol foi un machaque mental bastante grande e acabei a tempada con cero gañas de volver xogar ao fútbol, cada partido que xogabamos eu chegaba á miña casa e aínda ouvía os gritos da señora Covi na miña cabeza. Saía ao campo cunha presión que, máis que desfrutar o que estaba facendo, estaba desexando que acabara o partido desde o minuto un», explica a futbolista mancada.
6. Retención de xogadoras
A maiores das circunstancias expostas, o problema agrandábase cando algunha futbolista optaba por decidir deixar o club. A que foi xogadora de base no PM Friol deixa moi clara esta circunstancia:
«Cando sabían que eu non quería seguir puxéronme moitos impedimentos, tacháronme e fixeron o posible para que quedase sen xogar, reterme no seu club e non xogar nin con eles nin no seu club. Non era a única, facíao con varias xogadoras e xa antigamente. Pasámolo moi mal na casa».
No caso desta futbolista e dalgunha das súas compañeiras a cousa foi aínda un paso máis adiante, chegando «a manipular as nosas palabras» para que outras compañeiras pensasen que «seguiríamos xogando un ano máis e nada», apunta esta fonte.
Esta xogadora recorda que «no caso de María Valcárcel, dicían que facía maltrato psicolóxico ás demais xogadoras. Que certas persoas faciamos complots para que as súas xogadoras se fosen», insiste a antiga futbolista amarela sobre este feito en particular.
7. Covi, onde todo empeza e acaba. O PM Friol e a trituradora de adestradores
«Covi é a dona e señora de todo iso. Ata agora quería xogar e adestrar. E calquera adestrador tiña os días contados. Geluco impoñía que o once fosen Covi e dez máis. E ti ao final como adestrador non podes consentir iso», esboza unha das nosas fontes anónimas.
«A min se me botan, o Friol afúndese» chegou a dicir Covi segundo o relato dunha das nosas fontes. «Geluco ten que facer o que diga Covi, ela é a que leva os números, as contas e todo. A cara é Geluco pero todos os problemas viñan por Covi. Recordo dunha vez cun adestrador novo que tivo movida nada máis chegar por non saudar a Covi no campo», engade esta fonte.
«Creo que sabe de fútbol pero non sabe lidiar coa xente. Todas se queixaban dela, pola súa forma de ser dentro do campo. Era un pouco agobiante para todo o mundo, ata para os árbitros que non a aguantaban. Estivemos moitos partidos sen ela, por ter sido expulsada», conclúe a dianteira que se atopa fóra da nosa comunidade.