A Xornada 25 na Primeira deixou os seguintes resumos e Máxicos:
*Guntín-Santaballés (2-2): Duelo de conxuntos correosos no Ladairo. Os dous goles da primeira metade naceron do balón parado, virtude de ámbolos dous equipos. Adiantouse o Santaballés na continuación dunha falta lonxana. Empatou o Guntín tras un saque de banda. Os de Dani Moirón impuxeron o seu xogo na segunda metade ante un rival perigoso á contra. Despois de varias oportunidades marradas, Álex Novás situou o 1-2 de penalti. Non foi definitivo, xa que Omar igualou nun lanzamento con parábola. De aí ao final, os visitantes tiveron un par de ocasións para levar o choque, que rematou en táboas.
*San Roque-Lourenzá (1-3): Complícase a vida o San Roque despois de caer ante un Lourenzá que ben merecía unha alegría deste tipo. Nunha primeira metade sen apenas ocasións, os laurentinos abriron a lata cun tanto en propia meta. Puxeron terra de por medio cun golazo de falta de Yago Cruña á volta dos vestiarios. A partires de aí, o San Roque intentouno. Recurtou diferenzas. Pero no desconto, os de Diego Rego sentenciaron co definitivo 1-3.
*Pastoricense-Xove Lago (3-0): Todo se decidiu na primeira metade, onde chegaron os tres goles. A seriedade, o balón parado e xogo directo local tumbaron a un Xove Lago desaparecido. Ademais houbo tempo a ver un dos mellores goles do ano. O de Manu Penedo, en plan Messi. Regateando ata cinco contrarios dende campo propio e tumbando ao meta rival previa asociación con Iago e Dani. No segundo tempo os mariñáns tiveron varias ocasións claras, cun pau e un longueiro entre elas. Pero sobre todo moitas mellores sensacións a pesares da expulsión de Samu. Iso si, xa era tarde para remontar. Tara debutou cos de Bruno Gómez.


*Folgueiro-Burela (2-4): O Burela asaltou Boavista nun partido de xogo directo. Adiantáronse os de Jaime Méndez por dúas veces na primeira metade. E empataron outras tantas os locais, con goles dos dous de sempre: Oki e Aurelio. Na reanudación, a expulsión de Felipe Varela non impediu a vitoria visitante. Galifaron Diego Chao e Jairo, de novo. E incluso o cadro verde se permitiu o luxo de fallar unha pena máxima.
*Chantada Atlético-Friol A (5-1): O viño deu forza a un Chantada Atlético superior no Sangoñedo. E especialmente a Adri, autor dun hat trick. Os de Fran García impuxéronse con claridade nun encontro no que xa vencían por 3-1 pasada a media hora de xogo. Decretáronse ata tres penaltis durante os noventa minutos. O Friol non marrou o seu. Mentres que os locais viron a cara e a cruz dende os once metros. As numerosas baixas lastraron aos de Rafa Casanova, que seguen en perigo.
*Atlético Escairón-Castro (2-0): Tres puntos máis para un líder que non falla. Nun partido frouxo, os locais fixeron bo o tempraneiro gol de Pandiani para marchar con vantaxe ao descanso. O Castro tivo as súas opcións a balón parado e a través do xogo directo. O dominio dos de Marcos Veiga mantívose tralo paso pola zona de vestiarios. Iso sí, co segundo gol do Atlético Escairón e o paso dos minutos; foise diluindo no maltreito céspede do Saviñao.

*Monterroso-Taboada (1-2): Típico derbi nun Cerdeiriños ateigado de xente. Emoción, polémica e pouco fútbol na Ulloa. A primeira metade rematou sen goles nun periodo no que o Monterroso foi de máis a menos, desperdiciando varias oportunidades para adiantarse no marcador. Na reanudación, David Quintá fixo o 1-0 para os de Óscar Méndez. Pouco durou a alegría, xa que un Taboada moi serio nas transicións remontou cun doblete de Moski. De aí ao final, os locais tentárono. Incluso cun balón á madeira. Os de Manu defenderon a súa renda e os puntos viaxaron a Taboada.
*Chantada-Outeiro de Rei (2-1): Non defraudou o gran aperitivo da Feira do Viño. Sufrida e traballada vitoria dun Chantada debilitado polas baixas na parcela central. O Outeiro desplegou un gran fútbol no Sangoñedo pero a pegada dos da Vila do Asma decidiu na segunda metade. Diego Arias, nun rexeite e Javi Ramos, nunha vaselina; puxeron o 2-0 no marcador. Os de Josito Jul non se foron do encontro. Recurtaron diferenzas e mesmo tiveron algunha oportunidade máis para empatar. Non foi así. A mellor noticia, a volta á portería do Mago no cuarto de hora final.
*Pol-Riotorto (1-2): O Pol cedeu terreo na súa loita polo ascenso. No regreso de Ferreirós ao Manuel Luna, o cadro de Ramallal viviu un idilio co balón parado na primeira metade. Marcou nun par de saques dende o curruncho e viu como Iván González perdonaba un penalti. Soamente Carlitos, ao aproveitar un erro infantil, empañou a gran primeira metade visitante. No segundo tempo, o dominio correspondeu ao Pol, que buscou o empate de tódolos xeitos posibles. A pelota non quixo entrar. De feito, en dúas ocasións o Riotorto salvou o empate sobre a mesma liña de gol.