Leva tempo rondándome a cabeza a idea de compartir este pensamento con xente do mundiño do fútbol. Cousa que grazas aos amigos de Futbolinlugo podo facer posible. Fíxenme moitas veces a pregunta de cara onde evolucionan o fútbol base e o fútbol afeccionado. Se realmente se está educando correctamente en valores e formando xogadores comprometidos e ilusionados co deporte que practican.
Agora, afortunadamente, creo que o fútbol está dotado de mellores instalacións e conta con técnicos que se supoñen máis formados. Cousa que debería contribuir a que a práctica do noso deporte fóra máis sinxela e cómoda. Pero, sorprendentemente, cada ano observo máis deixadez e falta de ilusión por parte de moitísimos xogadores. Que se un día chove non vou adestrar, que se o adestrador esixe moito, que se son suplente non volvo e un longo etcétera.
En 21 anos que levo ligado a este deporte, puiden ver e aprender de grandes adestradores. Como Michel Alonso, Felipe Mieres, Óscar Gilsanz, Ruben López, Chus e un longo etcétera do que non quero esquecer ningún. E de xogadores da talla de Jesús Paz, David Franch, Marcos Álvarez, Gerardo, Chote… E moitos máis cos que tiven a fortuna de compartir vestiario. Dos cales moitos hoxe en día son grandes amigos.
Todos estes nomes e moitos máis, tiñan algo en común: a paixón coa que facían o seu deporte. Acudían a cada adestramento e partido con ilusión e ganas de superarse. Cousa que agora moitas veces boto de menos. Hoxe en día parece que é mellor facer un caño ca que gañe o teu equipo. Que o máis importante é o tema individual antes que o colectivo. Xogadores que prefiren xogar en ligas menores para destacar máis. Ou que poñen como condición xogar sen adestrar.
Aí tedes exemplos como Carlos Padín, Juanito, Changui ou, dos máis achegados, Marcos Rañón e Manel, de Iberia e Goiriz respectivamente. Todos eles con máis de 40 anos seguen adestrando diariamente ca mesma ilusión do primeiro día. Pese a facer moitos esforzos e sacrificios por seguir. Eses deberían ser os verdadeiros espellos nos que mirarse. Xente con ilusión e ambición de superarse cada día e axudar ao seu equipo por riba de todo.
Baixo o meu humilde punto de vista, considero que tanto adestradores como pais temos moita culpa niso. De verdade vale todo en prebenxamín, benxamín… con tal de gañar? De verdade un neno en benxamín está ben que xogue só 3 minutos con tal de gañar? Aínda que el adestre sempre e intente superarse. Mentres que o que xoga todo o partido, non vai adestrar porque vai frío ou chove? Pero claro, mete goles.
Así mesmo penso que os pais e as nais tamén teñen moito que ver educando. Cando un xoga a isto adquire un compromiso cun grupo de xente, compañeiros e adestrador. E debe asistir sempre, agás causas maiores. E facer o que o equipo necesite e demande, sen importar quen mete gol, ou en que posición xoga. Creo que esta situación invita á reflexión, porque se seguimos así, as directivas cansaranse de buscar recursos e de loitar contra os elementos para ver a seis adestrando. Ou ver un equipo no que os xogadores están simplemente para os seus intereses.
O futuro do fútbol máis modesto está en perigo. Gustaríame que esta humilde opinión, ao mellor ata equivocada, vos faga cando menos reflexionar. E facer autocrítica. De se realmente estamos inculcando os valores correctos. Para min a parte máis importante do fútbol base. Porque o que estamos creando son xogadores sen ambición e sentimento de equipo ao chegar a idades adultas. Xa se están a ver as consecuencias.
José Manuel Fernández ‘Roupi’. Clásico do noso fútbol. Actualmente, adestrador do Rápido de Neda