Corría o 2004 cando, con 6 anos, comecei a andar detrás da pelota. Recordo pasar tardes enteiras dándolle patadas ao balón contra a parede. E ás veces tamén contra algunha ventá e como consecuencia ter que saír correndo para escapar dos berros de miña nai… Pero oes, grazas a eso tamén practicaba a puntería (non me quedaba outra…).
Non foi ata os 9 anos cando me apuntaron meus pais no equipo benxamín da SD Sarriana. Acórdome que nese momento, formar parte dun equipo e xogar todos os fines de semana me ilusionaba moito. Nestes primeiros anos xogando ao fútbol foi onde fixen moitas das amizades que aínda conservo agora. Na Sarriana estiven ata os 13 anos, que foi cando me brindaron a oportunidade de xogar noutro equipo que competía en categoría galega, o CP Calasancio de Monforte.
Esto supuxo un cambio moi grande para min por dous motivos: O primeiro, pasar de adestrar dous días á semana ao lado da casa a adestrar tres. E para facelo, ter que chuparme 30 minutos de viaxe de ida e outros 30 de volta. Aa maiores hai que sumarlle o desprazamento do día dos partidos. Total que me levantaría ás 7 da mañá un domingo para xogar as 12 en Vigo, pouca broma. O segundo motivo foi que tería que deixar atrás un equipo no que estaba xa completamente asentado e con moitas amizades para ir a outro no que non ía coñecer a ninguén. E tal e como son eu, calado e temesiño, sabía que os primeiros días non iban ser sinxelos.


Pero bueno, ao final decidín cambiar de aires, aceptar o novo reto e todo o que iso conlevaba. Ao principio foi algo complicado, para que mentir. Pero a verdade é que me encontrei con compañeiros excepcionais e ó final puxéronmo todo moito máis fácil. Pouco a pouco iba entendendo que o fútbol era algo máis que correr detrás dun balón. E é que ademais de tratar de ensinarme a xogar ao fútbol tamén intentaron mostrarme os valores deste. O sentimento de responsabilidade dentro do equipo, de axudar e confiar no que tes ao lado, a forza de estar unidos nos momentos malos, aprender a perder e tamen a gañar, etc. Ao fin e o cabo paréceme o máis esencial e importante, ter una boa formación tanto deportiva como persoal dende pequenos.
Despois de 6 anos despedinme de Monforte e do fútbol base para voltar ao equipo do meu pobo, onde conseguimos o ano pasado o ascenso a Preferente. Categoría na que estamos a loitar este ano con moita ilusión e boas sensacións. Neste ano e medio que levo no fútbol amateur xa me chegou para decatarme que as cousas son moi diferentes ao fútbol base. Xogas contra homes que che sacan 10 anos en vez de contra nenos, o sentimento de equipo é diferente, coñeces a persoas (e persoaxes) moi peculiares… A verdade é que estou moi sorprendido para ben, parécenme incríbles todos os lazos que consegues formar grazas ao fútbol e a facilidade que ten este deporte para formar familias dentro dun vestiario.
Pódese dicir que este é un resumo moi breve e sinxelo da miña caminata dentro do mundo do fútbol. A miña conclusión é que, ao final cada un pode tomar miles de camiños diferentes cando comeza a xogar ao fútbol. O importante é ter as ideas claras e seguir en todo momento os obxectivos que te propoñas dende o principio. Pero sempre divertíndote e disfrutando cos teus compañeiros de vestiario de cada partido e de cada momento (tanto dentro coma fora do campo). Iso é o que fai que todo o sacrificio e tempo adicado a este deporte merezcan a pena.

Iván López Barrio. Xogador da Sarriana, home de fútbol
Fotografías: S9 Fotografía