Non é a primeira vez que me convocan os cracks de Futbolinlugo para escribir unas verbas sobre o fútbol lucense, ou se cadra, sobre as miñas experiencias persoais ao longo dos anos.
Fai pouco máis de 2 anos xuntei letras neste artigo para contar os meus últimos días como xogador e como se producir a miña conversión cara a outra parte, a de adestrador. Tras formarme na Escola Galega de Adestradores (na que aínda manteño certa vinculación, posto que nunca hai que deixar de adquirir novos coñecementos), comecei no San Lázaro, e agora cambiei de rumbo totalmente, formando parte do fútbol base lucense.

Dende que fun nomeado seleccionador de alevíns, adiquei os últimos 4-5 meses a viaxar entre Lugo, Terra Chá e a Mariña, para ver a evolución dos nenos e coñecer de primeira man aqueles que destacan un chisco máis que o resto.


Mais este artigo non trata sobre isto explícitamente, senón que desexo enfocalo hacia certos comportamentos que pensaba que estaban xa desaparecidos, pero non é así. Se ben é certo que por norma xeral o nivel dos adestradores cambiou una barbaridade para ben, encontrando persoas cun alto nivel de experiencia e coñecemento á hora de ensinarlles aos rapaces e tratalos nun terreo de xogo, non estou a atopar esto fóra do tapete.
Xa cando eu era pequeno e xogaba naquel campo de area que era a antiga Polvoreira un podía darse conta de que fóra do campo ás veces as cousas non estaban a ir de todo ben, porque escoitábanse comentarios estilo “veña, dalle duro” nunha disputa de balón ou “que fas?” cando un xogador fallaba un pase ou un tiro a portería. Cos anos ves a realidade e pensas que esas cousas deberían cambiar cos anos, pero parece que non de todo.
Non foi nin a primeira nin a segunda vez que observo partidos pola provincia e, pegado ás barras metálicas da grada ou sentado nelas, sigo escoitando comentarios dos pais ou outras persoas adultas que están nos campos totalmente afastados do feito de animar aos rapaces a que se esforcen. Por non falar que en moitas ocasións directamente varios grupos de pais colócanse xusto detrás de cada portería e comezan a berrar, distraendo aos xogadores da súa tarefa principal nese momento, que é xogar (sobre isto poderia citar un par de sitios, pero creo que non merece a pena facelo).


Comprendo que neste sentido os clubes non poden facer gran cousa, porque evidentemente non se lle pode negar o acceso a un recinto deportivo a ninguén por este motivo (algo que por suposto comparto). E ata certo punto tamén logro entender a moitos pais cuxa intención simplemente é axudar ao pequeno, sen darse conta que realmente o están a prexudicar por quitarlle atención ao que acontece no terreo de xogo.
Rogaría como futuro pai e afeccionado dende sempre que houbese un consenso entre equipos e pais para polo menos intentar limitar estas actitudes, porque realmente os nenos e nenas o que deben facer na hora e media máxima que están en mans dos adestradores é atender ao fútbol, para aprender e ser mellores xogadores.
Andrés Rodríguez Vázquez. Seleccionador lucense de fútbol-8. Xenio e figura