O Muimenta continúa como líder na zona norte da Terceira Rexional, ao igual ca no sur o Paradela que afianza a súa posición ao vencer ao Quiroga, o seu inmediato perseguidor. Xunto co cadro do San Martiño, o Antas foi o outro equipo da parte alta que non gañou. Ademais, a Milagrosa sae dos postos de promoción de ascenso e o Celeiro sumou a segunda vitoria do curso. Por primeira vez na temporada todos os equipos do grupo sur tiveron partido.
No grupo norte, o Rioaveso adiantouse ante o Muimenta nos primeiros intres do xogo por medio dunha falta. Pero pouco despois, o acerto dende os once metros por parte dos visitantes igualou o choque. Iago e Adrián, centrais, e Jairo, na parte ofensiva, destacaron no conxunto adestrado por Basi. Na zona de ascenso directo continúa o Fonsagrada que se adiantou no marcador ante unha Mila que empatou a balón parado. Na segunda metade o Fonsagrada volveuse poñer por diante con dous goles. Un partido bastante regular dos dous equipos onde destacaron os dous centrais dos locais, especialmente o papel de Óscar Iglesias. O terceiro posto é agora do Celta Barreiros que volveu a senda da vitoria vencendo a un Cazás cun bo gol de Xian e o gran traballo de Álvaro e Joserra. No Cazás rescatamos o bo papel de Palito e Iván.
Ver esta publicación en Instagram
Os outros tres postos da promoción de ascenso están ocupados por tres equipos igualados a 15 puntos: Matela, Alfoz e Catro Roldas. Precisamente o conxunto de Outeiro e o vilalbés enfrontáronse esta semana no Municipal de San Lorenzo de Aguiar con vitoria visitante. Volveu ser protagonista a efectividade do dianteiro Esteban Boo con dous goles que o convirten no máximo goleador da categoría na provincia con dez tantos. Pola súa banda, o Alfoz tamén recuperou sensacións cunha clara vitoria sobre o Lugo Unión con Dani Río (dobrete), Legaspi e Luismi como guías dos seus. Non tivo moito traballo neste encontro Jacobo Rivas, pero o gardamallas xa é o porteiro menos batido da categoría neste primeiro tramo de competición. Protagonismo na xornada tamén para o Celeiro que realizou o mellor encontro da temporada con remontada incluída para conseguir a vitoria diante do Friol B. A pesar das baixas coas que chegaba ao encontro ao non poder contar nin con Mora, Orli e Payu. Dani Díaz cun gol e un pase foi do máis sobranceiro do partido. O dianteiro Santi Carballido, foi o xogador destacado no Friol B a pesar do resultado.
No duelo directo do grupo sur, o Paradela amosou unha superioridade na segunda parte e resolveu o partido para marcharse ao seu particular parón (non voltarán a competir ata o 15 de decembro) con seis puntos de diferenza con respecto ao seu rival; iso si, con dous partidos máis. Cristian na media punta e Raúl de medio centro guiaron o triunfo do equipo adestrado por Rubén Bergantiños, fronte a un cadro quirogués no que Dani Gemelo marcou un bo gol dende 30 metros cun disparo que entrou pola escadra. Tamén Marquiños destacou no lateral esquerdo. Na terceira posición, empatado co Quiroga, atópase o Castroverde que superou na clasificación ao seu rival, o Antas. O cadro local tivo erros defensivos importantes, aínda que ao descanso o marcador non se moveu. Foi na segunda metade cando o Castroverde venceu merecidamente con protagonismo para o dianteiro Pablo. Baixo paus, Roi continúa sen encaixar nas tres xornadas que leva xogando.
Completan os postos de promoción de ascenso o Río Sil e o Lemos B. O conxunto adestrado por Juan Diéguez venceu ao filial do Taboada con protagonismo para o mediocentro Castro que marcou tres goles xogando como dianteiro polas baixas. O Taboada B sufriu as molestias do seu gardamallas Alexito que agunatou ata a segunda metade cando se puxo Alexandre Parada, xogador de campo. O filial lemista derrotou ao Rubián nun encontro no que ao descanso xa gañaba por 1-4. O cadro do Poste acabou con nove xogadores, mentres o visitante Iván no hospital cunha rotura no abdutor que lle impediu saír polo seu propio pé. Rozando coa promoción queda o Sober que empatou sen goles ante o Relámpago nun partido sen apenas oportunidades de gol. Mauro e Cazón foron os máis sobranceiros nos locais. Por primeira vez na temporada, ningún dos equipos do grupo descansou, xa que nesta xornada esta marcado no almanaque o enfrontamento entre os dous equipos que se deron de baixa antes de iniciar a competición, o FC Becerreá e o Laxosa.