#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na 10ª xornada

O Muimenta consolida o seu liderado á fronte do grupo norte da Terceira Rexional, despois dun triunfo importante na Fonsagrada. Ademais o Alfoz entra por primeira vez na temporada en postos de ascenso directo ao vencer no derbi ante un Celta Barreiros que se volve reforzar de cara ao segundo tramo de curso. Ademais, cambio de adestrador no Lugo Unión. No sur, táboas no derbi soberino mentres que o Quiroga perdeu a oportunidade de coliderar o grupo nunha xornada na que Paradela e Taboada B descansaron. O descanso será efectivo para todos os equipos esta vindeira fin de semana para o 15 e o 16 xogar os últimos encontros do 2018. Agás o Relámpago Taboada e o Antas que collen vacacións ata o 13 de xaneiro.

No grupo norte, o Muimenta non desaproveitou a ocasión de marcar diferenzas no primeiro posto ao enfrontarse á Fonsagrada. Un partido sen demasiadas opcións de perigo ata que na segunda metade se adiantou o Muimenta nunha falta lateral. A partir de aí, o camiño foi máis fácil para un cadro celeste no que destacaron Barja no lateral, Adrián no medio e Edu na parte ofensiva. Non foi o mellor encontro dun cadro fonsagradino que sae dos postos de ascenso directo en detrimento do Alfoz, que venceu no derbi do Cascabeiro. O cadro visitante venceu pola mínima para seguir coa súa progresión e subir ao segundo posto do grupo. Dani Río e Martiño foron os mellores do conxunto alfocense.

Na terceira posición aparece un Catro Roldas que tamén medra na clasificación coa súa vitoria ante o filial do Friol. Diego marcou os dous goles do equipo amarelo, un deles olímpico. A mala nova no equipo adestrado por David Lorenzo foi a lesión de Adrián. Milagrosa e Matela son os outros dous equipos que ocupan postos de promoción de ascenso logo de empataren no seu enfrontamento. O equipo de Outeiro púxose 2-0 na segunda metade, pero a Mila conseguiu a igualada cunha boa resposta. Camiño e Pedro guiaron ao Matela. Non obstante, o Matela ten un partido menos que xoga na tarde deste xoves ante o Friol B.

Fóra dos postos de promoción salienta a vitoria do Celeiro que aproveitou a superioridade numérica pola expulsión de Juan ante o Cazás. Nun partido condicionado tamén polo vento, os dous pases de gol de Brais Maseda e a definición de David Vázquez foron chaves. Tamén venceu o Rioaveso a domicilio ante un Lugo Unión no que Óscar Jaime non continúa como adestrador por incompatibiliade laboral. Aínda así, seguirá como presidente do club. O novo inquilino do banco é Martín Monteseirín, ex adestrador, entre outros, do Garabolos e do San Antonio.



O Celta Barreiros continúa reforzándose 

David Álvarez Fernández «Máquina» é o último en reforzar o cadro do Cascabeiro. O lateral focense vén dunhas boas tempadas no equipo da súa vida, o Foz, sendo titular na maior parte dos encontros das últimas tres campañas. O equipo celeste é un dos que máis se está movendo no mercado ao longo desta primeira volta, xa que as lesións tamén foron numerosas.

No grupo sur, a xornada veu marcada polo derbi soberino entre o Sober e o Río Sil que finalizaou en empate. Un partido igualado, con contacto e non demasiado fútbol. Os locais adiántaronse no marcador pero o Río Sil igualou antes do tempo de lecer cun gol de cabeza de Isma. No segundo tempo, un bo disparo de Luis volveu poñer aos seus por diante. Novamente, antes do final a cabeza de Isma meteu o balón no fondo das mallas rival. Os dous equipos ocupan nestes momentos as dúas últimas prazas que dan acceso a xogar a promoción de ascenso. O Sober cun punto máis e mantendo a liña ascendente dos últimos encontros, xa que leva cinco sen coñecela derrota.

Os inesperados reforzos do Quiroga non puideron ir convocados ao Castro Seoane. En principio, iso non deberá influír; aínda que o certo é que o Antas gañou o encontro e impediu que o cadro quirogués se achegase ao primeiro posto. O conxunto adestrado por Melendo púxose por diante con dous goles antes do descanso e, a pesar de que o Quiroga macou ao comezo da segunda parte, o bo gol de Cristian sentenciou o partido. O gardamallas Alexis volveu xogar despois de dous meses e contribuíu tamén á consecución dos tres puntos. No Quiroga Polín e Mavilo foron os máis sobranceiros nun mal encontro do equipo verde.

Na zona de promoción tamén continúa un Castroverde que perdeu ante o Rubián. O equipo verde non estivo acertado de cara a gol e acusou a falta de Rois na portería. Fran e Luis destacaron nun Rubián cunha boa seriedade defensiva do equipo e que deixou unha boa xogada combinativa para marcar o gol da vitoria. Ademais, aos postos altos tamén se achega un crecente Relámpago Taboada no que Casti foi providencial para deter as ocasións do Lemos B. Dámaso na defensa, Borja no mediocentro (que marcou dous goles e deu pase) e Luismi e Jonny, que non faltaron a súa cita co gol por segunda xornada consecutiva, foron outros dos destacados do equipo taboadense.



Os onces da 13ª xornada na Segunda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *