Volveu a Terceira Galicia neste 2023. E fíxoo cos conxuntos de cabeza en plena forma. No grupo norte gañaron os cinco primeiros clasificados. O Racing Vilalbés B mantén a distancia no liderado e o Celeiro iguala a puntos cos postos de playo off. No grupo sur o Quiroga sumou a quinta vitoria consecutiva e mantén tres puntos de vantaxe sobre o Palas. O Páramo entra na promoción logo de gañar e caer derrotado o Santa Comba.
grupo norte
Un tanto de Gabri deulle tres puntos ao Racing Vilalbés B fronte ao Friol B (1-0). O encontro viuse condicionado polo mal estado do terreo de xogo. A primeira metade foi igualada e con poucas ocasións. Gabri desnivelou a contenda cun tanto aos vinte minutos logo dunha boa xogada individual. O Friol B reclamou un posible penalti na área chairega e Pedro tivo que intervir para sofocar o perigo. Na segunda metade os de Iván Lamas tiveron ocasións para ampliar as diferencias, pero Gabri e o xuvenil Gegun non tiveron atinados.
A efectividade do Catro Roldas decantou o encontro diante da Comercial B (0-3). O conxunto adestrado por David Lorenzo deixou na primeira metade o partido de cara con dous tantos de Forlín e Luis. Na segunda metade a Comercial B contou con varias ocasións claras para recurtar diferencias, pero o gardameta Víctor amosouse intratable. A falta dun cuarto de hora para o final Karim sentenciou o encontro para os visitantes. Nos últimos intres Forlín viu o cartón vermello e a Comercial B puido recurtar diferencias desde o punto de penalti, pero de novo Víctor impediu o gol.
O Mondoñedo mandou desde o primeiro minuto no Catro Ventos (0-3). Con menos dun minuto gastado, Jacobo xa fixo o primeiro tanto. O Cazás tentou repoñerse, pero apenas xerou ocasións de gol diante dunha defensa mindoniense moi seria. Os de Isra apostaron por un fútbol directo que lle deu os seus froitos. Javi Álvarez fixo o segundo logo dun centro lateral e nada máis comezar o segundo tempo Vázquez sentenciou. Cando o Cazás tivo ocasións, o gardameta Adri respostou con éxito.
O Rioaveso acadou tres puntos cómodos fronte ao Matela (3-0). Encontro sen moita historia en Paraños. O cadro local amosouse moi superior ao longo dos noventa minutos, aínda que a falta de puntería fixo que o primeiro tanto non chegara ata o minuto 36 por medio de Álex Veiga. Antes do intermedio chegou o doblete cun tanto de penalti. Na segunda metade o Matela apenas inquedou a área rival e Jose fixo a sentencia.
O Celeiro gañou no campo do Nuevo Nausti e xa é sexto (3-4). Os viveirenses adaptáronse mellor ao ritmo do encontro, e malia o tempraneiro tanto de Cristian para o Nuevo Nausti, os de Martín Rodríguez foron quen de marchar ao descanso cun 1-3 no marcador. Ceas, Mora e Silva fixeron os goles. O cadro local amosouse moi brando en defensa e pouco contundente na área rival. Cristian voltou a meter no encontro ao Nausti, pero o segundo tanto de Ceas, de novo a balón parado, foi definitivo para o devir do partido. Co tempo cumprido Juan fixo o terceiro dos locais.
grupo sur
O Quiroga consolida o primeiro posto logo de gañar no campo do Santa Comba (0-2). Malia que a primeira metade tivo un dominio alterno e escasas ocasións de gol, o Quiroga soubo imprimir unha marcha máis na reanudación e Sergio Pollo convertiuse no protagonista con dous tantos, un deles colouse pola escadra dun destacado Javi. O Santa Comba tentou reaccionar cos trocos, pero o marcador non se moveu.
Triunfo do Palas en Centeás nun encontro que se lle puxo de cara ao comezo (1-2). Co primeiro cuarto de hora cumprido os de Brais Vázquez xa gañaban con goles de Álvaro e Tene, este de penalti. O Sober, que se viu moi penalizado ao longo de toda a temporada por encaixar goles nos primeiros intres, mellorou co paso dos minutos e antes do descanso recurtou diferencias cun tanto de Juanpi. Tiveron ocasións os de Ibán Lagoa para igualar o encontro nos pirmeiros intres do segundo acto, pero o Palas mellorou cos trocos e o mellor tono físico decantou o encontro cara o seu lado.
O Rubián reencontrouse coa vitoria e superou ao Incio na táboa (2-0). Encontro igualado ao longo dos noventa minutos, pero que o Rubián decantou moi cedo para o seu lado ao aproveitar dous erros defensivos dos pupilos de Julio Corral. Luis e Víctor puxeron en clara vantaxe ao cadro local que soubo administrar a súa renda. O Incio puido recurtar diferencias preto do final, pero Casillas detivo unha pena máxima.
O Castroverde igualou no seu campo fronte a un Monterroso B que suma oito xornadas sen perder (1-1). O vento e o estado do terreo de xogo condicionaron o xogo, que non foi vistoso e con poucas ocasións. Á media hora de partido, nun erro do porteiro visitante, Bruno adiantou ao Castroverde. Na reanudación, o filial monterrosino buscou o empate, pero a boa defensa local impediu que se viran moitas ocasións. No minuto 58 Adrián viu un dobre cartón amarelo e deixou aos de Fran Veiga con dez. Os visitantes contaron con algunha ocasión para empatar ata que preto do final Yoni estableceu a igualada. O Monterroso B reclamou penalti nos últimos intres por man dun defensor a remate de Sánchez que o colexiado non sinalou.
O Páramo vence con comodidade ao Bóveda e accede a postos de promoción (3-0). O cadro local amosouse moi superior ao longo de todo o partido e apenas concedeu ocasións a un Bóveda que só xerou perigo cunha ocasión no tramo final. Antón, na primeira metade, e Hugo e Raúl na segunda sentenciaron o encontro.
O Taboada B venceu no derbi a un Relámpago que acariñou o seu primeiro punto (3-2). Partido moi parello ao longo dos noventa minutos e con moitas ocasións para os dous conxuntos. Santi abriu o marcador para o Relámpago, pero dous erros defensivos fixeron que o Taboada B lle dera a volta ao marcador. Santi volveu a igualar a contenda e Andrés Otero, a falta de dez minutos para o final voltou a poñer por diante ao filial. O Relámpago reclamou un penalti nos últimos compases de xogo.