Só tres equipos da Segunda Rexional contan os dous partidos de liga por vitorias. O San Ciprián e o Meira no grupo norte e o Portomarín no sur. Todo despois dunha xornada con porteiro improvisado no Abadín e unha nova goleada encaixada polo Bóveda.
No grupo norte, o Sanci mantense na cabeza da clasificación. Venceu nun campo complicado pola mínima. O gol de Nacho resultou decisivo ante o Guitiriz. Na segunda posición meteuse o Meira. O conxunto adestrado por Cuchi asaltou O Novo de Roupar. Rubén Vidal non faltou a súa cita co gol. O de Seixosmil xa aportou a súa capacidade goleadora o curso pasado. Nesta leva un gol por encontro.
Tres equipos que gañaran na primeira xornada, empataron en cadanseu duelo desta. O Sporting Pontenova sacou un punto da súa visita a Alfoz. Con protagonismo para a canteira do cadro aurinegro. Estreáronse en partido oficial co equipo sénior tres xuvenís. Hugo, Adrián e Esteban tiveron a oportunidade ante a falta de varios dos xogadores titulares. Gran partido colectivo dos locais. O Goiriz e o Iberia reviviron o seu duelo da Copa. Unha primeira parte na que pasou todo. Os do Ventiño adiantáronse no marcador. O Iberia remontou o resultado e posteriormente os locais empataron. Tamén igualaron o Celta Barreiros e o Mondoñedo. Con protagonismo para Xian ante o seu ex equipo. Marcou o gol dos seus e realizou un bo encontro. Os locais xogaron cun menos desde o minuto 60.


Ao Cabreiros pasoulle o caso contrario. Empatou na primeira xornada e gañou na segunda. Derrotou ao Abadín no reencontro de Seijo co seu ex equipo. Comezou dominando o Abadín. Despois dunha polémica expulsión do porteiro Cris cambiaron as tornas. O Cabreiros aproveitou para marcar. Aínda así, no resto do encontro o conxunto visitante tivo as súas opcións. Resaltou o papel de Carro que se puxo de porteiro e actuou tamén case como un defensor máis. A Candelaria venceu no Pichón e conseguiu os primeiros tres puntos do curso. Miguel Gomes «Rocky» foi un dos grandes protagonistas. Marcou o primeiro gol e provocou o segundo. E con empate resolveuse o partido entre o Xermade e o Cospeito. O conxunto xermadino non comezou o campionato acertado de cara o gol. Aínda así conseguiu sacar un punto nos intres finais do partido co gol de Iván Benavente «Chalao».
No grupo sur, o Portomarín encabeza en solitario a táboa clasificatoria. O único que leva seis puntos. Derrotou con claridade o Quiroga. Na segunda posición sitúase o Chantada B. Empatou nos Medos ante o Brollón. Comezou gañando pero os locais remontaron momentaneamente o resultado. Nos últimos minutos o Brollón quedou cun xogador menos pero o marcador non se moveu.
O Corgo sumou o primeiro triunfo da tempada ante o Oural. Nun partido moi axustado. Os pupilos preparados por Negrete conseguiron igualar os dous goles de desvantaxe. Xa o final do encontro, o Corgo conseguiu o gol da vitoria. Dende o Oural amosaron o seu desencanto coa actuación arbitral «a marxe do resultado». «Os xogadores saíron do partido pensando en que aquilo era fútbol do de hai 30 anos na Rexional; que se non gañabas a goles, gañabas a patadas», afirman. Pola súa banda, o Palas empatou na casa ante o Becerreá. Xairo abriu e pechou o marcador do encontro. Polo medio o Palas remontou, pero só parcialmente.

O Paradela conseguiu a primeira vitoria da campaña. Triunfo de peso. Venceu ao San Lázaro que estaba invicto en partido oficial dende a chegada de Diego Rey. 12 xornadas de Liga sen perder. Tamén conseguiu os primeiros tres puntos o Río Sil. Con claridade ante o Bóveda. E onde houbo un protagonista especial. Juan de Mer debutou en partido oficial con 16 anos e sendo a súa primeira experiencia nun equipo de fútbol. Marcou dous goles. Tamén venceu o Incio na casa do Páramo. Partido entretido onde se impuxeron os ataques ás defensas. O Incio remontou un 2-0 inicial. E o Ferreira gañou no Baliño ao Santa Comba.